CINEMA, DOCUMENTAL, MÚSICA… *
As actividades complementarias do novo festival Ateneo Barroco achegan unha serie de sesións documentais que inclúen a proxección de senllos documentos audiovisuais que, con Londres como lugar común, están dedicados á obra de dúas das máis salientables figuras do Barroco e da historia da música, Johann Sebastian Bach e Georg Friedrich Haendel. Ademais, contamos coa cinematográfica colaboración do arpista compostelán Manuel Vilas, creador dunha singular proposta en directo na que a arpa serve de vehiculo de transporte para un travelling moi especial ao longo de 50 anos de historia do cinema.
TRAVELLING PARA UNHA ARPA
A presenza da arpa no cine clásico, desde as arpas do antigo Exipto até as modernas arpas de pedais
Un documental en directo con MANUEL VILAS
Sede Afundación (Rúa do Vilar, 19)
martes 1 outubro 2019
20.00
A presenza da arpa no cinema prodúcese case dende o nacemento do memo. Nesta peculiar presentación, a xeito de documental realizado en directo, a pintura, a literatura, o cinema e a música mestúranse coa arpa sempre como denominador común e fio conductor. O arpista compostelán Manuel Vilas selecciona e analiza escenas nas que a presenza da arpa forma parte da linguaxe cinematográfica, escenas onde incluso a presenza deste instrumento condiciona a planificación e posta en escena. Exhíbense e son analizadas escenas que van desde as fantásticas reproducións de arpas exipcias que a Century Fox realizou para Sinuhé o Exipcio e de arpas inspiradas en modelos medievais introducidas en musicais da Metro Goldwin Mayer, até unha gran variedade de arpas de pedais aparecidas en infinidade de películas de moi diversa índole. Ademais, Manuel Vilas achega argumentos acerca da influencia que a antiga simboloxía do Rei David como arpista exerceu en diversos filmes e do papel da arpa no cinema de terror, fala da figura de grandes directores de atrezzo e mobiliario cinematográfico como creadores de moi diversos tipos de arpas e da utilización en filmes de arpas reais dos séculos XVIII, XIX e XX, de arpas fantásticas, etc. En definitiva, un paseo por 50 anos da historia do cinema ao través de producións cinematográficas norteamericanas, francesas, españolas, italianas, danesas e alemás realizadas entre os anos 1913 e 1968 nas que a arpa se converte nalgún momento en protagonista principal.
A CANTATA 63 DE JOHANN SEBASTIAN BACH
documental dos ensaios con John Eliot Gardiner en Abbey Road, 2002
Monteverdi Choir & English Baroque Soloists & John Eliot Gardiner
Sede Afundación (Rúa do Vilar, 19)
mércores 2 outubro 2019
18:30
Neste documento rexistrado con motivo da gravación dunha cantata de Bach nos míticos estudos londinenses de Abbey Road en 1999, John Eliot Gardiner fai unha achega moi particular, de indubidable valor divulgativo, á música dunha das grandes figuras da historia da música e a unha filosofía de recuperación e interpretación da música barroca con criterios historicistas e con instrumentos de época. O documental mestura os comentarios dun expresivo e didáctico Gardiner con ilustrativas imaxes do seu minucioso traballo sonoro e estilístico para recrear a obra obxecto do documental: a cantata catalogada como BWV 63 e titulada Christen, ätzet diesen Tag (Cristianos, gravade ese día) foi composta por un Bach aínda novo para o Nadal de 1713 en Weimar e máis tarde incluída nos ciclos anuais de cantatas que Bach compuxo xa como Cantor na Igrexa de Santo Tomás en Leipzig. Gardiner sabe o que quere e como conseguilo; riguroso, xestualmente moi expresivo e enérxico, o director británico apoiase no virtuosismo do seu coro e da súa orquestra, instrumentos deseñados e construidos á súa medida polo director británico, para amosar un infinito rango de matices e detalles na súa lectura dunha obra dramática e ricamente orquestrada con cordas, trompetas, óboes, fagots e timbais.
A MÚSICA ACUÁTICA DE HAENDEL
documental da recreación dun espectáculo musical para un Real paseo polo Támesis en 1717
The English Concert & Andrew Manze
Sede Afundación (Rúa do Vilar, 19)
mércores 2 outubro 2019
20:00
Documento que conta e ilustra o ambiciosa tentativa dun equipo de expertos para reescenificar a salientable historia da estrea da Water Music (Música Acuática) de Georg Friedrich Haendel. Composta a petición do rei Jorge I, a Música Acuática é unha brillante colección de danzas e pezas instrumentais ordenadas en 3 suites por Haendel. Conta a crónica que os músicos, 50 aproximadamente, estrearon estas suites típicas do Barroco o 17 de xullo de 1717 situados nunha barcaza que navegaba ao carón da barcaza real mentres o rei daba o seu paseo ideal acompañado por membros da nobreza, ao solpor, polo Támesis. Narra o primeiro xornal británico que o evento levantou expectación e convocou a gran cantidade de londinenses na beira do río e que, segundo parece, o rei quedou moi complacido e ordeou repetir a obra 3 veces durante a plácida travesia entre o palacio de Whitehall e Chelsea. Filmado nun barco decorado para a ocasión e cos músicos vestidos de época, os protagonistas do documental son os membros de The English Concert, coñecido conxunto londinense de instrumentos orixinais especializado no Barroco dirixido para a ocasión por Andrew Manze.
* entrada libre até completar a capacidade do locaL