Homenaxe a Gustav Leonhardt
“Bach et la France”

PIERRE HANTAÏ  clave

Teatro Principal
Santiago de Compostela
martes 20 outubro 2010
20:00

Música de cámara e ópera da man como inspiración recíproca ou tendendo pontes entre estilos; a música para escena do Barroco e a música de cámara para salón, concertos e encontros sociais; Francia e Rameau e outros grandes mestres do Barroco en Europa: Haendel, Telemann, Monteverdi… As interrelacións, conexións e proximidade de todos os programas dos cinco concertos desta segunda edición do festival Ateneo Barroco poderían incluso facer difícil a escolla dunha das múltiples temáticas e perspectivas entre as que se podería abordar a explicación do programa no seu conxunto. É precisamente neste contexto no que a partires de Francia como eixo de programación chegamos a outro dos grandes compositores do Barroco sobre quen se articula o programa que Pierre Hantaï nos preparou en substitución do inicialmente programado a dúo con Skip Sempé. Cun programa monográfico dedicado a un dos grandes persoeiros da historia da música, Johann Sebastian Bach, Pierre Hantaï rende homenaxe tamén neste concerto ao seu mestre Gustav Leonhardt, director, organista, musicólogo, profesor, compositor e clavecinista holandés, un dos pioneiros do movemento historicista de recuperación da música antiga e considerado un dos mestres máis influentes e determinantes da interpretación historicamente informada e con instrumentos de época.

PIERRE HANTAÏ  clave

Nado en 1964, Pierre Hantaï apaixónase coa música de Bach e empeza a estudar música aos 10 anos. Recibe as súas primeiras clases de Arthur Haas e perfecciona a súa formación en Ámsterdam con Gustav Leonhardt. Axiña empeza a ofrecer os seus primeiros recitais e concertos, só ou na compañía dos seus irmáns Marc e Jérôme. Os anos seguintes están marcados pola colaboración con músicos directores de ensemble como Philippe Herreweghe, os irmáns Kuijken, François Fernández, Marc Minkowski, Philippe Pierlot, Jordi Savall, etc. O seu nome faise coñecido grazas a diversos e prestixiosos premios internacionais. En 1985 funda Le Concert Français, agrupación deseñada para traballar o repertorio barroco apoiándose nas investigacións musicolóxicas historicamente informadas, que daquela se atopaban en plena efervescencia. Recentemente reconstruíu este conxunto, ofrecendo xiras de concerto e gravando un disco dedicado ás cantatas de Bach. Pierre Hantaï toca como solista nos principais escenarios e festivais de Europa, Estados Unidos e Xapón, pero tamén gusta de reunirse cos seus irmáns e os seus amigos, artistas do talento de Hugo Reyne, Sébastien Marq, Skip Sempé, Amandine Beyer, Olivier Fortin, Christophe Coin ou Jean-Guihen Queyras, para facer música de cámara. A súa rica e ampla discografía, recollida en selos como Astrée-Audivis, Opus 11, Musidisc e Virgin Veritas, está integrada por discos dedicados a Frescobaldi, Bach, Scarlatti, Mozart, etc., gravacións distinguidas con galardóns tan importantes como o Charles Cros ou o Gramophone Award.

PROGRAMA

Johann Sebastian Bach (1685-1750)

Obertura en do menor BWV 995
Fuga en do menor BWV 997
Seis pequenos preludios escritos para seu fillo Wilhelm Friedemann
Choral “Wer nur den lieben Gott lässt walten” BWV 691
Partita en sol menor BWV 1004
(arranxo de G. Leonhardt a partires da Partita para violín)
     Allemande / Courante / Sarabande / Gigue / Chaconne

a orde de obras deste programa é só unha referencia e Pierre Hantaï anunciará durante o transcurso do concerto a composición que interpretará en cada momento

DESCARGAR PROGRAMA EN PDF