IMPROVISANDO
IMPROVISACIÓNS GOLDBERG
PABLO SEOANE piano
PABLO REGA guitarra eléctrica
Sindueña Cervexaría (Rúa Nova, 36)
Santiago de Compostela
mércores 16 outubro 2024
22.00 (apertura de portas 21.30 h.)
asistencia gratuíta até completar a capacidade
O festival Ateneo Barroco, para pechar a súa sexta edición, presenta “Improvisando”, unha nova achega dentro das súas actividades complementarias coa que o festival dá un paso cara adiante na súa vocación multidisciplinar e se abre a outros públicos e perspectivas de interpretación.
Improvisacións Goldberg é o título desta sesión de improvisación, que protagonizan o pianista Pablo Seoane e o guitarrista Pablo Rega, sen dúbida dous dos músicos galegos máis comprometidos coa improvisación nas súas diversas manifestacións, enfoques e perspectivas. Con Improvisacións Goldberg remata o festival, pechando o círculo arredor de Bach e as súas Variacións Goldberg, unha obra moi presente, lida, interpretada e amosada dende diferentes puntos de vista neste Ateneo Barroco 2024. A sesión terá lugar na compostelá cervexaría Sindueña (rúa Nova, 36) o mércores, 16 de outubro, ás 22 horas, con entrada gratuíta até completar a capacidade.
Músico e doutor en filosofía, o ferrolán Pablo Seoane leva máis de dúas décadas realizando unha actividade regular como pianista e compositor en eidos próximos ao jazz, a improvisación, a música contemporánea, a performance e o teatro. Tamén ten escrito sobre estética, metafísica e filosofía da música, entre outros asuntos, e desenvolto a súa carreira musical e filosófica en Galicia, Estados Unidos, Brasil, Italia, Portugal, Reino Unido, etc. Ten traducido ao galego e ao castelán a Thoreau, Beckett, Pinter ou Apollineire e, entre as súas publicacións, cómpre salientar, recentemente, o compacto con música para piano Novia China, Buena Suerte ou o libro Regla y tiempo real. Improvisación, interpretación y ontología de la obra musical (Athenaica editorial).
Artista sonoro e músico experimental, Pablo Rega é cabeza visible de proxectos como F.I.L.O., Electra, Comando Radar ou Orquesta Omega. Pablo Rega actuou en prestixiosos festivais e colaborou con diversas formacións e proxectos, como Neumática, con Alfredo Costa Monteiro; IED8; Piensan los pies, xunto a Nilo Gallego; Yavestruzcomoandamios, con Fernando Oyagüez e Nilo Gallego; Z1C0, con LAR Legido e Tom Chant; BRUITAGE, con Tom Chant e Javier Carmona; Banda Crebinsky; Banda de Improvisadores de Barcelona (BIB); orquestra FOCO de Madrid, etc. Realizou instalacións sonoras co escultor Óscar de Paz e pezas para diferentes festivais de arte e tecnoloxía. Colaborou co colectivo Binaural en Portugal e realizou numerosas bandas sonoras para compañías teatrais, como Chévere, Ladanaus, Los Corderos, Antigua i Barbuda ou PlayGround, así como para diferentes proxectos de cinema documental. Como compositor, realiza pezas a partir da manipulación e fabricación de dispositivos de son tomados de diferentes fontes e materiais, tanto electrónicos como acústicos.