CINEMA, DOC, MÚSICA…
THE QUEST FOR TONEWOOD
(NA BUSCA DO VIOLÍN PERFECTO)
HANS LUKAS HANSEN dirección
Filme, 83’. Noruega 2021
Numax
Santiago de Compostela
sábado 11 outubro 2025
17.15h
sesión presentada por José Víctor Carou
www.numax.org (a partir do 1 de outubro)
4 euros (abonados Numax e abonados Festival Ateneo Barroco)
5 euros (maiores de 65 anos, menores de 18 anos, estudantes menores de 25 anos, desempregadas, carné xove)
6 euros (público xeral)
Como ilustrativo complemento didáctico, o Festival Ateneo Barroco reedita a súa achega de oferta cinematográfica e documental. Relacionadas directa ou indirectamente cos programas, os filmes que cada edición propón o festival enriquecen os seus contidos e ofrecen unha panorámica suplementaria de aspectos musicais, de eventos históricos, de personaxes, en resumo, de historias do Barroco e as súas músicas, filtradas a través da visión de cineastas, músicos, artistas, escritores, musicólogos e especialistas.
En outubro de 2024, o Festival Ateneo Barroco estreaba na súa sexta edición un novo espazo, o cinema Numax, e, así, a colaboración con esta multidisciplinar sala de cinema e libraría, que dende a súa inauguración en 2015 se converteu nunha indiscutible referencia da vida cultural compostelá e galega, supuxo a primeira proxección en Santiago do filme de Pere Portabella Die Stille vor Bach (O silencio antes de Bach).
Numax será de novo a sede desta liña das actividades complementarias do festival denominada “Cinema, Doc, Música…”, no marco desta sétima edición do Festival Ateneo Barroco que titulamos “Instrumental” e na que en cada concerto un ou dous instrumentos adquiren una presenza especial. Un dos instrumentos máis representativos e con máis protagonismo na música do Barroco, o violín, inspirou, por distintas razóns pero con algúns nexos comúns vencellados á construción do instrumento, o filme documental seleccionado para este Ateneo Barroco 2025.
O reto autoimposto por Gaspar Borchardt, lutier asentado en Cremona, o berce dos mellores violíns da historia, de atopar a árbore que lle proporcione a madeira perfecta coa que construír o violín da súa vida, sostén a trama do documental Na busca do violín perfecto. En The Quest for Tonewood, o director noruegués Hans Lukas Hansen documenta a determinación na súa empresa e dramatiza os perigos da viaxe de Gaspar Borchardt aos bosques dos Balcáns para atopar esa madeira de calidade mítica, como a que utilizaron os grandes mestres lutieres do pasado en Cremona, coa que construír o violín perfecto para unha intérprete excepcional, a violinista holandesa Janine Jansen, quen tamén colabora no documental.
