Ateneo Barroco 2019
Dende o seu rexurdimento en 2008, o Ateneo de Santiago atesoura unha sólida traxectoria fiel á súa vocación de fomento e participación activa da sociedade civil compostelá na vida cultural da cidade. Entidade sen ánimo de lucro declarada de utilidade pública pola Xunta de Galicia dende o ano 2012, o Ateneo de Santiago consolidouse nestes dez anos como un espazo de participación, entendemento, coñecemento e afondamento en temáticas de interese para a cidadanía, promovendo unha ampla e diversa oferta de actividades (conferencias, seminarios, exposicións, cursos, faladoiros, cinema, viaxes…) orientada á posta en valor dos recursos humanos e o potencial de saber da cidade, todo sen perder de vista o seu obxectivo principal de converterse en foro de debate e de opinión plural e independente, aberto a toda a sociedade compostelá.
A ninguén escapa a importancia e pegada histórica, patrimonial e cultural, da música na vida de Compostela, dende hai séculos e até os nosos días. Nesta privilexiada contorna que brinda a cidade e co patrocinio, apoio e colaboración institucional da Xunta de Galicia dentro do seu programa “O teu Xacobeo”, da Deputación da Coruña e do Concello e a Universidade de Santiago de Compostela, o Ateneo de Santiago promove un novo festival no que reunimos unha proposta de concertos e actividades complementarias didácticas e divulgativas (conferencias, encontros, proxeccións, etc.) nos primeiros días do mes de outubro. O festival Ateneo Barroco toma como punto de partida as músicas antigas e do Barroco, músicas que ben poden simbolizar un período de intercambio e diálogo cultural no que o Camiño de Santiago resultaba transcendental e no que podemos atopar un espello no que mirarnos e inspirarnos, especialmente en momentos históricos como o actual, no que a comprensión, a tolerancia, o debate e a solidariedade a través da música, linguaxe universal, resultan máis imprescindibles que nunca para a convivencia.
O festival Ateneo Barroco quere amosar dende a súa primeira edición a súa vocación de plataforma de mostra, de intercambio e de diálogo dos artistas e intérpretes galegos e residentes en Galicia, recoñecidos especialistas que teñen centrado os seus esforzos formativos e a súa traxectoria profesional e investigadora na música antiga, con prestixiosos artistas doutras latitudes que, sen dúbida, contribuirán a enriquecer a experiencia dos asistentes a este novo festival, a recolocar a Santiago como referencia na escena musical nacional e a tecer e asentar unha rede musical e artística que favoreza a creación, con criterio, dunha cimentación sólida para a edificación dun festival que nace con vocación de continuidade, crecemento e expansión. Como non podería ser doutro xeito, a igualdade é un dos obxectivos primordiais do festival en todos os seus niveis, facendo promoción activa da participación de mulleres, creadoras, intérpretes, profesionais, comunicadoras e investigadoras dun xeito responsable, visible e protagonista.
Os composteláns Manuel Vilas e Resonet (Mercedes Hernández e Fernando Reyes), a mezzosoprano Marta Infante, Massimo Spadano e Fernando López Pan, Amandine Beyer e Gli Incogniti, Fahmi Alqhai e Accademia del Piacere, son os protagonistas dos cinco concertos desta ilusionante primeira edición do festival Ateneo Barroco, no que poderemos gozar da música e do patrimonio artístico da cidade, en teatros, igrexas e espazos singulares como o Teatro Principal ou a Igrexa e o Paraninfo da Universidade de Santiago. No espazo de celebración de cada concerto, e con anterioridade ao mesmo, celebraranse breves encontros cos artistas, músicos especialistas e profundos coñecedores das súas ferramentas de traballo, os instrumentos, dispostos a satisfacer dúbidas e curiosidades e a ilustrar e amosar as peculiaridades de instrumentos tan vencellados ao Barroco como o clave, a arpa, a viola da gamba, o violín ou a tiorba. O musicólogo, escritor e crítico musical Stefano Russomanno abrirá a semana grande do festival cunha conferencia dedicada á singular e substancial figura de Barbara Strozzi, cantante e compositora veneciana do século XVII, da que aínda nos queda moito por descubrir. Como preludio, dúas xornadas de cinema, documental e música completan a achega divulgativa.