CONFERENCIA

Música e xénero na Idade de Prata:
compositoras españolas excluídas do relato

Pilar Serrano Betored

Sede Afundación (Rúa do Vilar, 19)
luns 10 outubro
19.30

asistencia gratuíta até completar o aforo

Música e xénero na Idade de Prata:
compositoras españolas excluídas do relato

Introducíndonos en cuestións de creación musical e xénero, presentes ao longo de toda a historia da música, a conferencia da musicóloga alacantina Pilar Serrano Bestored prestará atención a aquelas mulleres que durante o período da Idade de Prata española (1915-1939) intentaron atopar en España a súa propia voz artística a través da composición musical. Analizando, en primeiro lugar, a transcendencia dalgúns feitos sucedidos neste período en España que produciron un avance significativo nas liberdades das mulleres, percorrerá, a continuación, as biografías e obras fundamentais de compositoras españolas habitualmente excluídas do relato historiográfico como María Rodrigo, Emiliana de Zubeldía, María de Pablos, Rosa García Ascot ou María Teresa Prieto. As traxectorias e propostas estéticas das compositoras españolas deste período de entreguerras demostran a imposibilidade de circunscribilas baixo un único grupo ou etiqueta xa que practicaron estéticas e xéneros musicais moi diversos. Por último, reflexionaremos acerca dos motivos polos que a historiografía tradicional excluíu a estas creadoras dos seus relatos científicos e historicistas.

PILAR SERRANO BETORED

Doutora en Musicoloxía pola Universidade Complutense de Madrid, exerce como profesora e investigadora no Departamento Interfacultativo de Música da Universidade Autónoma de Madrid, onde traballa sobre temáticas de música e xénero. Nada en Alacante en 1988, foi bolseira no posgraduado en Humanidades na Residencia de Estudantes durante dúas convocatorias consecutivas (2016-2018), cunha tese doutoral titulada La influencia silenciada: Paul Dukas y la música española de la Edad de Plata, dirixida pola doutora Elena Torres Clemente. Tamén foi Investigadora pre-doutoral no Departamento de Musicoloxía da Universidade Complutense de Madrid entre 2018 e 2019 cunha bolsa concedida pola Comunidade de Madrid e o Fondo Económico Europeo para desenvolver o proxecto Mujeres músicas en el Madrid de la Edad de Plata, no que afondou na música española deste período dende unha perspectiva de xénero. Desenvolveu un proxecto de investigación e recuperación da compositora española María de Pablos, sobre a que publicou o libro María de Pablos: el sueño truncado en 2020, financiado pola Fundación Don Juan de Borbón e o concello de Segovia, e coordinou a edición e recuperación das partituras desta compositora e a gravación dun compacto coas súas obras de cámara, redactando as notas deste disco editado polo selo Nibius en 2021. Actualmente traballa en investigacións sobre roles de xénero na práctica instrumental do flamenco e o jazz, así como na análise da perspectiva de xénero no eido da educación musical española. Acaba de recibir a bolsa de investigación da Real Academia de España en Roma e a AECID na convocatoria 2022-2023 polo proxecto de investigación Roma città jazz: mujeres instrumentistas y estereotipos de género en la escena musical contemporánea, que desenvolverá na capital italiana durante a primavera de 2023.