BWV… ou non!
O Bach “inauténtico”

 

GLI INCOGNITI
AMANDINE BEYER  violín e dirección
MANUEL GRANATIERO  frauta traveseira
BALDOMERO BARCIELA  viola da gamba
ANNA FONTANA  clave

Teatro Principal
Santiago de Compostela
mércores 9 outubro 2019
20:00

 

GLI INCOGNITI
AMANDINE BEYER  violín e dirección

Fundado en 2006 por Amandine Beyer, o grupo toma o seu nome da Accademia degli Incogniti, un dos círculos artísticos e literarios máis activos e liberais do século XVII en Venecia. Deste nome herda tamén o seu espírito, un gusto polo descoñecido en todas as súas formas, pola experimentación coas sonoridades, a busca de repertorio, a redescuberta dos «clásicos» e de obras mestras descoñecidas. Gli Incogniti senten un verdadeiro pracer tocando xuntos que se transmite en cada unha das súas doce gravacións realizadas para Zig-Zag Territoires/Outhere Music e Harmonia Mundi, todas excelentemente recibidas pola crítica internacional.

Tras once anos de exploración do repertorio barroco máis ou menos coñecido (das Catro Estacións de Vivaldi ás pezas de violín de Matteis), Gli Incogniti aborda por primeira vez en 2017 o repertorio pre-clásico e clásico, invitando aos pianofortistas Alexei Lubimov e Kristian Bezuidenhout para un programa baseado nas sinfonías de Carl Philipp Emanuel Bach e nos concertos de Haydn. En 2018 arrancan un proxecto no que se unen música e danza froito dunha colaboración de grande envergadura con ROSAS, a compañía de Anne Teresa de Keersmaeker e a orquestra B’Rock arredor dos seis Concertos de Brandemburgo de Bach, programa co que realizan unha gran xira mundial na tempada 2018-2019: Berlín, Nova York, Lisboa, Bruxelas, París, Luxembourgo, etc. Tras xiras internacionais que os levaron a tocar na Philharmonie de París, o Wigmore Hall de Londres ou a Abbaye de Royaumont, Gli Incogniti presentarase por primeira vez en 2019 no Théâtre des Champs Elysées e na Philharmonie Essen.

Despois de estar asociados ao Théâtre des Quatre Saisons de Gradignan durante catro anos, Gli Incogniti comeza en 2018 unha residencia no Théâtre de La Coursive (La Rochelle). Dende 2017, o grupo organiza cada ano a súa propia academia de música de cámara e traballo corporal, destinada a novos conxuntos barrocos. Gli Incogniti foi subvencionado os últimos tres anos pola DRAC Nouvelle Aquitaine.

 

PROGRAMA

BWV… ou non!
O Bach “inauténtico”

Johann Sebastian Bach (1685-1750) ou Carl Philipp Emanuel Bach (1714-1788)
Trio Sonata en Sol maior BWV 1038
Largo – Vivace – Adagio – Presto

Johann Georg Pisendel (1687-1755)
Sonata en do menor BWV 1024
Adagio – Presto – Affetuoso – Vivace

Johann Sebastian Bach (1685-1750)
Trio Sonata en do menor BWV 1079
Largo – Allegro – Andante – Allegro

Carl Philipp Emanuel Bach (1714-1788)
Sonata en re menor BWV 1036
Adagio – Allegro – Largo – Vivace

Johann Sebastian Bach (1685-1750)
Trio Sonata en Re maior, a partires do BWV 1028
Adagio – Allegro – Andante – Allegro

GLI INCOGNITI
AMANDINE BEYER  violín e dirección
MANUEL GRANATIERO  frauta traveseira
BALDOMERO BARCIELA  viola da gamba
ANNA FONTANA  clave

 

EXPULSADAS DO PARAÍSO
Amandine Beyer / Baldomero Barciela

Na concepción romántica da composición musical na que aínda se sostén fortemente a nosa cultura, un compositor é unha especie de ser sobrenatural afastado do mundo que o rodea e investido dunha misión sacralizada: a composición de “obras mestras” que, unha vez recoñecidas como “auténticas”, pasarán a constituír un catálogo de marabillas indiscutibles e incomparables. Pero esta idea fainos esquecer que un músico é, antes que nada, un ser humano cunha vida condicionada pola época na que vive, cunha inspiración permeable a numerosos aspectos como as súas relacións sociais, a súa contorna familiar, a emulación exercida por outros músicos, a creatividade renovada polas obras de alumnos máis novos, etc.

O caso de Johann Sebastian Bach resulta bastante paradigmático. Cando a principios do século XIX se empeza a construír o mito do gran músico alemán, un dos cimentos deste edificio será a publicación das súas obras completas e a elaboración dun catálogo que se transformará máis tarde no BWV (Bach Werke Verzeichnis). Pero ao longo dos anos algunhas das músicas que tiñan sido admitidas como saídas da imaxinación do Kantor comezan a xerar dúbidas sobre a súa autoría ou a ser directamente atribuídas a outros compositores e transfórmanse inmediatamente en anxos caídos. A mesma peza que uns anos antes era descrita como a creación dun xenio, desaparece pouco a pouco dos programas de concertos e discos e cae nun esquecemento inexorable.

O programa “BWV… ou non!” está formado por obras que, nun determinado momento, foron consideradas como pequenas xoias, que ao noso xuízo continúan a selo e que, en calquera caso, formaron parte da paisaxe musical da creación de Bach. Sabemos que o noso autor ten recollido os froitos dunha fabulosa herdanza musical (varias xeracións de músicos da súa familia o preceden), pero tamén das ensinanzas de compositores anteriores (como revela a súa propia biblioteca, tan ecléctica e internacional) e, por suposto, a vida musical que o rodeaba.

Neste camiño atopamos obras de colegas que Bach achou ao longo da súa carreira, como a sonata BWV 1024 atribuída actualmente (¡con certas dúbidas!) a Johann Georg Pisendel, o virtuoso violinista da corte de Dresde cuxas impresionantes calidades técnicas puideron inspirar a Bach a composición das sonatas e partitas para violín solista. Podemos entender por que esta sonata en do menor foi incluída no catálogo BWV: a súa poderosa fuga ou o seu terceiro movemento poderían ter sido, sen ningunha dúbida, asinados por Bach, incluso un dos seus grandes encantos reside no seu Adagio inicial, un recitativo rapsódico e imprevisible que nos lembra os movementos de concerto escritos por Vivaldi para o propio Pisendel.

A relación pai-mestre / fillo-discípulo con Carl Philipp Emmanuel Bach dificulta a asignación dunha autoría certa para numerosas obras como, por exemplo, a sonata BWV 1038, que ten tamén un número de catálogo dentro das composicións de C. P. E. Bach. É posible que o pai tivera pedido ao seu fillo, como exercicio de composición, a escritura de dúas voces para frauta e violín en scordatura sobre un baixo utilizado xa varias veces polo pai (por exemplo, na Sonata para violín e baixo continuo BWV 1021). Podemos imaxinar un xogo de propostas, correccións, suxestións, que fan imposible discernir o que corresponde a un e ao outro. Aínda máis sorprendente é o caso da sonata BWV 1036, datada en 1731 cando C. P. E. Bach tiña tan só 17 anos, e que, talvez, pola súa escritura tan desenvolta, foi atribuída ao pai, aínda que o novo estilo galante é unha marca do que será o futuro do novo compositor.

O programa presenta tamén algunhas obras “auténticas” (¡ou case!). A sonata da Ofrenda Musical BWV 1079 representa o cumio da habilidade contrapuntística de J. S. Bach ao final da súa vida. Nunha visita á corte de Prusia, onde traballaba o seu fillo, o rei Federico II, frautista afeccionado, suxírelle un fermoso tema cromático sobre o que improvisar. Non sabemos se, inspirado polas posibilidades deste tema, Bach decide publicar uns meses máis tarde toda unha colección de canons, entre os que destaca esta sonata na que o tema aparece nas variantes contrapuntísticas máis elaboradas.

E por último, a sonata BWV 1028 quizais nunca teña existido no xeito no que se presenta neste concerto… ou acaso si. Na actualidade coñecémola como unha sonata para viola da gamba e cembalo obrigado pero, como ocorre con tantas obras de Bach, a quen lle encantaba refacer unha e outra vez as súas composicións, posiblemente sexa un arranxo posterior dunha obra, hoxe perdida, para dous instrumentos agudos (por que non frauta e violín?) e baixo continuo. En resumo, esta achega de programa presenta unha serie de obras, escritas, compartidas, ensinadas ou refeitas que, con ou sen número de catálogo, son parte da “música” de Johann Sebastian Bach.