RAMEAU, PIÈCES DE CLAVECIN EN CONCERTS
A elocuente xeometría do son
LA REVERENCIA
ANDRÉS ALBERTO GÓMEZ clave / dirección
Teatro Principal
Santiago de Compostela
sábado 12 outubro 2024
20.00
Andrés Alberto Gómez e o seu conxunto La Reverencia levan anos realizando un monumental proxecto dirixido especificamente á obra de Jean-Philippe Rameau, un inxente traballo que comezou coa gravación das Piéces de clavecin en concerts, disco que recibiu numerosos premios da crítica e que presentan en Santiago de Compostela no regreso ao Ateneo Barroco de La Reverencia, tras o éxito da estrea absoluta do seu proxecto Quatuors, tamén dedicado a Rameau, na quinta edición do Festival. Xa o xenial compositor francés afirmaba “o cuarteto é o que reina” no prólogo destas Pezas de clavecín en concerto, que se converteron nunha das obras cumio do repertorio musical barroco.
Jean-Philippe Rameau (1683-1764)
Piéces de clavecin en concerts (1741)
Concerto 1 en do menor
La Coulicam
La Livri
Le Vézinet
Concerto 2 en Sol maior
La Laborde
La Boucon
L’Agaçante
Menuet I-II
Concerto 3 en La maior
La Lapoplinière
La Timide
Tambourin I-II
Concerto 4 en Si bemol maior
La Pantomime
L’Indiscrète
La Rameau
Concerto 5 en re menor
La Forqueray
La Cupis
La Marais
LA REVERENCIA
PAVEL AMILCAR violín
JOSÉ FERNÁNDEZ VERA frauta travesa
SARA RUIZ viola da gamba
ANDRÉS ALBERTO GÓMEZ clave / dirección
En 1741 Rameau publicou as súas Pièces de clavecin en concerts pour un violon ou une flûte, une viole ou un second violon. Estas inscríbense dentro dunha corrente perfectamente establecida en Francia e baseada en composicións para clavecín con acompañamento de violín: Elisabeth Jacquet de La Guerre (1707), Jean-Joseph de Mondonville (1734), Michel Corrette (1742), Louis Gabriel Guillemain (1745), Luc Marchand (1748), Jean Foucquet (1752), Jacques Duphly (1756). Seguindo esta tradición, Rameau dá un paso máis e amplía a paleta sonora cunha viola da gamba e unha frauta travesa, creando, quizais, sen ser consciente disto, unha das obras cumio do repertorio musical barroco.
Ordenadas en cinco concertos escritos para violín, viola da gamba e clave, formando así unha especie de “trío sonata” italiana, as Pièces de clavecin en concerts poden ser interpretadas en trío ou en cuarteto, engadindo unha frauta travesa, segundo di o propio Rameau no prólogo: «le quatour y regne le plus souvent» (o cuarteto é o que reina). A partitura está editada con todas as partes impresas na mesma páxina para que “O violín e a viola se adapten ao clavecín, distinguindo o que é acompañamento e o que é parte do suxeito”. Máis alá da construción formal, Rameau escolle o violín (principal instrumento da música italiana, levado ao seu máximo esplendor por Arcangelo Corelli e Antonio Vivaldi), dialogando coa viola da gamba (que daquela se amosaba como o instrumento representante da música francesa da man de Marin Marais e Antoine Forqueray), moderados polo clavecín, que se converte, así, en “unificador” da música italiana e a música francesa.
Á parte da evidente beleza e calidade da música, a súa interpretación require duns intérpretes con sobradas calidades técnicas e musicais dada a dificultade da partitura. Esta é a única incursión de Rameau na música de cámara e un dos exemplos máis gloriosos deste repertorio na música francesa, que dalgún xeito anticipa xa o trío para piano, violín e violoncello da época clásica.
Caprichos do destino e despois do que Rameau significou para a música francesa do século XVIII, á súa morte, no apartamento que ocupaba na Rue des Bons-Enfants coa súa esposa e a súa filla, non tiña á súa disposición máis que un clavecín dun só teclado e en mal estado. Hoxe en día, en todos os clavecíns do mundo ten soado algunha vez a súa música.
LA REVERENCIA
Dende a súa creación, La Reverencia vén traballando no eido da interpretación musical con criterios históricos. Os seus compoñentes son profesionais que contan cunha dilatada carreira artística de traxectoria internacional. As súas actuacións son aplaudidas unanimemente por crítica e público, estando presentes en importantes ciclos e festivais como o Festival Internacional de Santander, FEMÀS de Sevilla, Arte Sacro de Madrid, Festival Pórtico do Paraíso, Festival de Daroca, Festival de Música Antiga de Xixón ou Festival de Música Antiga de Cagliari. Nos últimos anos La Reverencia vén dedicando unha atención especial á música francesa con programas centrados en Jean-Philippe Rameau. En 2013 gravaron De Occulta Philosophia, película-documental dirixida por Daniel Villamediana que foi seleccionada en numerosos festivais internacionais, entre os que cómpre salientar Bos Aires (BAFICI 2013), Marsella (FID Marseille 2013) e Sevilla (SEFF 2013). A súa discografía ten sido acollida sempre con numerosas louvanzas e en 2011 crearon o seu propio selo discográfico, Vanitas, a través do cal presentan os seus proxectos.
ANDRÉS ALBERTO GÓMEZ
Tras os inicios musicais en Albacete con Arturo Moya e Jesús Mª Díaz Valenciano, iníciase no clave cos profesores do Conservatorio Italiano de París Salvo Romeo e Patricio Pizarro, ampliando a súa formación con músicos como Jan Willen Jansen, Tony Millán, Yves Rechsteiner ou Huguette Dreyfuss. Rematou os seus estudos de clave e música antiga no Real Conservatorio da Haia (Holanda), como alumno de Jacques Ogg, e na Escola Superior de Música de Cataluña ESMUC, como alumno de Béatrice Martin, obtendo matrícula de honra e felicitación do xurado. En 2002 foi finalista do concurso de Xuventudes Musicais. Realizou gravacións para a Radio Holandesa, a Radiotelevisión Eslovena, WDR 3, Radio Cataluña, a Radiotelevisión Polaca e os selos Arsis, Passacaille, Dynamic, Tañidos e Vanitas. É fundador e director do ensemble La Reverencia. Actuou como solista e continuísta en España, Italia, Francia, Bélxica, Suíza, Holanda, Noruega, Grecia, Alemaña, Eslovenia, Polonia e Lituania, e xunto a conxuntos como Les Arts Florissants, Canto Coronato, La Guirlande, Armonía del Parnàs, Orquestra Barroca do Conservatorio da Haia ou a Orquestra Sinfónica de Oviedo, sendo dirixido por músicos como William Christie, Paul Dombrecht, Paul McCreesh, Roy Goodman, Richard Egarr ou Ton Koopman. É colaborador habitual dos grupos Tasto Solo, La Fura dels Baus e Divina Mysteria. En 2013 gravou, xunto con La Reverencia, De Occulta Philosophia, película-documental que xira arredor da música barroca e que foi seleccionada en numerosos festivais, entre os que cómpre salientar Bos Aires (BAFICI 2013), Marsella (FID Marseille 2013) e Sevilla (SEFF 2013). A súa discografía ten recibido as mellores críticas por parte da prensa especializada e en 2011 creou, xunto a La Reverencia, o seu propio selo discográfico, Vanitas, a través do cal presenta os seus proxectos. As súas gravacións son distribuídas internacionalmente por New Arts International e están presentes en toda Europa, América e Xapón. Entre a súa discografía cómpre salientar as Variacións Goldberg de Bach, que recibiu recoñecementos como 5 Muses (Muse Baroque), Disco Excepcional (Scherzo) ou 5 Diapasóns (Diapason) e é a primeira versión das Variacións Goldberg gravada por un clavecinista español.