IMAGINARIUM
Quimeras e fantasía do imaxinario barroco
EL AFECTO ILUSTRADO
ADRIÁN LINARES violín / dirección
ALEJANDRO MARÍAS viola da gamba
ALFONSO SEBASTIÁN clave
Igrexa da Universidade
Santiago de Compostela
martes 15 outubro 2024
20.00
Con obras de autores italianos, como Girolamo Frescobaldi (1583-1643) e Antonio Bertali (1605-1669), e doutros centroeuropeos, como Johann Heinrich Schmelzer (1620-1680), Dietrich Buxtehude (1637-1707) ou Heinrich Ignaz Franz von Biber (1644-17049, Imaginarium explora a liña de desenvolvemento do denominado Stylus Phantasticus que, despois do seu nacemento en Italia, planeou sobre o continente europeo na busca de novas formas de expresión e experimentación tímbrica e formal. Asociado tradicionalmente á música instrumental, o Stylus Phantasticus supuxo unha nova e fresca forma de escritura, moi ligada á improvisación, que permitía xogos harmónicos novidosos e formas melódicas fascinantes, sen someterse completamente ás regras tradicionais da composición. Liderado e dirixido polo violinista da Orquestra Sinfónica de Galicia e residente na Coruña hai máis dunha década, Adrián Linares, El Afecto Ilustrado atesoura unha dilatada e recoñecida carreira de interpretación e recuperación do patrimonio da música antiga e barroca, con criterios historicistas e amplitude de miras interpretativas, que, ao longo dos máis de dez anos de actividade, o levou a actuar en prestixiosos festivais, salas e ciclos de concerto e en diferentes proxectos de cinema e teatro, artísticos e expositivos; na ocasión deste singular programa en trío dedicado ao Stylus Phantasticus , forman El Afecto Ilustrado, xunto ao violín de Adrián Linares, dous reputados e experimentados músicos especialistas no mundo da música antiga como son o gambista Alejandro Marías e o clavecinista Alfonso Sebastián.
Girolamo Frescobaldi (1583-1643)
Tocatta per spinettina e violino
Antonio. Bertali (1605-1669)
Sonata a 2 per violino e viola da gamba
Heinrich Ignaz Franz von Biber (1644-1704)
Sonata Representativa en La maior.
Dietrich Buxtehude (1637-1707)
Trio Sonata en la menor BuxWV 272
Johann Heinrich Schmelzer (1620-1680)
Sonata en la menor il cu-cu
Philipp Friedrich Böddecker (1607-1683)
Sonata en re menor per il violino
Johann Jakob Walther (1650-1717)
Scherzo d’augelli con il cu-cu
EL AFECTO ILUSTRADO
Fundado en 2012 por Adrián Linares, violín solista da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) e residente en Galicia dende 2014, El Afecto Ilustrado é un ensemble de perfil historicista, cuxa filosofía é presentar e achegar ao público unha interpretación historicamente informada do repertorio comprendido entre o primeiro barroco e o romanticismo temperán, dunha maneira próxima e tanxible. Con formatos de concerto pouco explorados, o grupo está integrado por profesionais que despuntan no eido musical nacional e internacional. Os seus compoñentes, activos nos principais conxuntos do país, na docencia ou na carreira solista, supoñen un compendio de ideas e ópticas que converten os proxectos do ensemble en experiencias únicas e inspiradoras para o oínte. El Afecto Ilustrado elabora e difunde programacións dun alto nivel de calidade interpretativa, precisión histórica e respecto ás fontes orixinais, froito dun proceso detallado de investigación musical e histórica. Ademais de abordar repertorios europeos e iberoamericanos, El Afecto Ilustrado céntrase, así mesmo, na recuperación e difusión do patrimonio musical ibérico. Cunha década de actividade ás súas costas é integrante de GEMA, Asociación de Grupos Españoles de Música Antigua. Co gallo do seu décimo aniversario, El Afecto Ilustrado realizou, como segundo traballo discográfico, un monográfico dos Quintetos de corda con dúas violas de José Palomino (1753-1810) para o selo especializado en música antiga e barroca Lindoro, que inclúe e recupera varias obras rexistradas de forma sonora por primeira vez.
El Afecto Ilustrado foi elixido como participante na exposición sobre a figura de José de Viera y Clavijo, De Isla en Continente (2019), na Biblioteca Nacional de España, levando a Madrid o melólogo Que me escribe la vida. Así mesmo, realizou a dobraxe musical da película La Passion de Jeanne d’Arc (1928), do director danés Carl Theodor Dreyer, para o Festival Internacional de Cine de Las Palmas de Gran Canaria. Por outra banda, gravou música incidental para salientables compañías teatrais como Unahoramenos ou Delirium Teatro. En 2023 asume a parte musical da exposición Juan de Miranda, a travesía dun artista canario dende o Barroco á Ilustración, ofrecendo concertos en Santa Cruz de Tenerife, Las Palmas de Gran Canarias e Madrid.
El Afecto Ilustrado ten percorrido boa parte dos escenarios nacionais, como o Ciclo de Concertos da Cidade da Cultura de Galicia, o Auditorio de Tenerife, xunto a Jone Martínez e Hugo Bolívar, o Festival Internacional de Música de Canarias, o Ciclo de Música Antiga da Catedral de Valencia, tempadas de concertos da Sociedade Filharmónica de Vigo e da Sociedade Filharmónica de Pontevedra, o Festival de Música de Cámara Bal y Gay (Lugo), o Ciclo de Música Sacra de Tenerife, o Ciclo de Concertos do Museo de Belas Artes da Coruña, o Ciclo de Concertos do Museo de Belas Artes de Tenerife, o Festival de Música Religiosa de Canarias, etc. O seu concertino e director, Adrián Linares, recibiu o Premio Excellens de Música 2020 da Real Academia Canaria de Belas Artes, en recoñecemento ao seu labor de investigación, interpretación e difusión da Música Antiga.
ADRIÁN LINARES violín / dirección
Violín solista da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) e residente en Galicia dende 2014, Concertino da Orquestra Barroca de Tenerife (OBdT) e director de El Afecto Ilustrado, Adrián Linares iniciou os seus estudos en Tenerife, accedendo en 2004 ao Conservatorium van Amsterdam, onde cursou estudos superiores con Johannes Leertouwer. En 2008 o Ministerio Español de Educación, Cultura e Deporte outorgoulle una bolsa para realizar estudos de máster co violinista Peter Brunt. Así mesmo, recibiu clases maxistrais dos instrumentistas Philippe Graffin, Agustín León Ara, Stefano Pagliani e Joaquín Palomares, entre outros. Foi membro da NSJO (Xove Orquestra de Corda Nacional Holandesa) e en 2006 pasou a formar parte da Gustav Mahler Jugendorchester, coa que percorreu os máis salientables escenarios europeos e traballou con artistas da talla de Colin Davis, Myung-Whun Chung, os irmáns Capucon, Thomas Hampson, Nicolaj Znaider e Susan Graham. Entre 2009 e 2010 alternou a función de principal e co-principal de violíns segundos na Orquestra de Cámara da Cidade de Rotterdam- Sinfonia Rotterdam.
Profundamente interesado pola interpretación historicamente informada, realizou estudos de violín barroco en Ámsterdam, con Johannes Leertouwer, Franc Polman e Antoinette Lohmann, e recibiu leccións en España da man de Amandine Beyer e Emilio Moreno. Así mesmo, realizou estudos de máster en violín barroco e interpretación da música antiga na ESMAE do Porto co violinista francés Benjamin Chénier.
Ten colaborado regularmente con De Nederlandse Bachvereniging, L’Apothéose Ensemble, Divino Sospiro Lisboa, Harmonia del Parnàs, Ensemble Allettamento, Camerata Boccherini, Orquestra Barroca de Palma de Mallorca e De Nieuwe Philharmonie Utrecht, orquestra da que é membro fundador. Adrián Linares foi tamén concertino invitado de ensembles tan salientables como a Orquestra Barroca de Sevilla e La Ritirata. En 2012 fundou o ensemble historicista El Afecto Ilustrado e dende 2017 é concertino da Orquestra Barroca de Tenerife. Debutou como solista e director no Festival Internacional de Música de Canarias, na Biblioteca Nacional de España e no Auditorio de Tenerife, traballando xunto a intérpretes da talla de Jacques Ogg, Juan de la Rubia, Alfonso Sebastián e Emma Kirkby.
Dende 2014 é solista de violíns segundos na Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG), onde ten traballado baixo a batuta de directores como Lorin Maazel, Neville Marriner, Gustavo Dudamel, Jesús López Cobos, Richard Egarr, Carlo Rizzi, Dima Slobodeniouk, Marc Albrecht ou Ton Koopman, e con solistas da talla de Anne-Sophie Mutter, Viktoria Mullova, Maxim Vengerov, Frank Peter Zimmermann, Jean-Guihen Queyras, Isabelle Faust ou Lars Vogt. Adrián Linares é Premio Excellens de Música 2020 pola Real Academia Canaria de Belas Artes e toca un instrumento de Joan Guillamí (Barcelona, aproximadamente 1760).
ALFONSO SEBASTIÁN clave
Nado en Zaragoza en 1974, estudou piano (Pilar Armijo) e clave (J. L. González Uriol) no Conservatorio Superior da súa cidade natal e proseguiu a súa formación no Conservatoire National Supérieur de París, onde se especializou en fortepiano (Patrick Cohen) e estudou dirección de orquestra (Claire Levacher). Seguiu cursos de perfeccionamento con Jan Willem Jansen, Gustav Leonhardt, Lars Ulrik Mortensen, Jacques Ogg e Paul Badura-Skoda, entre outros.
É director invitado da Orquestra Barroca de Tenerife e da Orquestra Vigo 430, así como membro do grupo Los Músicos de Su Alteza. Tamén colabora regularmente co ensemble La Tempestad, Orquestra Barroca da Universidade de Salamanca, Al Ayre Español, Orquestra Barroca de Sevilla, Orquestra Sinfónica de Castela e León, etc.
Ten realizado diversas gravacións: música para dous claves de Luigi Boccherini e concertos españois para clave e orquestra (con Silvia Márquez e La Tempestad). Ademais, con Los Músicos de Su Alteza gravou o Miserere de Nebra, panxoliñas de J. R. Samaniego, a ópera Amor aumenta el valor de Nebra e oratorios romanos de Carissimi e Luigi Rossi para o selo francés Alpha. Na súa faciana de tradutor, verteu ao castelán o tratado de Quantz e colaborou activamente na tradución do tratado de Carl Philipp Emanuel Bach (Dairea, 2016). Actualmente e dende 1999, é profesor titular de clave e baixo continuo no Conservatorio Profesional de Salamanca.
ALEJANDRO MARÍAS viola da gamba
Alejandro Marías obtivo os títulos superiores de violoncello e viola da gamba no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, tras ter iniciado os seus estudos con Enrique Correa e María de Macedo. Trasladouse a Francia para
especializarse na interpretación historicista dos repertorios clásico e romántico e, máis tarde, a Suíza, onde cursou na Haute École de Musique de Genève os Masters de Concerto en Violoncello barroco e Viola da gamba, con Bruno Cocset e Guido Balestracci, respectivamente. Recibiu clases dalgúns dos mellores violoncellistas do mundo, entre os que se atopan Christophe Coin, Philippe Muller ou Claudio Bohorquez, de gambistas como Wieland Kuijken, Jordi Savall, Marianne Muller ou Hille Perl e de violoncellistas barrocos como Anner Bylsma ou Jaap Ter Linden.
Alejandro Marías é profesor de viola da gamba no Conservatorio Superior de Música de Sevilla, director artístico do conxunto La Spagna, colaborador habitual de Zarabanda e membro do Cuarteto Francisco de Goya, unha formación dedicada á interpretación historicista do repertorio clásico para cuarteto de corda. Como solista, tocou concertos con orquestra de Boccherini, Vivaldi e Telemann, así como os solos para viola da gamba das paixóns de J. S. Bach. Ten actuado xunto a diferentes formacións en España, Francia, Suíza, Portugal, Italia, Alemaña, Bélxica, Holanda, Polonia, Finlandia, Bulgaria, Romanía, Grecia, Turquía, Rusia, Israel, Alxeria, India, Arxentina e Bolivia. Dende o baixo continuo, ten acompañado a músicos como Hiro Kurosaki ou Gilles Colliard e participado en producións de ópera como Don Giovanni de Mozart (Oviedo), Dido e Eneas de Purcell (Madrid) ou David et Jonathas de Charpentier (París). No eido da música contemporánea, ten participado en proxectos xunto a formacións como o Ensemble Contrechamps, o grupo de solistas da ORCAM e Forma Antiqva. Traballou con directores como Philippe Herreweghe, Marc Minkowski, Ton Koopman, Bruno Weil, Sigiswald Kuijken, Hervé Niquet, Lucy van Dael, Paul Agnew, Enrico Onofri ou David Stern e gravou para os selos Warner, Winter&Winter e Columna Música, así como para numerosas cadeas de radio e televisión de Europa, América e norte de África.