Europa Barroca
Unha viaxe pola Europa Occidental dos séculos XVII e XVIII
MARTA INFANTE mezzosoprano
MANUEL VILAS arpa barroca
Igrexa da Universidade
Santiago de Compostela
xoves 10 outubro 2019
20:00
MARTA INFANTE
Nada en Lleida, onde comeza os estudos de piano, viola e canto, completa a súa formación superior de canto na Universidade de Ostrava (República Checa). Ten actuado en Alemaña, Francia, Noruega, Italia, Chequia, Polonia, Grecia, Xapón, e nas principais cidades de Oriente Medio e Sudamérica, así como nos principais festivais e auditorios de España xunto á Orquestra Sinfónica de Galicia, Sinfónica de Madrid, Sinfónica Rexión de Murcia, Filharmónica de Málaga, Orquestra Nacional do Salvador, Orquestra da Comunidade de Madrid, Sinfónica de Barcelona i Nacional de Catalunya, Orquestra Nacional de España, Orquesta de RTVE, etc. Ten traballado con directores da categoría de Jordi Casas, Arturo Tamayo, Francisco Rodilla, Miguel Ángel Gómez Martínez, Germán Cáceres, Aldo Ceccato, León Botstein, José Ramón Encinar, Carlos Kalmar e Kees Bakels, entre outros. No eido da música antiga colabora habitualmente coas máis importantes agrupacións nacionais e europeas e ten cantado con directores de prestixio como Vaclav Luks, Enrico Onofri, Federico María Sardelli, Ottavio Dantone, Richard Egarr, Giovanni Antonini, Rinaldo Alessandrini, Paul Goodwin, etc. Xunto ao pianista Jorge Robaina realiza un destacado labor no mundo do Lied ofrecendo recitais na Fundación Juan March (Madrid), Teatro Calderón (Valladolid), Caixaforum e Palau da Música Catalana (Barcelona), onde foi premiada no Concurso «Primer Palau» pola súa interpretación de Mahler e Dvorák, etc. Ten gravado para a radio checa, Mezzo, Catalunya Música, RNE e as discográficas Alpha, Glosa, CDM, Verso, Enchiriadis e EMEC, entre outras. A súa ampla discografía abrangue discos de música medieval, renacentista e barroca.
MANUEL VILAS
Nace en Santiago de Compostela, estuda arpas antigas dos séculos XII a XVIII en Madrid con Nuria Llopis e en Milán con Mara Galassi. Ten colaborado con prestixiosos conxuntos como Les Musiciens du Louvre, Al Ayre Español, Musica Ficta, Capela de Ministrers, Ensemble Elyma, La Galanía, Ars Longa, La Trulla de vozes, Orquestra Barroca de Sevilla, Coro Nacional de España, Ensemble La Chimera, Los Músicos de su Alteza, etc. nos máis importantes festivais de España, Alemaña, Cuba, EUA, Ecuador, República Checa, Paraguai, Austria, Portugal, Suíza, Francia, Italia, Bolivia, Bélxica, Arxentina, Chile, Holanda, etc. Tamén realiza concertos como solista, con programas centrados na música barroca española, americana e italiana, e imparte conferencias e cursos. Ten colaborado en máis de 60 discos con diferentes grupos e discográficas e participado en producións operísticas en París, Viena, Madrid, Xenebra, México, Berlín, Múnic, Bilbao, etc. Foi o primeiro arpista en ofrecer un curso de arpa barroca española en Estados Unidos e en Cuba. Actualmente atópase centrado nun ambicioso proxecto de recuperación de pezas vocais do Barroco español interpretadas exclusivamente co acompañamento da arpa de dúas ordes, tal como se facía na época, do que xa foron publicados catro discos compactos nos selos Naxos, Enchiariadis, Arsis e La Má de Guido, acompañado polas cantantes Raquel Andueza, Marta Infante e Estrella Estévez e o tenor Felix Rienth. Manuel Vilas é director artístico do proxecto de gravación dos 100 tons do Manuscrito Guerra, manuscrito do século XVII que investiga dende hai máis de dez anos e cuxa gravación integral publica Naxos en 6 compactos. Foi asesor no proxecto patrocinado pola Generalitat Valenciana de recuperación dos instrumentos dos frescos da catedral de Valencia. En 2008 fundou ARS ATLANTICA, grupo que se presenta no Festival Via Stellae coa estrea en tempos modernos das cantatas procedentes do palacio que a familia Contarini posuía preto de Venecia e cuxa gravación, xunto á mezzo Marta Infante, foi galardoada en Holanda co premio Prelude Classical Music como un dos mellores discos de música antiga de 2010. É pioneiro no estudo de certo tipo de arpas, hoxe totalmente esquecidas, como a arpa xesuítica chiquitana (Bolivia, século XVIII) e a arpa dobre que circulaba pola coroa de Aragón no século XIV. Unha das súas especialidades son os recitais con cantantes e ten acompañado a voces da categoría de Marta Infante, Guillemette Laurens, Raquel Andueza, Isabel Monar, Juan Sancho, Roberta Invernizzi, Mercedes Hernández, Marivi Blasco, José Antonio López, Isabel Álvarez, Francisco Fernández Rueda, Lidia Vinyes, Yetzabel Arias, Monica Piccinini, etc. Posúe a súa propia canle de Youtube, onde se pode ver e escoitar parte do seu proxecto audiovisual, que amosa diversas arpas antigas en diferentes localizacións de Santiago de Compostela (ArpaManuelVilas).
PROGRAMA
Henry Purcell (1659-1695)
O Solitude Z.406
Inglaterra
George Philipp Telemann (1681-1767)
Gemüts-ruhe
Jeder sein eigner Richter
Alemaña
Giovanni Felice Sances (c. 1600-1679)
Audite me
Italia
Johann Kaspar Fischer (1656-1746)
Polymnia(rondeau)
Alemaña / Chequia
Barbara Strozzi (1619-1677)
Lamento del Marchese Cinq-Mars
Italia
Jean Baptiste Lully (1632-1687): Les plaisirs de L’ile Enchantée(ballet)
“Arbres épais” (solo de Tircis)
Francia
Anónimo (s. XVII-XVIII)
Tanta copia de hermosura
España
Georg Friedrich Haendel (1685-1695)
Aria para reloj da ópera Riccardo Primo
Inglaterra / Italia
Antonio Vivaldi (1678-1741)
Care selve amici prati, cantata (aria-recitativo-aria)
Italia
Unha viaxe pola Europa Occidental dos séculos XVII e XVIII
José Ángel Vilas Rodríguez
Sería difícil hoxe realizar unha viaxe ou, empregando un termo máis turístico, un “circuíto” por Europa occidental sen que nos saíra ao encontro nalgún momento algunha creación da época barroca. Para nós, este cualificativo aparentemente sinxelo, “barroco”, é unha das ferramentas que empregamos para satisfacer a necesidade inmediata de situar ou clasificar certas experiencias artísticas; necesidade que nos asalta especialmente cando estamos de viaxe. Pero o Barroco forma parte do noso pasado e a miúdo aínda está presente na nosa contorna cotiá, caracterizando a nosa identidade cultural. Cando noutros países ou espazos experimentamos obras barrocas, entendemos que forman parte dunha linguaxe común que compartimos e podemos entender; pero tamén sentimos que son expresións particulares e específicas desa linguaxe común. O Barroco preséntasenos un e vario. Analogamente, na música consideramos o Barroco coma unha linguaxe propia dunha época, pero coas súas idiosincrasias xeográficas. Por iso podemos falar de diversas “variedades nacionais”: barroco italiano (onde foron normalizadas as características esenciais do Barroco musical e dende onde se difundiu practicamente por toda Europa), francés, alemán, hispánico, inglés, etc., todos eles representados neste programa que nos brinda a oportunidade de apreciar en que medida cada unha destas variedades presenta particularidades máis ou menos marcadas e, tamén, canto se inflúen mutuamente estas variacións ou se entrecruzan con outras, cuestións que teñen flutuado conforme ás circunstancias do devir histórico.
É na Italia onde vemos normalizarse as características esenciais do barroco musical: predominio dunha voz melódica sobre un baixo harmónico, o case omnipresente baixo continuo; expresión intensa de emocións tipificadas; predominio da música vocal; desenvolvemento de linguaxes específicas para a voz humana e os distintos tipos de instrumentos, linguaxes que sen embargo se poden intercambiar; unha concepción da interpretación musical como unha recreación, pois implica un papel activo dos músicos en certos aspectos como a ornamentación ou a realización do baixo continuo. Estas características básicas evolucionaron constantemente no século e medio longo que ocupa este estilo, como queda patente na sección dedicada a Italia neste programa. A importancia de adecuar a música ao texto queda patente na obra de Barbara Strozzi, cuxo Lamentoapareceu publicado en 1659. Comparando esta obra coa cantata de Vivaldi Care selve (Queridas selvas), de 1726, podemos advertir con claridade a evolución da música italiana.
O estilo italiano difundiuse por practicamente toda Europa, condicionando o seu desenvolvemento musical. Os compositores franceses incorporaron progresivamente o novo estilo, non sen discusións sobre a súa adecuación ao espírito francés. Ironicamente foi un compositor nado en Florencia, Lully, quen naturalizou definitivamente o barroco francés como expresión da época de Luís XIV, para quen traballou organizando entretementos dignos de Versalles como Les plaisirs de l’Ile Enchantée (Os praceres da Illa Encantada), de 1664, da que forma parte a aria Arbres épais (Árbores frondosas).
O estilo italiano e o francés integráronse en certo xeito no barroco tardío alemán, do que é inescusable referencia Telemann, contemporáneo de J. S. Bach. Foi un autor moi prolífico e dunha obra moi variada, abordando todos os xéneros; as cancións que figuran neste programa foron publicadas entre 1733 e 1734. Tamén o compositor inglés Purcell soubo integrar na súa persoal obra características dos estilos italiano e francés. A súa canción O solitude emprega o recurso tipicamente barroco da chacona: o baixo repite constantemente un mesmo esquema mentres a melodía vocal se move libremente. Finalmente, na Península Ibérica contemplamos tamén a paulatina incorporación do barroco, con especial influencia do estilo italiano, como pode apreciarse no ton Tanta copia de hermosura.