# óboe barroco #
# violín #

SONATA E TRIOSONATA
mestres do Barroco tardío

CAMERATA BOCCHERINI
PAOLO GRAZZI  óboe barroco
MASSIMO SPADANO  violín
ROBERTA BUCCO clave

Antonio Vivaldi / Georg Friedrich Haendel / Georg Philipp Telemann / Joseph Nicolas Pancrace Royer / Josep Baptista & Josep Pla

Teatro Principal
Santiago de Compostela
mércores 8 outubro 2025
20.00

O programa da Camerata Boccherini arredor da Sonata e a Triosonata (Sonata en trío), composicións instrumentais para solista (ou dous solistas) e baixo continuo, que a finais do século XVII, dende Italia, se difundiu por toda Europa, reúne unha magnífica ilustrativa selección de como autores italianos e de orixe xermano exploraron, na primeira metade do XVIII, a música instrumental de cámara. Desexosos de amosar o seu talento e o seu virtuosismo, seguro que os solistas do seu tempo (violinistas principalmente, pero tamén solistas doutros instrumentos de corda e vento) estaban felices de poder levar, nas súas maletas e baúis ou nas fundas dos seus instrumentos, partituras saídas do xenio de compositores da mestría e do renome de Vivaldi, Haendel ou Telemann, tres figuras de referencia do Barroco e da historia da música que conforman a columna vertebral do programa da Camerata Boccherini. A Camerata Boccherini, fundada en Galicia xa hai dúas décadas polo violinista Massimo Spadano (concertino da Orquestra Sinfónica de Galicia e reputado solista de proxección internacional), conta para este concerto no Ateneo Barroco 2025 coa colaboración extraordinaria do oboísta Paolo Grazzi (un dos grandes solistas de óboe barroco, cofundador do prestixioso Ensemble Zefiro e comprometido especialista e docente que vén creando escola co seu instrumento dende a súa cátedra). Como significativo exemplo da súa difusión e demostrando que non só de violíns vive o xénero da Sonata e da Triosonata, o programa da Camerata Boccherini remata cunha sonata en trío para óboe e violín dos irmáns cataláns Joan Baptista e Josep Pla i Agustí, compositores e oboístas ambos os dous. 

Antonio Vivaldi (1678-1741)
Triosonata para violín, óboe e baixo continuo en sol menor RV 72
_Preludio (Largo) / Allemanda (Allegro) / Aria-Minuetto (Allegro)

Georg Friedrich Haendel (1685-1759)
Sonata para óboe e baixo continuo en Fa Maior HWV 363a
_Adagio / Allegro / Adagio / Bourrée angloise / Minuetto  

Georg Philipp Telemann (1681-1767)
Triosonata para violín, óboe e baixo continuo en sol menor TWV42:g5 (de Essercizii Musici)
_Mesto /Allegro / Andante / Vivace

Joseph Nicolas Pancrace Royer (1705-1755)
Le Vertigo, rondeau para clave en sol menor

Georg Friedrich Haendel (1685-1759)
Triosonata para óboe, violín e baixo continuo en Fa Maior op 5 nº 6, HWV401
_Adagio / Allegro-Adagio / Adagio / Allegro / Minuetto (Allegro moderato)

 Antonio Vivaldi (1678-1741)
Sonata para violín e baixo continuo en Re Maior RV10
_Preludio / Allegro / Adagio / Allegro

Joan Baptista Pla (1720-1773) & Josep Pla (c.1728-1762)
Triosonata para óboe, violín e baixo continuo en re menor
_Allegro / Andante / Allegro

 

SONATA E SONATA EN TRÍO, MESTRES E SOLISTAS DO BARROCO

O termo de Sonata ten amparado ao longo da historia formas e estilos moi diferentes, dende o Barroco até os nosos días. O termo pode levar a confusión xa que en cada época podía aludir a conceptos diferentes e podía referirse tanto a unha obra musical completa como, principalmente durante o que se define como Clasicismo, a un procedemento de escritura musical que estrutura un tipo de composición diferente (sinfonías, por exemplo) das obras de cámara ás que habitualmente asociamos este termo de Sonata. O termo de Sonata comeza a empregarse en Italia durante o Barroco, facendo referencia a unha composición instrumental a varias partes con baixo continuo. Estas composicións de cámara distinguíanse así de composicións con solista vocal, a cantata, ou da toccata, obras para teclado ou outro instrumento polifónico. A súa orixe pode situarse na música instrumental veneciana, concibida aínda na súa forma polifónica entre catro e oito partes (partes que non se adoitaba asignar a instrumentos específicos) de comezos do século XVII.

Ao tempo que os lutieres perfeccionaban as súas creacións (especialmente o violín no norte de Italia) e evolucionaba a técnica interpretativa, o baixo continuo xoga tamén un papel fundamental no desenvolvemento da Sonata, permitindo desenvolver un repertorio que outorgou máis liberdade ao solista mediante un concepto de expresión, se tomamos como referencia a música vocal, máis baseado na moderna monodia acompañada: estilo no que a voz tamén se liberaba das ataduras dun contexto polifónico anterior que coartaba as súas posibilidades de improvisación e de expresión e transmisión de sentimentos e afectos. A parte do baixo continuo inclúe unha liña de referencia de baixo sobre a que os intérpretes agregan acordes co obxectivo de crear un acompañamento ao solista. O baixo continuo podía ser executado por un ou varios instrumentos e adoitaba ­–e adoita– realizarse cun instrumento polifónico (clave, órgano, laúde…) e outro melódico (viola da gamba, violoncello, fagot…). O baixo continuo foi un factor determinante ao tecer o contexto musical que permitiu esa liberdade da que gozaba principalmente o violinista (pero tamén outros instrumentistas de corda e vento), propiciando que a sonata solista se impuxera sobre as sonatas polifónicas a máis de tres partes.

A Sonata (solista e baixo continuo) e a súa variante, a Sonata en trío ou Triosonata (para dous solistas e baixo continuo), convertéronse nunha das formas de exhibición máis axeitadas para o xenio e as facultades de instrumentistas, compositores e compositores-instrumentistas. A Sonata en trío, Triosonata, recibe este nome polas tres partes escritas (dúas para solistas), aínda que habitualmente sexa tocada por catro ou máis músicos (segundo o número de músicos que se fagan cargo do baixo continuo). Sonata e Triosonata xogaron un papel determinante na difusión dunha renovada música de cámara instrumental, que na súa orixe, case como non podía ser doutro xeito, lideraron violinistas e compositores italianos (co influente Arcangelo Corelli á cabeza) e que, dende finais do século XVII, se estendeu por toda Europa co apoio dun cada vez máis puxante mercado editorial.

O programa da Camerata Boccherini arredor da Sonata e da Triosonata reúne unha magnífica selección de como autores italianos e de orixe xermano exploraron, na primeira metade do século XVIII, a música instrumental. A súa mestría dáse por sentada e seguro que os solistas do seu tempo, como os de hoxe, estaban felices de poder levar, nas súas maletas e baúis ou nas fundas dos seus instrumentos, partituras saídas do xenio de compositores do talento e do renome de Antonio Vivaldi, Georg Friedrich Haendel ou Georg Philipp Telemann, sen dúbida tres figuras de referencia do Barroco e da historia da música, que conforman a columna vertebral do programa da Camerata Boccherini. Como magnífico exemplo da difusión deste xénero instrumental e demostrando que non só de violíns viven a Sonata e a Triosonata, o programa da Camerata Boccherini remata cunha sonata en trío dos irmáns cataláns Joan Baptista e Josep Pla i Agustí, compositores e oboístas ambos os dous, que verteron todos os seus coñecementos técnicos do seu instrumento en composicións como a asinada conxuntamente Triosonata en re menor para óboe e violín.

 

PAOLO GRAZZI  óboe barroco
Tras conseguir o diploma en óboe aos 17 anos no Conservatorio de Parma, continúa os seus estudos no Conservatorio Real de Bruxelas onde, baixo a tutela de Paul Dombrecht, obtén o Primeiro Premio con distinción en óboe e óboe barroco. Nese momento comeza a colaborar coas máis reputadas orquestras europeas de música antiga: Il Giardino Armonico, Accademia Bizantina, Europa Galante, Le Concert des Nations, The English Concert, Concentus Musicus Wien, La Petite Bande, etc. Xunto ao seu irmán, o fagotista Alberto Grazzi, e ao oboísta Alfredo Bernardini, funda en 1989 o Ensemble Zefiro, grupo único en Europa, especializado na investigación e na divulgación do repertorio para ventos do período barroco e clásico, proposto con instrumentos orixinais segundo a práctica interpretativa historicista. Con Zefiro, Paolo Grazzi preséntase nos máis prestixiosos festivais de Europa e do mundo e foi premiado pola crítica co Grand Prix du Disque (1990), Choc du Monde de la Musique (2007), Diapason d’Or de l’année (2009) e co premio Abbiati ao mellor grupo de música de cámara (2018). En 2008 foi invitado por Claudio Abbado a tomar parte das producións da Orchestra Mozart con instrumentos antigos. Realizou gravacións para as maiores discográficas, tamén en calidade de solista (Sony Classic, Telefunken Decca, Harmonia Mundi, Naïve, Amadeus, Arcana), e para emisións radiofónicas italianas e no estranxeiro. Paolo Grazzi deu vida á cátedra de óboe barroco (primeira en Italia) na Civica Scuola di Musica de Milán, da que, co paso do tempo, saíron numerosos oboístas actualmente activos nas máis grandes orquestras de Europa. Ademais, ensinou óboe e óboe barroco na Esmuc (Escola Superior de Música de Cataluña) e actualmente é docente de óboe e óboe barroco no Conservatorio Dall’Abaco de Verona. É regularmente invitado a ofrecer clases maxistrais de óboe barroco e de música de cámara para instrumentos antigos en Alemaña, Francia, España, Noruega, Brasil, Israel, Canadá, Nova Zelandia, etc., e nos conservatorios de Moscova, Tel Aviv, Xerusalén, Salamanca, Seul, Frankfurt, Karlsruhe, Trossingen, París, Bruxelas, Madrid, etc.

MASSIMO SPADANO  violín / dirección
Nado en Lanciano (Italia), estudou en Italia e Holanda baixo a tutela de Viktor Libermnan e Philippe Hirschhorn. Como concertino e solista, actuou en distintas formacións nas máis importantes salas de Europa, Estados Unidos, Sudamérica, Asia, África e Oriente Medio. Ten actuado nos festivais e tempadas de Berlín, Salzburgo, Milán, París, Madrid, Roma, Montpellier, Wiesbaden, Ámsterdam, Florencia, Barcelona, Múnic, Napflion, etc., con músicos e artistas da categoría de Victoria Mullova, Maxim Vengerov, Katia e Marielle Labéque, Christian Zacharias, Enrico Dindo, Alexander Lonquich, así como con Gérard Depardieu e Alessandro Baricco. Dedica gran parte da súa actividade á música antiga con instrumentos orixinais e á súa investigación, participando na edición de numerosos volumes de música barroca coa Camerata Anxanum, orquestra italiana da cal é membro fundador.
Dende 1994 é concertino da Orquestra Sinfónica de Galicia e, sempre como concertino, colabora con outras orquestras como Orchestra Mozart (dirixida por Claudio Abbado), Orchestre National de Lyon, Accademia di Santa Cecilia de Roma, Orchestre de Chambre de Lausanne, Orquestra Cidade de Granada, Deutsche Radio Philarmonie Saarbruckën, Sinfónica de Tenerife ou as orquestras do Teatro do Liceo e Teatro Real. Ten colaborado con grupos barrocos como Ensemble Baroque de Limoges (Christophe Coin), Ensemble Zefiro, Hesperion XX e Le Concert de Nations (Jordi Savall), coa Chambre Philarmonique dirixida por Emmanuel Krivine e Orfeo 55 con Nathalie Stutzman. Gravou para os selos Deutsche Grammophone, Sony, Opus 111, Bongiovanni e Auvidis Astrèe, recibindo un “Choc Musique”. Coa Camerata Boccherini, ensemble fundado por el mesmo, gravou os tres cuartetos de Juan Crisóstomo de Arriaga para o selo Naxos e co Ensemble Zefiro dous compactos de concertos de Mozart e de Fasch para Harmonia Mundi.
Diplomado en dirección de orquestra en Italia co mestre Donato Renzetti, dende 1995 é director musical e artístico da Orquestra de Cámara da Sinfónica de Galicia e dirixiu tamén a Academy of Ancient Music, Orquestra Sinfónica de Galicia, Orquestra Cidade de Granada, Orquestra Sinfónica do Vallés, Orquestra do Norte de Portugal, Pforzheim Kammer Orchester, Orquestra Sinfónica de Sanremo, Orquestra Sinfónica de Bilbao, Georgish Kammerorchester, Orquesta de Extremadura, Orquesta de Castilla y León, Orquesta del Principado de Asturias, etc. No Festival Rossini de Bad-Wilbad dirixiu a ópera Ser Marcantonio de Stefano Pavesi, que recentemente editou en compacto Naxos. Massimo Spadano toca cun violín Josephum Contreras de 1755 e un Joseph Albani (ca. 1700).

ROBERTA BUCCO  clave
Comezou os estudos musicais baixo a tutela do mestre Massimo Berghella e obtivo con honras o título en Clavecín e Teclados Históricos no Conservatorio Luisa D’Annunzio de Pescara. Ampliou a súa formación participando en clases maxistrais con salientables clavecinistas de renome internacional como Rinaldo Alessandrini, Marco Mencoboni e Luca Guglielmi. Desenvolve unha intensa actividade concertística tanto como solista como en calidade de continuista, pianista acompañante e organista. Colabora regularmente con diversas formaciones de cámara e orquestrais, entre elas a Orquestra de Cámara Fedele Fenaroli de Lanciano e a GEA, Giovane Ensemble d’Abruzzo, coa que recentemente interpretou As catro estacións de Vivaldi. Co ensemble de música antiga Fairy Consort, participou no Festival Giovanni Maria Trabaci de Irsina (Matera) e ten actuado xunto a recoñecidos solistas como a soprano Carmela Remigio, o violinista Massimo Spadano e o oboísta barroco Paolo Grazzi. Paralelamente á súa carreira musical, Roberta Bucco exerce a profesión de médico especialista, combinando con paixón a arte e a ciencia.

CAMERATA BOCCHERINI
Creada polo violinista italiano Massimo Spadano, a Camerata Boccherini foi fundada na Coruña como un ensemble de formato variable coa vontade de afondar na tradición musical precedente e presentala ao público actual sobre o escenario. A Camerata Boccherini ten actuado en prestixiosos ciclos de concertos e festivais como o Ciclo de Música Antiga, Barroca e Clásica do Auditorium de Tenerife, o ciclo Liceo de Cámara do Auditorio Nacional de Madrid cun programa de músicas de Weber, Schönberg e Beethoven, no Festival de Música Antiga dos Pirineos, no Festival de Órgano de León, no festival Terra sem sombras (Portugal), etc. Proximamente actuará en Portugal, Pontevedra e Barcelona. A Camerata Boccherini ten gravado coa discográfica Naxos, que editou a súa interpretación de tres cuartetos de Juan Crisóstomo de Arriaga.