CINEMA, DOC, MÚSICA…
A TRAVÉS DUN TECLADO
(A TRAVÉS DE UN TECLADO)
ÁLVARO MENÉNDEZ GRANDA dirección
Diego Ares / Agustín Álvarez / Sabrina Martín Guinaldo / Alberto Martínez Molina / Andrés Alberto Gómez/ Asís Márquez / Jordan Fumadó / Benjamin Alard / Manuel Minguillón / Ignacio Prego
Documental, 65’. España, 2022
Numax
Santiago de Compostela
xoves 15 outubro 2026
horario por determinar
sesión presentada por José Víctor Carou
www.numax.org (a partir do 1 de outubro)
4 euros (abonados Numax e abonados Festival Ateneo Barroco)
5 euros (maiores de 65 anos, menores de 18 anos, estudantes menores de 25 anos, desempregadas, carné xove)
6 euros (público xeral)

Como ilustrativo complemento didáctico, o Festival Ateneo Barroco reedita a súa achega de oferta cinematográfica e documental. Relacionadas directa ou indirectamente cos programas, os filmes que cada edición propón o festival enriquecen os seus contidos e ofrecen unha panorámica suplementaria de aspectos musicais, de eventos históricos, de personaxes, en resumo, de historias do Barroco e as súas músicas, filtradas a través da visión de cineastas, músicos, artistas, escritores, musicólogos e especialistas.
En outubro de 2024, o Festival Ateneo Barroco estreaba na súa sexta edición un novo espazo, o cinema Numax e, así, a colaboración con esta multidisciplinar sala de cinema e libraría que, dende a súa inauguración en 2015, se converteu nunha indiscutible referencia da vida cultural compostelá e galega, supuxo a primeira proxección en Santiago do filme de Pere Portabella Die Stille vor Bach (O silencio antes de Bach).
Numax será de novo a sede desta liña das actividades complementarias do festival denominada “Cinema, Doc, Música…”, no marco desta oitava edición do Festival Ateneo Barroco que titulamos “Instrumental” e na que en cada concerto un ou dous instrumentos adquiren una presenza especial. Un dos instrumentos máis representativos e con máis protagonismo na música do Barroco, o clave, ten inspirado a Álvaro Menéndez Granda o seu interesante, estimulante e instrutivo documental seleccionado para este Ateneo Barroco 2026.
No seu documental A través dun teclado, Álvaro Menéndez Granda pon en valor ao clavecín como o instrumento que mellor representa a idea do Barroco como a arte da posta en escena. Obxecto artístico en si mesmo, o clave condensa a esencia da música, a pintura e incluso a escultura do Barroco. O filme A través do teclado ilustra a evolución dos instrumentos de teclado dende o pequeno clavisimbalum medieval até os grandes claves franceses do século XVIII, pasando polo virxinal, o muselar e a espineta, o clavicordio, clavecíns (franceses, alemáns, italianos, flamencos ou francoflamencos) e tamén fortepianos e pianos. Nesta viaxe na evolución dos instrumentos de corda pulsada con teclado dende a Idade Media até o século XVIII, Álvaro Menéndez Granda conta coa colaboración de luthieres, decoradores de clavecíns, organistas, musicólogos e unha representativa selección de clavecinistas, como Agustín Álvarez, Sabrina Martín Guinaldo, Alberto Martínez Molina, Asís Márquez, Jordan Fumadó, Andrés Alberto Gómez ou Ignacio Prego, ademais do especial protagonismo do clavecinista vigués Diego Ares, quen abre e pecha o documental cos seus comentarios e interpretando dúas pezas do gran mestre Johann Sebastian Bach.
