IMPROVISANDO
COMO NON PASA O TEMPO
persistencias barrocas en Scriabin e Aldo Clementi
PABLO SEOANE piano
Parador Hostal dos Reis Católicos
Santiago de Compostela
mércores 14 outubro 2026
20.00
entrada gratuíta até completar a capacidade
Dende a súa sexta edición en 2024 e por terceiro ano consecutivo, o Festival Ateneo Barroco presenta a súa sesión “Improvisando”, unha proposta na que o festival se abre a outros públicos e perspectivas de interpretación e da que son protagonistas os músicos da escena musical local e galega, nesta oportunidade o experimentado e polifacético compositor, pianista, escritor, filósofo e profesor Pablo Seoane. Arredor de tres décadas leva o ferrolán/compostelán Pablo Seoane desenvolvendo unha sólida e rigorosa carreira musical nos ámbitos próximos á improvisación, o jazz, a música contemporánea e as artes escénicas, nos que se converteu nunha referencia imprescindible na escena galega.
Pablo Seoane toma como punto de partida para esta nova entrega de “Improvisando” senllas composicións de Aleksandr Scriabin (Preludio nº 4) e de Aldo Clementi (Due Canoni). O Preludio nº 4 (1915) de Scriabin é un pequeno coral, como di a propia partitura, aceso por unha hipnótica textura harmónica; e a sutil escritura contrapuntística de Dous Canons (1994) de Clementi supón o raro trunfo do tacto e unha poderosa encarnación da vulnerabilidade. Ambas as pezas representan ese “intento consciente de formalizar unha desorientación da memoria”, do que falaba Morton Feldman, e lévano a cabo en boa medida con ferramentas temperadas por prácticas musicais de tres e catro séculos atrás. Nin Scriabin no arranque do século XX nin Clementi no do XXI deixan de ter un ollo posto no Barroco; un ollo posto nun tempo musical que, pese a todo, non acaba de pasar.
PABLO SEOANE piano
Compositor, pianista e na actualidade profesor na Facultade de Filosofía da USC. Nado en Ferrol en 1968, Pablo Seoane leva arredor de tres décadas realizando unha actividade regular en ámbitos próximos á improvisación, o jazz, a música contemporánea e as artes escénicas. Escribiu, ademais, sobre estética, metafísica e filosofía da música, entre outros asuntos. Desenvolve os seus labores musicais e filosóficos dentro e fóra do estado español (Brasil, Arxentina, Italia, Francia, Portugal, Reino Unido, etc.). Traduciu tamén obras poéticas e literarias, ao galego ou ao castelán, de autores como H. D. Thoreau, Samuel Beckett, Harold Pinter ou Guillaume Apollinaire. En 2020 publicou o libro Regla y tiempo real. Improvisación, interpretación y ontología de la obra musical (ed. Athenaica). Algunhas das súas últimas obras no ámbito da música ou a arte sonora son Parábase (2017, peza composta para os dous órganos barrocos da Basílica de San Salvador de Lourenzá); Novia china, buena suerte (2020, piano só); Phármakon (2021, obra músico-escénica para viola, óboe, corno inglés e dous actores); Cicerón tira os dados e sáelle Venus (2023, peza para piano, violoncello, violín e óboe); Exercicios de Cartografía inversa (2024, obra multidisciplinar xunto á artista e cellista Macarena Montesinos); Ezekiel meets… (2024, co guitarrista Antonio Bravo, Alina Records); e Karaoke de Interior (2024, obra performativa e musical, correlato dunha investigación filosófica sobre o sentimentalismo).
Improvisacións sobre o Preludio nº 4 de Aleksandr Scriabin e Due canoni de Aldo Clementi
Se ben é certo que en termos xerais a polifonía forte é unha especie irremediablemente en extinción, tamén o é que algúns dos seus trazos formais, como o contrapunto e o canon, foron (e son) aínda teimosamente sostidos por un bo número de autores contemporáneos. Por unha banda, quizais esta polifonía contemporánea cultiva a miúdo o estatismo dos corais barrocos ou a vertixe da circularidade canónica como un intento novo de entender performativamente o tempo doutra maneira, a partir do desfase, o delay, a núa multiplicidade. Pero noutro senso parece claro tamén que todo iso xa estaba antes aí.
Scriabin e Clementi, por exemplo. O Preludio nº 4 op 74 (1915) de Aleksandr Scriabin é un pequeno coral cru, “lento, vago, indeciso”, como di a propia partitura, e aceso por unha hipnótica textura harmónica. E a sutil escritura contrapuntística de Due Canoni (1994) de Aldo Clementi supón o raro trunfo do tacto, unha poderosa encarnación da vulnerabilidade. Ambas as pezas representan limpamente, cada unha ao seu xeito, ese “intento consciente de formalizarunha desorientación da memoria” do que falaba Morton Feldman.
Mais a cuestión é que esa desorientación formalizada, que non é outra cousa que o precioso resultado de fabricar experiencias temporais desusadas, lévase a cabo en boa medida con ferramentas temperadas por prácticas musicais de tres e catro séculos atrás. Ou noutras palabras, cando Scriabin inaugura o século XX e Clementi o XXI, ningún dos dous deixa de ter un ollo posto no Barroco. Un ollo posto nun tempo que, pese a todo, non acaba de pasar.
Pablo Seoane
