# traverso #
# pardessus de viole #

LES CHARMANTES INVASIONS
A propósito de As Nacións e as batallas no Barroco francés

CAPELA COMPOSTELANA
CARMEN FERREIRO traverso barroco
FRANCISCO LUENGO  viola da gamba / pardessus de viole
XURXO VARELA  viola da gamba
JÚLIO DIAS GALVÃO  clave

François Couperin / Jean-Marie Leclair / Joseph Bodin de Boismortier

Salón Teatro
Santiago de Compostela
martes 21 outubro 2025
20.00

Unha longa traxectoria de máis de trinta anos de traballo na música antiga atesoura o conxunto Capela Compostelana baixo a dirección de Francisco Luengo, que no seu regreso ao Festival Ateneo Barroco afonda nun período de sobresaínte riqueza musical durante o que resultou particularmente significativo o combativo espírito entre o gusto musical francés e o italiano que se respiraba na Francia do século XVIII. Fronte ao furacán italiano que inundaba e colonizaba musicalmente Europa, as súas sonatas, os seus violíns e as súas óperas, os franceses presentaban batalla defendendo o seu sentido do bo gusto, a súa particular expresividade e o seu estilo. Incluíndo unha das catro nacións (La Françoise, a francesa) dunha das obras mestras do barroco instrumental francés, Les Nations de Couperin, Capela Compostelana confecciona un programa titulado Les Charmantes Invasions (as encantadoras invasións) con obras do barroco francés, sonatas e suites caracterizadas pola presenza de dous dos instrumentos preferidos na Francia dos séculos XVII e XVIII: o traverso barroco e o pardessus de viole. Protagonista salientable é a frautista galega Carmen Ferreiro, quen nesta achega conxunta “instrumental” do Ateneo Barroco 2025 nos presenta o “traverso”, esa frauta da que Hubert Le Blanc dicía na época que “debe ser preferida ao violín pola súa habilidade para imitar a voz”. Pola súa banda, o “pardessus de viole”, o instrumento máis agudo da familia da viola da gamba, foi a resposta francesa aos violíns, un xeito de permitir que os moitos intérpretes de viola da gamba que había en Francia puidesen tocar todo aquel repertorio do moi italiano violín: unha redescuberta da man de Francisco Luengo e Capela Compostelana.

Joseph Bodin de Boismortier (1689 – 1755)
Sonate en la menor op 37 nº 5
_Vivace
_Largo
_Allegro

Jean-Marie Leclair (1697 – 1764)
Deuxième Récreatión de Musique op 8
_Ouverture
_Forlane
_Sarabande
_Menuet – autre Menuet
_Badinage
_Chaconne
_Tambourin

Jean-Marie Leclair (1697 – 1764)
Sonata en Re Maior op 2 nº 8
_Adagio
_Allegro
_Sarabanda: Largo
_Allegro assai

François Couperin (1668 – 1733)
Premier Ordre “La Françoise”, de Les Nations
_Gravement – Gayment – Gravement – Vivement
_Air (gracieusement)
_Allemande (sans lenteur)
_Première Courante (noblement)
_Seconde Courante (un peu plus vite)
_Sarabande (gravement)
_Gigue (gayment)
_Chaconne ou Passacaille (modérément)
_Gavote – Menuet

 

AS ENCANTADORAS INVASIÓNS

Hubert Le Blanc no seu libelo Defense de la Basse de viole Contre les Entrèpises du violon et les Prétensions du Violoncel (Ámsterdam, 1740) reflectiu o espírito combativo entre o gusto musical francés e o italiano que se respiraba na Francia do século XVIII e que culminaría na Querelle des Bouffons. Fronte ao furacán italiano que inundaba Europa coas súas furiosas sonatas, os seus agresivos violíns e, sobre todo, unha linguaxe musical enérxica e extravertida, os defensores de estilo franceses trataban de opoñer as súa obras, nas que a “sinxela melodía” era a garantía de expresividade e de bo gusto. Talvez os italianos non eran conscientes deste enfrontamento, talvez estaban demasiado ocupados facendo música.

François Couperin (1668-1733), un dos principais autores do barroco francés, xa tiña comezado dalgún xeito, a incorporar termos italianos nos seus “ordres”, composicións que xuntan as danzas das características Suites francesas coa Sonata (ou Sonade) con que se inician. En Les Nations (1726), François Couperin presenta un retrato musical de catro nacións europeas, das que se seleccionou “La Française”.

Pero Francia viuse paulatinamente invadida polos novos aires do sur, e compositores como Jean-Marie Leclair (1697-1764) ou Joseph Bodin de Boismortier (1689-1755), entre outros, achegáronse ás novas formas e gustos imperantes. No programa inclúense obras do barroco francés, sonatas e suites caracterizadas pola presenza de dous dos instrumentos preferidos na Francia dos séculos XVII e XVIII: o traverso barroco e o pardessus de viole. Do traverso dinos Hubert Le Blanc: “a frauta, tal como a toca Blavet, debe ser preferida ao violín pola súa habilidade para imitar a voz”. Pola súa banda, o pardessus de viole, o instrumento máis agudo da familia da viola da gamba, foi a resposta francesa aos violíns; unha maneira de permitir que os moitos intérpretes de viola da gamba que había en Francia puidesen tocar todo aquel repertorio do moi italiano violín.

Francisco Luengo

CARMEN FERREIRO  traverso barroco
Nada na Coruña en 1983, Carmen María Ferreiro Soto é unha intérprete inquieta e multidisciplinar cuxa formación ten sido un obxectivo constante na súa carreira. Como frautista, remata aos 18 anos con Matrícula de Honra, os seus estudos no Conservatorio Superior da Coruña. Continúa a súa formación no Conservatorio da Haia con Emily Beynon, solista da Orquestra do Concertgebouw, e en 2003 aproba o concurso-oposición ao corpo de profesores de Música e Artes Escénicas. Galardoada en varios concursos obtivo o primeiro premio no Concurso da Asociación Travesera Siglo XXI (2006) e o segundo premio no Concurs de Música de Cambra i Lied Citat de Berga (2008), no Concurso de Intérpretes Mozos Hernán Naval 2008 e no Concurso de Jóvenes Intérpretes de Xátiva (2009). No eido da música antiga estudou con Wilbert Hazelzet e Marc Hantaï, obtendo o Máster Oficial de Musicoloxía, Educación Musical e Interpretación da Música Antiga da Universidade Autónoma de Barcelona e da Escola Superior de Música de Cataluña. Ten colaborado coa orquestra barroca Teatre Instrumental, a Orquesta 430, Cifra2, Suspiratio, Capela Compostelana, etc. Actualmente compaxina o seu labor como profesora de frauta no Conservatorio Profesional de Santiago de Compostela con colaboracións coa Real Filharmonía de Galicia e diferentes ensembles.

CAPELA COMPOSTELANA
Formada coa intención de poñer «novamente en luz» a música dos séculos XVI, XVII e XVIII, as interpretacións de Capela Compostelana parten do uso das técnicas vocais e instrumentais propias de cadanseu período e estilo que abordan, camiño idóneo para comprender e gozar dunhas obras afastadas no tempo, á vez que, con humildade e respecto, tentan aprender da práctica daqueles músicos contemporáneos delas. Os integrantes de Capela Compostelana formáronse no eido da música antiga e ben o azar ou a necesidade os xuntou na fin do mundo, que é Compostela. Dende 1988 Capela Compostelana ten feito concertos por diferentes lugares de España, Europa e Estados Unidos, participando en prestixiosos ciclos dedicados á música antiga como o Festival de Vitoria, Festival Via Stellae, Semana de Música Antigua de Estella, Festival Internacional de Deia, Concerts de Música Barroca de Palma, Auditorio de Galicia, Metropolitan de New York, Festival de Musique Sacree de San Maló, etc. Capela Compostelana dedica unha parte importante do seu traballo á recuperación e difusión da música galega renacentista e barroca e, neste ámbito, ten editado os discos José de Vaquedano, Mestre de Capela da Catedral de Santiago (Edigal), Villancicos a Santiago (Fonti Musicali) e Eclesiástico Canto, con obras inéditas da Catedral de Santiago de Compostela. Actualmente preparan próximas gravacións con música española deste período. Capela Compostelana dedícase tamén á recuperación de antigas tradicións e liturxias relacionadas coa Catedral de Santiago, como as Vésperas Solemnes e Misa de Consagración nos actos relativos á celebración do oitavo Centenario da Catedral de Santiago. Capela Compostelana colabora asiduamente co Orfeón Terra a Nosa e a Capela Musical da Catedral de Santiago.

FRANCISCO LUENGO  viola da gamba/ pardessus de viole / dirección
Nado na Coruña, comezou a aprender a viola da gamba con José Vázquez en 1981, ingresando na Höchschule für Musik de Viena en 1988. Dirixe dende a súa creación Capela Compostelana, conxunto dedicado á recuperación e difusión da música barroca e renacentista co que publicou José de Vaquedano (Edigal) e Villancicos a Santiago (Fonti Musicali), compactos centrados integramente na obra de José de Vaquedano, un dos principais compositores españois do século XVII que foi mestre de capela da Catedral de Santiago de Compostela. Dirixe Malandança, conxunto fundado en 2000 e que interpreta música medieval con instrumentos orixinais, froito do seu labor como investigador e construtor no campo da organoloxía medieval europea, e que ten publicado os discos Unha noite na corte do Rei Afonso (Clave Records, 2000) e Mya Senhor Velida (Brilliant Classics, 2019), gravación que foi nomeada aos prestixiosos premios ICMA 2019 na categoría de música antiga. En 2004 transcribiu, coordinou e dirixiu a estrea mundial de Ordo Prophetarum, drama litúrxico do século XII que comprende a imaxinería do Pórtico da Gloria e representado durante anos na noite do 30 de decembro na Catedral de Santiago de Compostela. Colabora habitualmente con outros grupos dedicados á música antiga realizando gravacións, concertos e xiras por Europa, Asia, América e África. Xunto con Xurxo Varela publicou os compactos My Singular Entertainment, and Delight (Actus, 2009), con música inglesa do século XVII de Ch. Simpson, J. Jenkins e outros autores para dúo de violas da gamba, e Le Nymphe di Rheno (Actus, 2013), un compacto dobre coa integral das doce sonatas a dúo de Jean Schenck. Desenvolve un intenso traballo en cursos, conferencias, exposicións e publicacións (O Pórtico da Gloria, Música, Arte e Pensamento, publicado por Cuadernos de Música en Compostela; Os Instrumentos do Pórtico da Gloria, Fundación Barrié de la Maza; Instruments à cordes du Moyen Age, CERIMM, Fondation Royaumont, Instrumentos de Corda Medievais, Deputación Provincial de Lugo, etc.). Foi un dos seis construtores escollidos para participar no proxecto da reconstrución dos instrumentos do Pórtico da Gloria, patrocinado pola Fundación Barrié de la Maza e levado a cabo entre 1989 e 1992, e formou parte do equipo de especialistas do Proxecto de reconstrución dos instrumentos do Pazo de Xelmírez, emprendido pola Deputación de Lugo (1993-94). Foi profesor de viola da gamba no curso Camino de Santiago. Cánticos, Cantigas e Cantos, organizado pola Universidade de Santiago (2000-2005) e nos Encontros Ibéricos de Viola da Gamba, organizados pola ESMAE de Oporto (2014 e 2015).