CONFERENCIA INAUGURAL

ROBERTO RELOVA

O eterno (e invisible) camiño da voz humana a través do mito. De Arión a Pedro Almodóvar

Sede Afundación (rúa do Vilar, 19)
Santiago de Compostela
luns 4 outubro 2021
20.00

 

O protagonismo da voz humana no Ateneo Barroco 2021 faise patente dende a conferencia inaugural desta terceira edición do festival. A voz como instrumento estilístico e de expresión en diferentes momentos da historia da música é o punto de partida do relato dun recoñecido especialista e relator, o activo e polifacético Roberto Relova, doutor en etnomusicoloxía, catedrático do Conservatorio Superior de Música de Vigo e novo director da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD).

 

O eterno (e invisible) camiño da voz humana a través do mito. De Arión a Pedro Almodóvar
Roberto Relova

As narracións mitolóxicas abordan historias nas que os diferentes camiños e viaxes ofrecen espazos de cambios, mutacións, aventuras e un edificante modelo de aprendizaxe.

Estes camiños, ás veces invisibles e incluso mudos, observan a propia esencia da narración e da música. Sumando a iconografía, condúcennos aos eternos retornos que, de xeito sistemático, volven á mente do ser humano en continua transformación. Son as ideas e os camiños os que provocan a evolución do ser humano.

As viaxes e os camiños de Orfeo e Arión de Lesbos son diferentes paisaxes do poder das paixóns que chega até a idade contemporánea a través de múltiples visións e interpretacións. A voz humana como instrumento perfecto ilumina a visión máxica destas historias nas que a procura da perfección se achega a realidades extremas. Mensaxe e mensaxeiros, dor, esquecemento, abandono, traizón. A voz, dun xeito ou de outro, transmítenos a máis sincera radiografía da nosa alma, do noso interior. Para comprendelo precísase todo un tratado das paixóns e que alguén te queira ouvir e incluso escoitar. As figuras de Farinelli, Adolphe Nourrit, Gilbert Duprez, Pauline Viardot, entre outras, vincúlanse a través do invisible fío dos camiños e dos diferentes destinos. Pero, sen dúbida, atopamos fermosas escusas para reflexionar acerca de mitos, música, iconografía e cine.

 

ROBERTO RELOVA

Roberto Relova Quinteiro, catedrático de Etnomusicoloxía no Conservatorio Superior de Música de Vigo, é actualmente o director da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. É autor da tese A música clásica e a narración fílmica na obra de Pedro Almodóvar (Universidade de Vigo). Colabora con Codalario e con La Voz de Galicia. É membro do comité de honra de Juventudes Musicales de España. Finalizou os seus estudos musicais e a licenciatura en Arte Moderna e Contemporánea en Santiago de Compostela, baixo a dirección de José López Calo. A súa tese doutoral foi dirixida por Anna Amoros (Uvigo) e Ángel Luis Hueso (USC). Participou en cursos, congresos e seminarios internacionais relacionados coa música, pedagoxía, musicoloxía, composición, cine, arte, símbolos, muller, ópera e dereitos humanos en Salamanca, Granada, Madrid, Melilla, Santiago de Compostela, Dublín, Damasco, Roma, Nova Iork, A Habana, etc. Foi profesor invitado da Universidade de Santiago de Compostela no bienio 1989-1991. Actualmente e dende 1999 dirixe e imparte os cursos de ópera na Universidade de Vigo e colabora co programa Opera Oberta do Liceo de Barcelona (cursos de ópera vía internet para todas as universidades do mundo). Foi vicepresidente e membro fundador da Asociación Galega da Lírica Teresa Berganza e en 2005 foi elixido presidente da asociación Amigos da Ópera de Vigo. Dirixiu dende a súa creación no ano 2000 o prestixioso Festival de Música de Vigo Are More. Colaborou con diferentes festivais e institucións como o Festival Mozart da Coruña, Festival Xacobeo, Auditorio de Galicia, Festival de Música Cidade de Lugo ou as Xornadas de Música Contemporánea da Universidade de Santiago (como relator sobre a obra de Xan Viaño).