CINEMA, DOC, MÚSICA…

Como ilustrativo complemento didáctico, o novo festival Ateneo Barroco volve achegar unha serie de sesións cinematográficas documentais. Relacionados directa ou indirectamente cos programas, estes filmes enriquecen os contidos do festival e ofrecen unha panorámica suplementaria de aspectos musicais, de eventos históricos, de personaxes, en resumo de historias do Barroco e as súas músicas, filtradas a través da visión de cineastas, músicos, artistas, escritores, musicólogos e especialistas. En concreto e nesta segunda edición do festival, a proposta de cinema e documental inclúe dous filmes, dun indubidable valor documental, centrados nun dos principais fíos condutores do programación do Ateneo Barroco 2020: o Barroco francés e as súas circunstancias.

 

LE ROI DANSE

Gérard Corbiau. Bélxica / Francia, 2000. 115’
Benoît Magimel, Boris Terral, Tcheky Kario, Colette Emmanuelle

Ateneo de Santiago (Praza de Salvador Para, 4 – 2º)
asistencia gratuita previa inscrición no correo electrónico ateneo@ateneodesantiago.com (prazas limitadas)
martes 6 outubro 2019 | 19:30

Película biográfica baseada nunha novela de Philippe Beaussant que narra a relación do compositor Jean-Baptiste Lully e Luis XIV e na que tamén conta cun protagonismo destacado o literato Molière, Le Roi Danse arranca en 1653 durante un espectáculo de danza protagonizado polo propio rei de 15 anos en Versalles. Entre intrigas propias da vida cortesá de palacio durante o longo reinado do absolutista Luis XIV na segunda metade do século XVII, a película de Gérard Corbiau narra o ascenso e o ocaso do compositor de orixe italiano Giovanni Battista Lulli, quen acadaría unha notable influencia no desenvolvemento da música francesa que se alongaría incluso despois do seu falecemento, e amosa a faciana de amante da música, da danza e do teatro do Rei Sol. Cunha realista ambientación de época, Le Roi Danse destaca pola brillante interpretación musical, historicamente informada con instrumentos de época, a cargo de Reinhard Goebel e a súa orquestra Musica Antiqua Köln; a banda sonora está case totalmente integrada por obras de Lully, sobre todo das súas óperas, ballets e música para o teatro (Le Bourgeois Gentilhomme, Armide, Atys, Le triomphe de l’Amour, Alcidiane, Persée, Phaéton, Xerxes…), pero tamén inclúe obras de autores moito menos coñecidos como Robert Cambert, Jacques Cordier ou Michel Lambert.

 

VATEL

Roland Joffé. Reino Unido / Francia, 2000. 116’
Gérard Depardieu, Uma Thurman, Tim Roth, Timothy Spall, Julian Glover

Ateneo de Santiago (Praza de Salvador Para, 4 – 2º)
asistencia gratuita previa inscrición no correo electrónico ateneo@ateneodesantiago.com (prazas limitadas)
mércores 7 outubro 2019 | 19:30

Baseada na vida do cociñeiro e mestre de cerimonias francés do século XVII François Vatel, a acción do filme Vateltranscorre en 1671 durante a organización de tres días de fastos e celebracións nas propiedades do Príncipe de Condé, home orgulloso e devoto do seu rei e que, arruinado e ancián, tenta recobrar os favores de Luis XIV, recibíndoo e homenaxeándoo suntuosamente xunto aos membros da súa corte de Versalles. Cun reparto encabezado por Gérard Depardieu, Uma Thurman e Tim Roth, nomeada aos Óscar e película encargada de abrir o festival de cinema de Cannes en 2000, o director franco-británico Roland Joffé creou un filme elegante que ten na ambientación, no vestiario e na recreación histórica os seus argumentos máis sólidos e no que non faltan as intrigas, o cortexo, o dispendio, a ostentación… Todo convenientemente musicado con obras de Jean-Philippe Rameau e outros compositores, no medio dunha banda sonora de patente inspiración barroca elaborada por Ennio Morricone.