CONFERENCIA INAUGURAL
TERESA ADRÁN
Rameau: a ópera en Francia
Sede Afundación (Rúa do Vilar, 19)
luns 5 outubro 2020 | 20:00
Figura central da segunda edición do Festival Ateneo Barroco, é un dos personaxes máis influentes no Barroco musical en Europa, Jean-Philippe Rameau. Compositor, clavecinista e teórico, herdeiro e resumo en si mesmo da tradición da gran ópera francesa, Rameau é presentado no festival dende a dobre perspectiva do operista e do virtuoso compositor e intérprete ao teclado. A musicóloga, mestra e comunicadora galega Teresa Adrán achegará na súa conferencia aspectos da vida de Rameau, do contexto no que desenvolveu a súa carreira como organista, clavecinista e compositor e da súa tardía vocación para a escena, para o drama, na que se consagrou xa cando roldaba os 50 anos para deixar máis de 30 obras entre óperas (traxedias líricas) e óperas-ballet. Herdeiro de Jean-Baptiste Lully como figura e centro indiscutible da ópera francesa, ou o que é o mesmo parisiense, non puido evitar nin a polémica entre os nostálxicos partidarios do estilo de Lully e os entusiastas defensores da inventiva, audacia e orixinalidade de Rameau, nin a guerra dialéctica entre os partidarios da ópera italiana e da ópera francesa e que se coñece como “Querelle des Bouffons”.
TERESA ADRÁN completou o primeiro ciclo de Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela, é licenciada en Historia e Ciencias da Música pola Universidade de Oviedo e Grao Profesional de piano polo Conservatorio de Música de Lugo. Sempre activa no ámbito da cultura e da música, a súa iniciativa levouna a desenvolver actividades en distintos ámbitos da produción musical, en prensa e comunicación. Tras desempeñar labores de crítica musical nos xornais El Progreso e La Voz de Galicia, actualmente é colaboradora e redactora de Platea Magazine e colaboradora de Bachtrack for Classical Music. Ademais, atesoura unha dilatada experiencia en divulgación musical como creadora dos proxectos Programa de Antemano para a Sociedade Filharmónica de Lugo e SenEtiqueta para a Orquestra Sinfónica de Galicia, e como presentadora do Festival de Música Cidade de Lugo, colaboradora do programa Música Resucitada da canle estatal Radio Clásica ou poñente no Simposio de Análise Musical Música e Significado da UIMP. Ten redactado notas e programas de man para as tempadas da Real Filharmonía de Galicia, o Ciclo de Lied de Santiago e festivais como o Festival de Música Cidade de Lugo, Festival Via Stellae, Festival de Zarzuela de Santiago, etc. Dende 2003 é profesora de música, funcionaria de carreira, na ESO (Xunta de Galicia).