# voz #
TENEBRAE
Lamentacións de Delalande
MARÍA ESPADA soprano
COLLEGIUM MUSICUM MADRID
MIGUEL BONAL viola da gamba
JORDAN FUMADÓ clave / órgano
MANUEL MINGUILLÓN corda pulsada / dirección
Michel Richard de Lalande / Jean Lacquemant DuBuisson / Marin Marais
Igrexa da Universidade
Santiago de Compostela
venres 17 outubro 2025
20.00
As Leçons de ténèbres é un xénero de música barroca francesa desenvolto a partir das lamentacións polifónicas para o oficio de tebras dos compositores renacentistas. As Leccións de tebras utilizan como texto as “Lamentacións de Xeremías”, que son utilizadas alegoricamente para os tres días de dó por Cristo entre a súa crucifixión e a súa resurrección. Un conxunto completo de Leçons de ténèbres incluiría nove leccións, tres interpretadas a véspera de cada día (mércores, xoves e venres santos), aínda que na práctica os compositores rara vez compoñían un ciclo completo coas nove lamentacións, como é o caso de Michel Richard Delalande, quen escribiu tan só tres e que son unha das obras cumio do seu autor e un dos ciclos máis fermosos de Leçons de ténèbres. Estas tres Leçons de ténèbres de Delalande constitúen os piares que fundamentan o programa de presentación no Festival Ateneo Barroco do Collegium Musicum Madrid, que fundou e dirixe o experimentado especialista en instrumentos de corda pulsada Manuel Minguillón. Tamén actúa por primeira vez no festival a soprano meridense María Espada, unha das voces más recoñecibles, recoñecidas e reputadas da música antiga en España, unha soprano dunha sensibilidade e refinamento estilístico extraordinarios que atesoura unha longa carreira internacional admirable que a ten levado aos máis salientables festivais e escenarios de Europa e a colaborar cos directores, artistas, conxuntos e orquestras máis prestixiosos no mundo da música antiga. As tres Leçons de ténèbres de Delalande están enmarcadas por dúas obras instrumentais de gran espiritualidade, dous magníficos e sentidos lamentos musicais, como o Plainte sur la mort de Monsieur Lambert de Jean Lacquemant DuBuisson e o Tombeau de Sainte-Colombe de Marin Marais.
Michel Richard de Lalande (1657-1726)
Troisième Leçon du Mercredy (Terceira lección do Mércores)
_I. Jod – Manun suam misit hostis
_II. Caph – Omnis populus ejus
_III. Vide Domine
_IV. Lamed – O vos omnes
_V. Mem – De excelso
_VI. Nun – Vigilavit
_VII. Infirmata Est
_VIII. Jerusalem
Jean Lacquemant DuBuisson (1622-1680)
Plainte sur la mort de Monsieur Lambert (Lamento sobre a morte do señor Lambert)
Michel Richard de Lalande (1657-1726)
Troisième Leçon du Jeudy (Terceira lección do Xoves)
_I. Aleph – Ego vir videns
_II. Aleph – Me minavit
_III. Aleph – Tantum in me vertit
_IV. Beth – Vetustam fecit
_V. Beth – Aedificavit in gyro meo
_VI. Beth – In tenebrosis collocavit
_VII. Ghimel – Circum aedificavit
_VIII. Ghimel – Sed et cum clamavero
_IX. Ghimel – Conclusit vias meas
_X. Jerusalem
Marin Marais (1656-1728)
Tombeau de Sainte-Colombe
Michel Richard de Lalande (1657-1726)
Troisième Leçon du Vendredy (Terceira lección do Venres)
_I. Incipit oratio
_II. Recordare
_III. Pupilli facti sumus
_IV. Cervicibus nostris
_V. Lasis non dabatur
_VI. Recordare
_VII. Aegypto dedims manum
_VIII. In animabus nostris
_IX. Pellis nostra
_X. Mulieres in Sion
_XI. Jerusalem
DELALANDE E AS LEÇONS DE TÉNÈBRES
Leçons de ténèbres é un xénero de música barroca francesa que se desenvolveu a partir das lamentacións polifónicas para o oficio de tebras dos compositores do Renacemento. As Leçons de ténèbres utilizan como texto as “Lamentacións de Xeremías”, que narran o asedio e conquista de Xerusalén a mans de Nabucodonosor II de Babilonia. Estes textos úsanse alegoricamente para os tres días de dó por Cristo entre a súa crucifixión e a súa resurrección.
O contexto das Leccións de tebras francesas era, a miúdo, privado. Por exemplo, o catálogo de Philidor indica que as Leçons de ténèbres de Michel Richard Delalande (ou Michel Richard de Lalande), que vertebran este programa, foron compostas para tales ocasións e que a filla de 15 anos de Delalande as cantou para Luís XIV nos seus salóns privados en primeiro lugar, antes de presentalas na Real Capela de Versalles converténdose na louvanza de todo París.
O estilo característico das Leçons de ténèbres defínese pola tendencia cara á interpretación virtuosa dos solistas, acompañados do baixo continuo. É música introspectiva e melismática, especificamente nos melismas sobre as letras hebreas que introducen cada verso en latín. Un conxunto completo de Leçons de ténèbres para os tres días da Semana Santa, interpretadas na véspera de cada día, incluiría nove leccións, é dicir, tres para o Mércores Santo, tres para o Xoves Santo e outras tres para o Venres Santo. Con todo, na práctica, os compositores rara vez compoñían un ciclo completo coas nove lamentacións, como é o caso de Delalande, quen escribiu tan só tres: Troisième leçon pour le mercredi, Troisième leçon pour le jeudi e Troisième leçon pour le vendredi. Atopámonos ante unha das obras cumio do seu autor e un dos ciclos máis fermosos de Leçons de ténèbres. Unha caricia para a alma.
As tres Leçons de ténèbres de Michel Richard Delalande constitúen os piares que fundamentan o programa da soprano María Espada e do Collegium Musicum Madrid e están enmarcadas por dúas obras instrumentais de gran espiritualidade, dous magníficos e sentidos lamentos musicais, como a Plainte sur la mort de Monsieur Lambert de Jean Lacquemant DuBuisson e o Tombeau de Sainte-Colombe de Marin Marais.
Manuel Minguillón
MARÍA ESPADA soprano
Nada en Mérida, estudou canto con Mariana You Chi e con Alfredo Kraus, entre outros. Presentouse en salas como Philharmonie de Berlín, Konzerthaus de Viena, Concertgebouw de Ámsterdam, Théâtre des Champs Élysées de París, Teatro Real, Teatro de la Zarzuela e Auditorio Nacional de Madrid, Palais des Beaux Arts de Bruxelas, Gasteig de Múnic, Santa Cecilia de Roma, Vredenburg de Utrecht, Teatro del Liceo, L’Auditori e Palau de la Música Catalana de Barcelona, Maestranza de Sevilla, Kursaal de San Sebastián, Euskalduna de Bilbao, Auditorio de Galicia, etc. Ten cantado con directores como Mariss Jansons, Ivan Fischer, Rafael Frühbeck de Burgos, Giovanni Antonini, Diego Fasolis, Andrea Marcon, Fabio Biondi, Frans Brüggen, Ton Koopman, Enrico Onofri, Juanjo Mena, Jesús López Cobos, Aldo Ceccato, etc. Actuou con prestixiosas orquestras e conxuntos como Royal Concertgebouw Orchestra, BBC Philharmonic Orchestra, Munich Philharmonic Orchestra, Netherlands Radio Chamber Philharmonic, Orquestra da Radio Húngara, Il Giardino Armonico, Venice Baroque Orchester, Orchestra of the 18th century, Les Talens Lyriques, I Barocchisti, La Cetra, L’Orfeo Barockorchester, Al Ayre Español, Helsinki Baroque Orchestra e practicamente a totalidade de orquestras sinfónicas españolas. Gravou discos para os selos Harmonia Mundi, Chandos, Naxos e Challenge, entre outros.
COLLEGIUM MUSICUM MADRID
Fundado e dirixido por Manuel Minguillón, Collegium Musicum Madrid foi creado en 2012 coa idea de recuperar o patrimonio histórico musical dos séculos XVI, XVII e XVIII con criterios historicistas. Os seus proxectos inclúen unha gran variedade de repertorio, dende a música sacra á ópera, ao igual que a música de cámara.
Collegium Musicum Madrid ten actuado con grande éxito nos principais festivais nacionais, como o Festival de Música Antigua de Aranjuez, Quincena Musical Donostiarra, Festival Internacional de Santander, Clásicos en Verano da Comunidade de Madrid, Semana de Música Antigua de Vitoria, Festival de Música Renacentista y Barroca de Vélez Blanco, Festival Mare Musicum (Roquetas de Mar), Semana de Música Antigua de Logroño, Festival de Música Antigua de Casalarreina, etc. Collegium Musicum Madrid colabora e comparte escenario habitualmente con grandes músicos de proxección internacional como Carlos Mena, María Espada ou Filippo Mineccia. Tamén colabora regularmente con Patrimonio Nacional no rescate e representación do patrimonio musical español do Renacemento e Barroco. En 2021 publicou o seu primeiro disco, Per voi ardo, xunto ao contratenor Carlos Mena, e en 2023 saíu á luz Dicen que hay amor, o seu segundo disco para IBS Classical, xunto á soprano María Espada. En 2025 publicará o seu terceiro rexistro,Capriccio.
MANUEL MINGUILLÓN corda pulsada / dirección
Naceu en Madrid, onde estudou con Gerardo Arriaga, Jesús Alonso e Jesús Sánchez obtendo tanto o título de profesor de guitarra como o de instrumentos de corda pulsada do Renacemento e Barroco. Seguidamente, trasladouse a Basilea para estudar co mestre Hopkinson Smith. Posteriormente, foi bolseiro pola Eastman School of Music en Rochester (New York), onde realizou un máster e un doutorado en interpretación de instrumentos antigos de corda pulsada co mestre Paul O’Dette. Manuel Minguillón ten colaborado con grupos como Gabrieli Consort & Players, Monteverdi Choir, English Baroque Soloist, Florilegium, La Nuova Musica, The Kings Singers, Charivari Agreable, Al Ayre Español, La Compañía de Teatro Clásico de España, Nereydas, Vespres d’Arnadi, Impetus, Orquesta Barroca de Sevilla, Musica Alchemica, Ludovice Ensemble, Accademia del Piacere, La Madrileña, Harmonia del Parnás, Los Afectos Diversos, Tiento Nuevo, Musica Ficta, Concerto 1700, La Grande Chapelle, Capella de Ministrers, etc., actuando por toda Europa, Norteamérica e Australia. Tocou xunto a algúns dos máis prestixiosos directores e solistas, como Paul McCresh, John Elliot Gardiner, Paul O’Dette, Laurence Cummings, Eduardo López Banzo, Carlos Mena, Vivica Genaux, Filippo Mineccia, María Espada, etc. Realizou máis dunha ducia de gravacións discográficas para selos como Glossa, Pan Classics, Brilliant Classics, Signum Records, Enchiriadis e IBS Classical, gravando con conxuntos como The King Singers, Nereydas, Los Afectos Diversos, Musica Alchemica, Ludovice Ensemble e o seu propio grupo Collegium Musicum Madrid, co que gravou recentemente dous discos: Per voi ardo, xunto a Carlos Mena (2021), e Dicen que hay amor, xunto a María Espada (2023), ambos os dous co selo IBS Classical. A súa última gravación dirixindo Collegium Musicum Madrid, Capriccio, verá a luz en 2025. Actualmente, vive e traballa en Madrid, onde é profesor titular en Mingui Estudio e director artístico de Collegium Musicum Madrid e Alma Music Management.
