CINEMA, DOC, MÚSICA…

Sede Afundación (Rúa do Vilar, 19)
Santiago de Compostela
martes 3 | 17 | 24 outubro 2023
19.00
asistencia gratuíta até completar a capacidade

Como ilustrativo complemento didáctico, o Festival Ateneo Barroco volve achegar unha serie de sesións cinematográficas e documentais. Relacionados directa ou indirectamente cos programas, estes filmes enriquecen os contidos do Festival e ofrecen unha panorámica suplementaria de aspectos musicais, de eventos históricos, de personaxes, en resumo, de historias do Barroco e as súas músicas, filtradas a través da visión de cineastas, músicos, artistas, escritores, musicólogos e especialistas.

As tres sesións desta quinta edición do Festival Ateneo Barroco (con entrada libre até completar a capacidade na sede de Afundación, na compostelá rúa do Vilar) arrancan coa proxección de De Occulta Philosophia, un filme documental dirixido por Daniel V. Villamediana en 2012 que, un decenio despois da súa rodaxe e un percorrido por prestixiosos festivais, se reafirma como un singular e valioso documento sobre a música barroca e a busca do coñecemento que hai tras ela. Fará a introdución á proxección de De Occulta Philosophia o director musical do filme, Andrés Alberto Gómez, versátil músico, programador e escritor albaceteño cunha salientable presenza nesta edición do Festival Ateneo Barroco.

Protagonista da particular segunda das sesións da achega arredor da música e o cinema, será o compostelán Manuel Vilas, outro músico de gran versatilidade, incansable investigador, sensible artista e magnífico arpista. Nunha sesión que vén enriquecer e complementar o concerto que poucos días despois ofrecerá xunto á cantante tradicional Vanesa Muela, Manuel Vilas, a partir dunha escolma de material visual e escrito, cinematográfico, videográfico, musical, etc., intentará reflexionar sobre algúns aspectos transcendentes da música tradicional hispana e poñer en evidencia a profunda débeda que a chamada música clásica ten coas músicas da tradición.

Para rematar esta variada achega de “Cinema, Doc, Música…” do Festival Ateneo Barroco 2023 que ten ao intérprete como foco da súa programación, proxéctase Farinelli, il Castrato, un filme dirixido polo belga Gérard Corbiau en 1994 e inspirado na vida de Carlo Broschi, personaxe que, baixo o alcume de Farinelli, chegou a ser probablemente o cantante de ópera máis afamado da súa época e se transformou nun mito cuxa lenda continúa vixente hoxe en día. Case tres decenios despois da estrea, Farinelli, il Castrato, filme merecedor de gran difusión e de numerosos e prestixiosos galardóns, converteuse nunha das referencias cinematográficas imprescindibles do mundo da música barroca.

 

***

DE OCCULTA PHILOSOPHIA

DANIEL V. VILLAMEDIANA director
ANDRÉS ALBERTO GÓMEZ  director musical
Filme, 72’. 2012

Sede Afundación
Santiago de Compostela
martes 3 outubro 2023
19.00
asistencia gratuíta até completar a capacidade

De Occulta Philosophia é unha película sobre a música barroca e a busca do coñecemento que hai tras ela. Unha música que continúa sendo actual porque busca expresar emocións e ideas universais coas que se pretende persuadir ao ouvinte até o punto da conmoción total. O grupo La Reverencia ensaia e interpreta en Liétor, unha vila de Albacete cuxas igrexas posúen unha acústica única en España grazas á súa peculiar orografía, un extraordinario repertorio do barroco alemán (Buxtehude, Tunder, Becker e Bach), ademais de composicións de Couperin e Monteverdi, á vez que dialoga e afonda sobre o sentido e a filosofía que subxace tras a música antiga. Interpretacións musicais, diálogos entre os músicos e con especialistas en retórica musical como Rubén López Cano, póñense en paralelo coa construción dun clave por un dos mellores luthiers do mundo, Titus Crijnen. Un instrumento que, peza a peza, igual que a película, plano a plano, irá desvelando os seus misterios.

De Occulta Philosophia é un filme sobre o proceso de creación da música, dende a creación do instrumento, os ensaios de La Reverencia, até a posta en escena das pezas. A película convértese así nun exercicio sobre como a música pode ser filmada, transformando o espazo sonoro nun espazo cinematográfico, no que os instrumentos dialogarán entre si e co mundo. Unha música conmovedora e efémera, que morre tras cada nota, e que o cinema garda para si. De Occulta Philosophia foi seleccionada en varios festivais internacionais de cinema, entre eles, Bos Aires (BAFICI 2013), Marsella (FID Marseille 2013) ou Sevilla (SEFF 2013). O selo Cameo editouna en formato DVD.

 

***

A TRADICIÓN OCULTA
MANUEL VILAS

Sede Afundación (Rúa do Vilar, 19)
Santiago de Compostela
martes 17 outubro 2023
19.00
asistencia gratuíta até completar a capacidade

Unha das grandes materias pendentes da investigación sobre música tradicional hispana é buscar respostas a varias preguntas relacionadas co pasado: Que música/s se facía/n nas nosas aldeas nos séculos do XVI ao XVIII? Como cantarían eses homes e mulleres? E de que diversas maneiras? Como facían os romances do século XVI? E as cancións de sega, festas, recollida dos máis diversos alimentos? E os cantos de voda ou Nadal? Como influíu a música de tradición na chamada culta? E ao contrario?

Preguntas sen resposta que merecen a nosa atención.

Nesta charla, Manuel Vilas fai unha escolma de material escrito e visual, cinematográfico, videográfico, musical, etc., coa intención de reflexionar sobre este punto e poñer en evidencia a profunda débeda que a chamada música clásica ten coas músicas de tradición.

MANUEL VILAS  arpa de dúas ordes

Nado en Santiago de Compostela, formouse en arpas antigas dos séculos XII ao XVIII, en Madrid con Nuria Llopis e en Milán con Mara Galassi. Ten colaborado con numerosos grupos e, como solista, nos máis importantes festivais de España, Alemaña, Italia, Cuba, Estados Unidos, Ecuador, República Checa, Austria, Noruega, Portugal, Suíza, Paraguai, Francia, Bolivia, Bélxica, Arxentina, Chile, Países Baixos, Colombia, Hungría, etc., ademais de ofrecer conferencias, cursos e clases maxistrais. Realiza concertos como solista con programas centrados na música barroca española, americana e italiana e ten colaborado, como acompañante e solista, en máis de 100 discos con diferentes conxuntos e discográficas. Foi o primeiro arpista en ofrecer un curso de arpa barroca española en Estados Unidos e en Cuba. Foi asesor no proxecto patrocinado pola Generalitat Valenciana de recuperación dos instrumentos dos frescos da Catedral de Valencia.

Unha das súas máis ambiciosas investigacións é a recuperación e gravación de varios proxectos relacionados cos tons humanos, un tipo de canción ou toada profana do século XVII español do que xa ten publicado varios compactos: toadas de Sebastián Durón coa soprano Raquel Andueza (Naxos), Tons á arpa coa mezzosoprano Marta Infante (Enchiriadis), tons de José Marín xunto ao tenor Félix Rienth e un cuarto dedicado ao Manuscrito Contarini, conservado na Biblioteca Marciana de Venecia. É director artístico do proxecto de gravación dos 100 tons do Manuscrito Guerra (s. XVII), manuscrito do século XVIII que investiga dende hai máis de quince anos e cuxa gravación integral publica a discográfica Naxos en 6 discos compactos. Así mesmo, é pioneiro no estudo de certo tipo de arpas hoxe totalmente esquecidas, como a arpa xesuítica chiquitana (Bolivia, s. XVIII), a arpa dobre que circulaba pola Coroa de Aragón no século XIV e, recentemente, presentou no Festival de Música e Musicoloxía Iberoamericana o seu estudo sobre a arpa no Virreinato do Perú e a reprodución da arpa de Santiago Apóstolo de Huachacalla (Oruro, Bolivia, s. XVIII). Foi convidado a representar a España no VI Festival Mundial de Arpa en Asunción (Paraguai) sendo o primeiro arpista en ofrecer un recital de arpa de dúas ordes neste país.

En 2007 funda o conxunto Ars Atlántica, que se presenta no festival Via Stellae coa estrea, en tempos modernos, das cantatas procedentes do palacio que a familia Contarini posuía preto de Venecia, e cuxa gravación, xunto á mezzo Marta Infante, foi galardoada en Holanda co premio “prelude classical music” como un dos mellores discos de música antiga de 2010. Unha das súas especialidades é ofrecer recitais con cantantes e ten acompañado a Marta Infante, Guillemette Laurens, Raquel Andueza, Maria Jonas, Isabel Monar, Juan Sancho, Roberta Invernizzi, Olalla Alemán, Mercedes Hernández, María del Mar Fernández Doval, Mariví Blasco, José Antonio López, Isabel Álvarez, Francisco Fernández Rueda, Yetzabel Arias, Mónica Piccinini, etc. Forma dúo estable coa cantante Paloma Gutiérrez del Arroyo, dúo dedicado ás músicas monódicas do medievo que xa publicou o compacto Chantador de joi d`amor sobre a figura do trobador Bernart de Ventadorn (editado polo selo holandés Etcétera).

Recentemente ofreceu na Escola Superior de Canto de Madrid un curso especializado en tons humanos do século XVII, presentou na American Society of New York o seu traballo sobre o himno cuzqueño dos séculos XVI ao XIX e gravou 24 tons do Cancioneiro da Sablonara, xunto ao conxunto Vandalia, proxecto financiado pola Fundación BBVA, e Compendio Numeroso, o primeiro monográfico dedicado ao arpista Diego Fernández de Huete, para a prestixiosa discográfica Paraty. Actualmente é profesor de arpa medieval no CIMM (Centro Internacional de Música Medieval de La Valldigna). Posúe a súa propia canle de youtube, onde se pode ver e escoitar parte do seu proxecto audiovisual no que amosa diversas arpas antigas en diferentes localizacións de Santiago de Compostela (ArpaManuelVilas).

 

***

FARINELLI, IL CASTRATO
Gérard Corbiau. 1994
Filme, 110’

Sede Afundación (Rúa do Vilar, 19)
Santiago de Compostela
martes 24 outubro 2023
19.00
asistencia gratuíta até completar a capacidade

Farinelli, il Castrato, un filme dirixido polo belga Gérard Corbiau en 1994 que se fixo merecedor de gran difusión e de numerosos e prestixiosos galardóns, mesmo chegou a ser nomeado para o Óscar á mellor película estranxeira, converteuse, case tres decenios despois da súa estrea, nunha das referencias cinematográficas imprescindibles do mundo da música barroca.

O filme está inspirado na vida de Carlo Broschi, personaxe que baixo o alcume de Farinelli chegou a ser probablemente o cantante de ópera máis afamado da súa época, citado constantemente como o máis importante castrado de todos os tempos, e que se transformou nun mito cuxa lenda continúa vixente hoxe en día.

A dirección musical do filme correu a cargo do director e clavecinista francés Christophe Rousset e a música foi interpretada pola súa orquestra de instrumentos orixinais Les Talens Lyriques. O actor Stefano Dionisi deu vida ao personaxe de Farinelli, cuxa voz para a banda sonora é froito da mestura dixital das voces de dous cantantes de ópera: a soprano polaca Ewa Malas-Godlewska e o contratenor estadounidense Derek Lee Ragin.