Rameau, mestre do Barroco francés
Pièces de clavecin en concerts

IMPETUS

JOAN ESPINA  violín
JORDI COMELLAS  viola da gamba
YAGO MAHÚGO  clave e dirección

Teatro Principal
Santiago de Compostela
sábado 24 outubro 2020
20:00 e 21:30

Clausurando o festival, o ensemble madrileño Impetus que dirixe Yago Mahúgo, un dos mellores representantes da nova xeración de grupos españois de música antiga, dedica o seu concerto á música de cámara e para clavecín do gran mestre do Barroco francés, Jean-Philippe Rameau, figura central do festival Ateneo Barroco 2020. O gran Jean-Philippe Rameu foi un dos personaxes máis influintes no Barroco musical en Europa; compositor, clavecinista e teórico, referencia absoluta da ópera barroca francesa, Rameau aparece no programa do festival visto dende a doble perspectiva de operista e de virtuoso e mestre compositor para o teclado, faciana que amosan á perfección as marabillosas Pièces de Clavecin en Concert sobre as que xira o programa do concerto de Impetus.

 

IMPETUS  CONJUNTO BARROCO DE MADRID

Ímpetus, conxunto barroco de Madrid, nace en 2006 por iniciativa do clavecinista, fortepianista e director Yago Mahúgo co fin de dar difusión á música da época barroca e clásica/antiga seguindo criterios historicistas. Isto é posible grazas a un grupo de grandes músicos profesionais que, encabezados por Yago Mahúgo, conta cunha brillante preparación no eido da interpretación da música antiga, barroca, clásica e prerromántica con instrumentos orixinais. Deste xeito, a fidelidade a convencións musicais da época, así como a execución con instrumentos históricos de exquisita factura, fan que o son de Ímpetus se afaste substancialmente do habitual, achegándose á idea do compositor e á atmosfera orixinal de cada obra, situándoa no seu contexto histórico, artístico e interpretativo.

Ímpetus figura na actualidade entre os grupos españois de maior proxección. A súa traxectoria, tanto en concerto (Festival de Música Antigua de Aranjuez, Festival de Granada, etc.) como no estudo de gravación, ten sido amplamente enxalzada e premiada por prestixiosos críticos dentro e fóra de España. Tras a excelente acollida do seu primeiro disco, Ímpetus live in Madrid (2013), o segundo, Pièces en Clavecin en Concerts de Jean-Philippe Rameau (2014) foi nomeado aos International Classical Music Awards 2015 na categoría de Música Instrumental Barroca e foi galardoado cos premios das revistas especializadas máis importantes: Scherzo (Disco Excepcional del Mes), Ritmo (Disco Recomendado) e Melómano (Melómano de Ouro e Disco do Ano 2014). A súa terceira gravación, Geistliche Oden und Lieder mit Melodien de Carl Philip Emanuel Bach (2015), interpretado pola soprano Mariví Blasco e por Yago Mahúgo ao fortepiano Anton Walter, obtivo de novo o respaldo unánime da crítica.

Ademais do seu labor como fundador e director de Ímpetus, Yago Mahúgo desenvolve unha salientable carreira como solista. A súa gravación das obras completas para clave de Pancrace Royer (Brilliant Classics, 2013) foi galardoado como Disco Excepcional do Mes pola Revista Scherzo, entre outras mencións, e elixido polo xornal El País como unha das mellores gravacións de música antiga de 2013.

 

PROGRAMA

Jean-Philippe Rameau (1683-1764)
Pièces de Clavecin en Concerts núm. 1
__La Coulicam
__La Livri: Rondeau Gracieux (clave solo)
__La Livri: Rondeau Gracieux
__Le Vézinet

Jean-Philippe Rameau (1683-1764)
Pièces de Clavecin en Concerts núm. 3
__La Poplinière
__La Timide (clave só)
__La Timide
__1er Tamourin, 2e Tambourin en Rondeau

Joseph-Nicolas-Pancrace Royer (1705-1755)
La Marche des Scythes (clave solo)

Jean-Philippe Rameau (1683-1764)
Pièces de Clavecin en Concerts núm. 5
__La Forqueray: Fugue
__La Cupis
__La Marais

 

ÍMPETUS CONJUNTO BARROCO DE MADRID

JOAN ESPINA  violín
JORDI COMELLAS  viola da gamba
YAGO MAHÚGO  clave e dirección

 

Rameau, mestre do Barroco francés
Yago Mahúgo

Pièces de clavecin en concerts

Jean-Philippe Rameau pode ser considerado o último compositor da escola clásica francesa. Aínda que formalmente a súa música carece do estilo espontáneo do seu contemporáneo Couperin, a perfección harmónica que acada ao longo da súa traxectoria non é comparable coa de ningún outro compositor francés da época. Non esquezamos que nos atopamos ante un teórico da música que consagrou a súa vida profesional á busca da perfección estrutural da súa obra. Isto resulta moi visible nas súas partituras para clavecín. De feito, no século XIX os compositores que recuperaron estas obras asombráronse ao descubrir a gran riqueza sonora dese repertorio. De aí a veneración dos impresionistas polas composicións de Rameau que, o mesmo que as de Couperin, foron interpretadas con frecuencia nas salas de concerto e serviron como inspiración para obras tan significativas como o célebre Hommage à Rameau das Images de Claude Debussy.

Rameau publicou tres grandes coleccións de música para clave. O primeiro volume apareceu cando contaba con tan só vinte e tres anos. Fórmano dez pezas e é quizais o menos rechamante, aínda que xa se poden percibir os trazos do seu estilo. En 1724 publicouse o segundo volume, que confirma as súas liñas estilísticas e deixa entrever unha clara influencia de Couperin. Aquí, as obras son máis profundas, fermosas e incluso posúen unha marcada sensibilidade lírica. Do mesmo xeito, a melodía ten unha gran finura e flexibilidade. Con todo, o punto forte desta terna sería a publicación do terceiro volume, chamado Nouvelles Suites de Pièces de Clavecin, en 1731. Neste libro, obra paradigmática da produción para clave, Rameau desenvolveu o iniciado na segunda colección e logrou marabillosos efectos sonoros como a simulación de que son tres as mans que tocan o instrumento, en lugar de dúas, ou a imitación do cacarexo dunha galiña.

Dentro da produción para clave de Rameau, independentemente destes tres libros citados, hai unha serie especialmente significativa, as Pièces de clavecin en concerts. Recompilación de cinco concertos publicada en 1741, estas Pièces de clavecin en concerts representan unha illa no medio do catálogo musical de Rameau ao constituír a súa única obra de cámara coñecida. Até que en 1734 Jean-Joseph Mondonville publicou as Sonates pour le clavecin avec accompagnement de violon, a música de cámara durante o barroco era entendida como un ou dous instrumentos que desenvolvían unha melodía ao redor dun baixo continuo formado por un clave e un instrumento de corda grave (viola da gamba, violone, violoncello ou contrabaixo). O baixo sempre tivo partes de obbligato, aínda que a súa función principal era servir de acompañante, e Mondonville rompeu co concepto do trío-sonata italiano e, xunto a autores como Dauvergne, Blanchet ou Pagin, puxo de moda as pièces en concert, grazas ás que o clave asumiu un papel protagonista. De feito, o propio Rameau confesa no prefacio da primeira edición das Pièces de clavecin en concerts que para escribir esas obras recibiu influencias de “recentes publicacións”.

Non coñecemos con exactitude o período no que Rameau compuxo os cinco concertos que conforman as Pièces de clavecin en concerts pero, por proximidade de estilos, crese que se escribiron durante a década de 1730, período no que viron a luz as súas óperas máis brillantes. Como era relativamente frecuente na época, Rameau titulou cada un dos movementos das obras con nomes correspondentes a lugares, estados de ánimo e personaxes. No prólogo da primeira edición o compositor deu algunhas indicacións á hora de interpretalas e dixo tamén que podían ser tocadas a clave só, sen axuda de acompañamento. Non obstante, o resultado pobre desa interpretación levouno a transcribir pezas como La Livri, L’Agaçante, La Timide e L’Indiscrète para clave só.

A transcendencia da obra de Rameau ao longo da historia é indiscutible e tanto é así que podemos afirmar que coas Pièces de clavecin en concerts estamos na antesala do que non moitos anos máis tarde serían as sonatas para piano e violín de Mozart ou Beethoven. Respecto ao resto da súa produción musical, hai constancia de que moitas das súas óperas foron interpretadas até o final do Antigo Réxime, aínda que caeron no esquecemento durante máis de cen anos, até que os impresionistas as rescataron. Dende aquela até agora, aínda que sabemos pouco da súa vida persoal, a figura de Rameau como músico recuperouse na súa totalidade e maniféstase como un dos principais representantes da lírica e da tecla, ao mesmo tempo que como un dos máximos expoñentes das reformas harmónicas e musicais de todos os tempos.

Creación de xéneros musicais na Francia absolutista

O barroco chegou a Francia algo máis tarde que ao resto de Europa. Durante o século XVI o país estivera inmerso en varios conflitos armados. Salienta, sobre todo, a Guerra dos Trinta Anos, que enfrontou ás principais potencias europeas e sumiu a Francia nunha etapa de escurantismo da que só sairía, ademais triunfante, tras a Paz de Westfalia. Tiveron que morrer Luis XIII, Richelieu e o cardeal rexente Mazarino para que Luis XIV, o Rei Sol, instaurase o Absolutismo e amosase o poder de Francia ao mundo.

Nese momento, as normas estéticas que rexían o panorama musical do país facían que as escenas-musicais foran o paradigma dunha nobreza frívola e superficial. A situación cambiou coa chegada á corte en 1652 do florentino Jean Baptiste Lully, compositor nomeado director musical da familia real en 1662 que revolucionou a escena musical francesa, achegando o ríxido formalismo francés ao barroco italiano. Lully introduciu o ballet na ópera e creou a abertura francesa, caracterizada por intercalar un tempo rápido entre dous movementos lentos. Como resultado das súas achegas, naceu un estilo musical máis aristocrático e refinado, axustado ao carácter extremadamente luxoso que a corte do Rei Sol tiña adoptado. En canto á calidade dos libretos, estes melloraron considerablemente, deixando de lado as superficialidades anteriores grazas á colaboración do compositor con dramaturgos da categoría de Molière e Corneille.

Non só Lully fixo grandes contribucións a esta primeira etapa do barroco francés, tamén Charpentier axudou ao desenvolvemento da música relixiosa, ao igual que André Campra, que creou a ópera-ballet nunha mestura de música francesa e italiana. Coa desaparición de Luis XIV chegou a etapa da rexencia de Felipe de Orleáns, seguida do reinado de Luis XV. Neste punto, a música recargouse de adornos e a harmonía empobreceuse; púxose de moda o chamado “estilo galante”, en alusión á ópera-ballet L’Europa Galante de Campra. Pese a este descenso na calidade das producións, dous grandes compositores da época pasaron á historia pola súa grandiosa achega á música: o primeiro é François Couperin, cuxa obra para clavicémbalo foi revolucionaria, e o outro, quizais maior aínda, é Jean-Philippe Rameau.

Sobre o compositor

Jean-Philippe Rameau naceu o 25 de setembro de 1683 en Dijon. Fillo dun organista, hai quen asegura que aínda neno xa era capaz de ler calquera obra para clave. Aínda que viaxou a Italia e estudou as súas formas musicais, sempre preferiu a música francesa, convicción coa que máis adiante gañou algúns detractores entre os seguidores do estilo de Lully. Antes de colleitar éxito, traballou como organista en Clermont-Ferrand, onde escribiu o seu célebre Tratado de harmonía, unha das principais obras sobre teoría musical escritas até finais do XIX. Aínda que co paso do tempo se percibiron certas fraquezas no Tratado, tal e como o mesmo Rameau debeu contemplar, dadas algunhas alteracións e cambios que fixo do mesmo, considerábao, por enriba das súas composicións, o cumio da súa obra. Por outra banda, é curioso ver como, no seu afán normalizador, Rameau tamén publicou o Méthode pour la mécanique des doigts, un manual sobre como colocar os dedos para tocar o clavicémbalo.

A fama sorprendeu a Rameau un tanto tarde, se temos en conta a esperanza de vida da época e a idade en que outros músicos do momento comezaron a triunfar. En 1723, con corenta anos, mudouse a París, onde o seu amplo coñecemento sobre a teoría musical, así como a súa grande habilidade no clave, fixérono o mestre máis prezado da cidade. Pero o seu gran camiño cara ao éxito viría grazas ao mecenas Jean Jacques de la Pouplinière, quen o contratou como director da súa orquestra privada. De feito, unha das pezas das Pièces de clavecin en concerts leva o seu nome como título. Neste momento, posiblemente roldaba o ano 1735, Rameau tería xa composto a súa ópera Les Indes Galantes, á que seguirían Castor et Pollux, Dardanus ou Les Fêtes d’Hébé, así como as súas inigualables Pièces de clavecin en concerts.

 

DESCARGAR PROGRAMA EN PDF