Rediscovering Spain
Fantasías, Diferencias e Glosas
ACCADEMIA DEL PIACERE
FAHMI ALQHAI director / viola da gamba
JOHANNA ROSE viola da gamba
RAMI ALQHAI viola da gamba
MIGUEL RINCÓN guitarra barroca
AGUSTÍN DIASSERA percusión
Teatro Principal
Santiago de Compostela
sábado 12 outubro 2019
20:00
ACCADEMIA DEL PIACERE
A valentía dos seus innovadores proxectos e a forte personalidade artística do seu director, Fahmi Alqhai, fixeron de Accademia del Piacere o grupo de vangarda da música antiga española e convertérono en referencia en Europa grazas á súa concepción da música histórica. Nas súas gravacións para os selos Alqhai & Alqhai e Glossa, Accademia del Piacere ten revelado novos matices en repertorios fundamentais da música histórica como o Seicento italiano, a música española do Renacemento (Rediscovering Spain) ou a escénica do Barroco hispano (Cantar de Amor, dedicado a Juan Hidalgo), que os fixeron merecedores de recoñecementos como o Choc de Classica (Francia), o Prelude Award (Holanda) e o premio GEMA ao mellor grupo barroco español en 2016. Accademia del Piaccere e Fahmi Alqhai sorprenden ademais visitando territorios artísticos alleos ao historicismo, en proxectos e discos como Las idas y las vueltas e Diálogos, respectivamente concibidos xunto aos cantaores flamencos Arcángel e Rocío Márquez, polos que recibiron o premio Giraldillo da Bienal de Flamenco de Sevilla 2012 e 2016. Accademia del Piacere ten actuado nos escenarios máis prestixiosos da música clásica, como a nova Elbphilharmonie de Hamburgo, os Konzerthaus de Berlín e Viena, a Philharmonie de Colonia, a Fundação Gulbenkian de Lisboa, o Auditorio Nacional de Madrid e outros moitos de Holanda, México, Colombia, Francia, Estados Unidos, Xapón, Bélxica, Alemaña, Suíza, España, etc. Accademia de Piacere recibe o apoio da Agencia Andaluza de Instituciones Culturales e do INAEM.
FAHMI ALQHAI
Fahmi Alqhai é considerado un dos máis importantes intérpretes de viola da gamba do mundo e un dos maiores renovadores da interpretación da música antiga, grazas á súa concepción arriscada, persoal e comunicativa do achegamento aos repertorios históricos. Nado en Sevilla en 1976 de pai sirio e nai palestina, formouse en Sevilla e Suíza (Schola Cantorum Basiliensis e Conservatorio della Svizzera Italiana de Lugano) cos profesores Ventura Rico, Paolo Pandolfo e Vittorio Ghielmi. Traballou para conxuntos e directores de renome como Jordi Savall, Ton Koopman, Pedro Memelsdorff, Uri Caine, etc., mentres obtiña a licenciatura de Odontoloxía pola Universidade de Sevilla. Focalizada xa a súa carreira cara á súa vertente solista e o seu conxunto, Accademia del Piacere, ten dirixido innovadoras gravacións para Glossa (Rediscovering Spain, Cantar de Amor…) que recibiron importantes recoñecementos internacionais, incluso fóra do eido das músicas históricas (Giraldillo á Mellor Música da Bienal de Flamenco de Sevilla). En 2014 presentou o seu primeiro compacto a solo, A piacere, cuxa renovadora concepción da viola da gamba recibiu unha excelente acollida en toda Europa; para a revista británica Gramophone é un disco «extraordinario» que «leva a viola da gamba a un novo terreo de gozoso potencial» e «un feliz tributo a todo o que a viola puido ter sido, e aínda pode ser». Con este programa xirou por Xapón e Estados Unidos, tras dirixir a Accademia del Piacere nas salas de concerto máis importantes do mundo. En 2016 presentou co selo Glossa o seu traballo máis persoal como solista, The Bach Album, que mereceu o Premio do Público ao Mellor Disco 2016 para GEMA, Disco Excepcional para Scherzo e Melómano de Ouro. Dende 2009 é director artístico do FeMÀS, Festival de Música Antigua de Sevilla, e en 2018 recibiu a Medalla da Cidade de Sevilla.
PROGRAMA
Di, perra mora
Anónimo s. XVI
La dama le demanda
Antonio de Cabezón (1510-1566) & Fahmi Alqhai
La Spagna
Glosado Heinrich Issac & Fahmi Alqhai
O felici occhi miei
Jacobus Arcadelt (1505-1568), Diego Ortiz (c.1510-c.1570) & Fahmi Alqhai
Diferencias sobre Guárdame las vacas
Improvisación & Fahmi Alqhai
Tiento III de primer tono
Antonio de Cabezón
Glosa sobre Mille Regretz de Josquin
Fahmi Alqhai
Fandango
Santiago de Murcia
Susana un jur glossada
Hernando de Cabezón (1541-1602) & Fahmi Alqhai
Xácaras & Folías
Anónimo & Fahmi Alqhai
Improvisación sobre el Pasacalle
Marionas & Canarios
Gaspar Sanz (1640-1710) & Fahmi Alqhai
FANTASÍAS, DIFERENCIAS E GLOSAS
Fahmi Alqhai
O primeiro obxectivo e fin deste programa e desta colección de pezas españolas reunidas baixo o título de Rediscovering Spain: Fantasías, Diferencias e Glosas non é a mera interpretación que se fai regularmente delas hoxe en día, baixo o tenue amparo e a cega bendición das chamadas interpretacións históricas, moi diluídas nas formas e faltas, cada vez máis, de contido e de autenticidade. Nesta oportunidade o conxunto Accademia del Piacere vai moito máis alá e pretende recuperar en todos os estados a práctica habitual dos músicos-instrumentistas dos séculos XVI e XVII. Calquera música é unha escusa para desenvolver todas as posibilidades de comentario, paráfrase e glosa do material orixinal composto por outros músicos e en moitos casos creados para este obxectivo soamente.
É moi ben sabido por todos os músicos e musicólogos dos nosos días que as prácticas habituais de interpretación instrumental nos séculos pretéritos non pasaban só pola lectura chá da música escrita polos seus creadores, senón pola adaptación desta ao intérprete ou a unha instrumentación diferente para a que foi creada (como sucedía coa maioría da música que nos chegou para vihuela ou órgano). Na maioría dos casos esta adaptación implica unha nova lectura do texto orixinal e a transformación das pezas, agregando ou reducindo voces, glosas, instrumentación ou a simple utilización de motivos característicos como base para a improvisación ou a creación de novos contrapuntos.
Accademia del Piacere busca neste programa a recuperación da práctica instrumental, neste caso hispana, e da lectura musical dos séculos XVI e XVII, afastándose da mera lectura das fantasías, diferenzas e glosas que xa foron creadas naquela época como exemplo dunha praxe e centrándose na pura creación e interpretación segundo os verdadeiros criterios historicistas… O auténtico obxectivo e fin dos músicos en todas as épocas.