As Sonatas para violín e clave
de Johann Sebastian Bach

 

MASSIMO SPADANO  violín
FERNANDO LÓPEZ PAN  clave

Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia)
Santiago de Compostela
martes 8 outubro 2019
20:00

MASSIMO SPADANO  violín

Nado en Lanciano (Italia), é membro fundador das orquestras barrocas Camerata Anxanum (Italia), coa que colaborou na investigación e edición de varios volumes de música barroca italiana, e Camerata Boccherini (España). Dende 1994 é concertino da Orquestra Sinfónica de Galicia e, dende 1995, director artístico da Orquestra de Cámara da Sinfónica de Galicia. En 2015 foi nomeado director titular da orquestra Academia 1750. Como solista, concertino ou director, traballou coa Academy of Ancient Music, Cristofori Ensemble, Chambre Philarmonique, Concerto Italiano, Le Concert des Nations, Ensemble Baroque de Limoges, Orfeo 55, Ensemble Zefiro, etc., actuando en prestixiosos festivais e salas de concerto de Europa, Oriente Medio, Asia, América do Sur e Estados Unidos. Gravou para discográficas como Harmonia Mundi, Deutsche Grammophone, Sony e Auvidis Astrée, gañando un Choc Musique.

FERNANDO LÓPEZ PAN  clave

Comeza os seus estudos de clave no Real Conservatorio Superior de Madrid e continúaos en Holanda baixo a dirección de Jacques Ogg. En París estuda con Kenneth Gilbert e Pierre Hantaï durante catro anos, período no que tamén recibe clases de Ketil Haugsand, Gustav Leonhardt e Christophe Rousset. Colaborou coa Real Filharmonía de Galicia, a English Chamber Orchestra e directores como Helmuth Rilling, Neville Marriner, Alberto Zedda, Antoni Ros Marbá, Federico Maria Sardelli e Paul Daniel, e participou no Festival Mozart (A Coruña) e no Festival Internacional de Música de Galicia. É membro da Camerata Boccherini, que dirixe Massimo Spadano. Doutor en Filoloxía pola Universidade de Oviedo, foi coordinador dos ciclos de música barroca da Fundación Pedro Barrié de la Maza (A Coruña).

PROGRAMA

Johann Sebastian Bach(1685-1750):

Sonata para violín e clave núm. 1 en si menor BWV 1014
Adagio – Allegro – Andante – Allegro

Sonata para violín e clave núm. 5 en fa menor BWV 1018
Largo – Allegro – Adagio – Vivace

Sonata para violín e clave núm. 6 en Sol maior BWV 1019
Allegro – Largo – Allegro – Adagio – Allegro

Georg Friedrich Haendel (1685-1759)

Sonata en Re maior HWV 371
(sen indicación de tempo) – Allegro – Larghetto – Allegro

 

SONATAS OU TRÍOS?
Bach, as sonatas para violín e clave
Fernando López Pan

“Os seis tríos para teclado… están entre as mellores obras que compuxo meu defunto pai.
Aínda soan de xeito excelente e prodúcenme moita satisfacción aínda que as compuxo hai máis de cincuenta anos.
Conteñen algúns
adagii que hoxe en día non poderían ter sido escritos dun xeito máis cantábile”.

Carl Philipp Emanuel Bach, 1774

Se se anuncia que nun concerto se van tocar trío sonatas, case todo o mundo esperará ver tres músicos sobre o escenario, e se falasemos de música do século XIX sería exactamente así. En cambio, no século XVIII as obras non son clasificadas ou nomeadas polo número de músicos senón polo número de voces; lembremos as trío sonatas de Bach para órgano nas que se poden distinguir facilmente as tres liñas melódicas: unha para cada man e outra para o pedaleiro. As seis sonatas para violín e clave de Bach están en realidade escritas en forma de trío sonatas. Esta forma musical, que culminou Arcangelo Corelli conseguindo por fin facer cantar todas as liñas melódicas, constaba de dous instrumentos solistas e un baixo continuo. Bach elimina nestas sonatas un instrumento, substituíndoo pola man dereita do clavecinista e creando o que se denomina clave obrigado. Agora o teclado non toca unha improvisación sobre o baixo continuo senón unha partitura en estilo concertato. Bach converte ao clave nun verdadeiro solista, liberándoo do papel acompañante do baixo continuo tal e como fixo no quinto concerto de Brandemburgo, considerado o primeiro concerto “moderno” para teclado da historia da música. Esta transformación pódese ver na Trío sonata BWV 1039 para dous violíns e baixo, transcrita para viola da gamba e clave, BWV 1027, na que utiliza exactamente este procedemento. Dun grupo de catro músicos (dous violinistas, un clavecinista e un violoncellista) pasamos a un grupo de dous: un violín e un clave. O título da primeira fonte que se conserva destas obras suxire que non nos esquezamos do violoncello se nos apetece, aínda que non haxa ningún texto específico escrito para este instrumento que non sexa a man esquerda do clave: “Sei Suonate a Cembalo certato è violino Solo, col basso per Viola da Gamba accompagnato se piace”. Esta mesma indicación “con baixo” foi escrita por Carl Philipp Emanuel Bach nos seus cuartetos para fortepiano, frauta e viola. Johann Heinrich Westphal (1756-1825), organista e admirador da obra do compositor, que recibiu esta obra para copiala, queixábase de que faltaba a parte do baixo e preguntoulle á filla de Bach que fixera con ela, ao que ela contestou que non había outra parte para o baixo distinta que a parte do teclado e que, en caso contrario, a tería recibido co resto.

O modelo de Bach segue o da sonata da Chiesa en catro movementos (lento-rápido-lento-rápido). Contrariamente á sonata da camera, que é unha sucesión de danzas, na sonata da Chiesa interveñen movementos de sonata tales como adagio, allegro ou andante, se ben non gardan a estrutura interna da sonata galante, que culminará na coñecida forma sonata de Beethoven, pero que supoñen un gran paso adiante no que será a sonata para un instrumento solista e teclado. Segundo Johann Nikolaus Forkel, o seu primeiro biógrafo, Bach compuxo a primeira versión das sonatas para violín e clave en Cöthen e “nesta categoría pódense considerar entre as primeiras obras mestras de Bach deste xénero. Son fluídas dende o principio ata o fin; teñen tamén algúns canons entre o clave e o violín que son sumamente cantábiles e cheos de carácter. A parte do violín esixe un mestre. Bach coñecía as posibilidades deste instrumento e escatimábaas tan pouco como facía co clave”.

Bach non se consideraba un innovador pero sublimou todas as formas musicais que cultivou. O seu dominio como compositor de obras de clave é facilmente visible no Clavierübung, en O clave bien temperado e en A arte da fuga. En canto ao violín era perfecto coñecedor das obras dos italianos, en particular de Corelli, así como das ousadas sonatas de Biber e da súa famosa pasacaille para violín só. As sonatas para violín e clave de Bach chegaron até nós en diferentes manuscritos e, aínda que figuraban entre as súas pertenzas no período de Leipzig, suponse que xa tiñan sido escritas durante a súa estancia Cöthen. Isto pode ser certo en canto ás primeiras cinco sonatas pero, no que se refire á Sonata núm. 6 en Sol Maior BWV 1019, semella que quedou incompleta e foi concibida en diferentes movementos até que chegou á súa hipotética versión final, que é a que se interpreta neste programa. O solo de clave, incluído nesta obra, xa estaba previsto dende o primeiro momento, aínda que na súa versión máis temperá se tratase da Courante da Sexta Partita en mi menor BWV 830. O primeiro movemento, Allegro, lembra un concerto e suxire cambios de teclado a xeito de eco e de forte e piano. Inmediatamente despois deste solo de clave, un Adagio escrito en estilo imitativo é seguramente un dos movementos que máis impresionou a Carl Philipp Emanuel Bach pola súa mestría e expresividade. A Sonata en fa menor BWV 1019 comeza, ao igual que a Sonata en si menor BWV 1014, cunha longa introdución do clave contestada polo violín cunha curta frase en pianísimo. Nun dos manuscritos que se conservan foi titulada Lamento. O último movemento da sonata en fa menor, Vivace, é probablemente o máis esixente para os intérpretes; escrito en estilo imitativo é tamén unha atrevida composición que só o pai de Carl Philipp Emanuel podería ter composto.