ATENEO BARROCO 2025

INSTRUMENTAL #1 
de instrumentos, mestres, intérpretes, redescubrimentos, influencias, colonizacións e guerras musicais, voces, estilos, homenaxes, viaxes e xéneros

Cores, timbres, formas, materiais, épocas, imaxes, técnicas, estilos… os instrumentos teñen sido cómplices da creación, vehículos de emoción, inspiradores de obras, transmisores de sentimentos, ferramentas de traballo, música de músicos… E nos dous próximos outonos, e sen esquecer a ese outro menos tanxible instrumento que o intérprete leva consigo sempre enriba, a voz, vannos axudar a construír a programación das dúas próximas edicións, a sétima e a oitava, do festival Ateneo Barroco. “INSTRUMENTAL” será o título común ás programacións dos Ateneos Barrocos 2025 e 2026, festival que dende a súa creación en 2019 propón cada ano unha nova perspectiva de achegamento ao vasto e riquísimo mundo da música antiga e barroca, nunha constante busca por ofrecer puntos de vista e de reflexión, de abordaxe e descubrimento, que contribúan ao coñecemento e difusión deste magno patrimonio musical e cultural.

Afronta, así, con ilusión e altas expectativas, a asociación Ateneo de Santiago unha etapa de maduración, crecemento e consolidación que conduza até a súa primeira década de vida a un festival que xa atesoura uns resultados nada sinxelos de acadar para un evento novel, especialmente tras un primeiro lustro de actividades que estivo marcado en boa parte polo devir e as circunstancias extraordinarias determinadas pola pandemia provocada pola Covid 19. Así, animados e impulsados pola magnífica acollida do público compostelán e galego, polo alto nivel artístico acadado, o excelente impacto a nivel de difusión e comunicación e, en resumo, a boa imaxe e sensacións deixadas polas seis primeiras edicións do festival, o Ateneo de Santiago ten preparada a sétima edición do Festival Ateneo Barroco para o mes de outubro de 2025.

O Festival Ateneo Barroco toma como punto de partida as músicas antigas e do Barroco, músicas que ben poden simbolizar un período de intercambio e diálogo cultural no que o Camiño de Santiago resultaba transcendental e no que podemos atopar un espello no que mirarnos e inspirarnos, especialmente en momentos históricos como o actual, no que a comprensión, a tolerancia, o debate e a solidariedade a través da música, linguaxe universal, resultan máis imprescindibles que nunca para a convivencia. O Festival Ateneo Barroco vén demostrando dende a súa primeira edición a súa vocación de plataforma de mostra, de intercambio e de diálogo dos artistas e intérpretes galegos, recoñecidos especialistas que teñen centrado os seus esforzos formativos e a súa traxectoria profesional e investigadora na música antiga, con prestixiosos músicos e artistas nacionais chegados de diferentes comunidades e internacionais; fórmula que, sen dúbida, enriquece a experiencia musical dos asistentes a este, aínda novo, certame, que, ao tempo que recoloca a Santiago de Compostela como un punto de referencia na escena musical nacional, contribúe a asentar un tecido musical e artístico que favorece a creación, con criterio, dunha cimentación sólida para a edificación dun festival con vocación de continuidade, crecemento e expansión que madura edición a edición. Como non podería ser tampouco doutro xeito, a igualdade é un dos principios e obxectivos primordiais do festival Ateneo Barroco a todos os niveis, facendo promoción activa da participación de mulleres, creadoras, intérpretes, artistas e investigadoras, dunha maneira responsable, visible e protagonista.

Neste proxecto de programación que titulamos “INSTRUMENTAL” e arranca na edición 2025 do festival, un ou dous instrumentos, ou familias de instrumentos, adquiren una presenza especial e esencial en cada concerto. O público poderá descubrir instrumentos como a musette ou o pardessus de viole (na actualidade “rarezas” que gozaron de difusión e popularidade no seu momento), as peculiaridades de instrumentos barrocos (óboe, frautas de pico, traverso, etc.) con respecto aos seus irmáns modernos, a rica variedade da familia dos laúdes, a transcendencia e personalidade do clavecín, etc.

O conxunto galego Ars Atlántica contará no seu concerto Le Grand Ballet cun variado cadro de instrumentos, entre os que cómpre salientar a musette, un instrumento da familia das gaitas moi difundido no século XVII en Francia pero que hoxe é todo un descoñecido. Solista e protagonista especial do concerto é a galega Nadia Vázquez, unha recoñecida internacionalmente especialista da musette a pesar da súa mocidade. O programa Le Grand Ballet, un dos que o Ateneo Barroco 2025 presenta en primicia e en colaboración coa Quincena Musical de San Sebastián, visibiliza un aspecto pouco coñecido da música hispana do Barroco, a influencia francesa que resulta especialmente patente na música instrumental e na danza. Ars Atlántica e o seu fundador, o arpista compostelán Manuel Vilas, recompilan en Le Grand Ballet danzas procedentes de diversas fontes manuscritas dos séculos XVII e XVIII e contan, ademais, coa presenza da experimentada, sensible e emprendedora Anna Margules.

O programa da Camerata Boccherini arredor da Sonata e a Triosonata (Sonata en trío), composicións instrumentais para solista (ou dous solistas) e baixo continuo, que a finais do século XVII dende Italia se difundiu por toda Europa, reúne, a través das composicións de grandes mestres de renome como Vivaldi, Haendel ou Telemann, unha magnífica ilustrativa selección de como autores italianos e de orixe xermana exploraron na primeira metade do XVIII a música instrumental de cámara. O óboe barroco comparte co violín o protagonismo no concerto da Camerata Boccherini, agrupación fundada na Coruña hai xa dúas décadas polo violinista Massimo Spadano (concertino da Orquestra Sinfónica de Galicia), que conta para este concerto coa colaboración extraordinaria do oboísta Paolo Grazzi (un dos grandes solistas de óboe barroco, cofundador do prestixioso Ensemble Zefiro e comprometido especialista e docente que ten creado escola co seu instrumento dende a súa cátedra).

Durante este Ateneo Barroco 2025 viaxaremos entre Francia e España, de Italia a Francia e a outros focos do barroco europeo, acompañados dos grandes mestres pero tamén descubrindo a autores menos coñecidos, mostrando as influencias e intercambios entre as escolas e estilos que, por toda Europa, fixeron musicalmente tan rico o Barroco. Unha longa traxectoria de máis de trinta anos de traballo na música antiga atesoura, baixo a dirección de Francisco Luengo, outra agrupación galega, a Capela Compostelana, conxunto que, co programa As encantadoras invasións, afonda nun interesante e frutífero período durante o que resultou particularmente significativo o combativo espírito entre os gustos musicais francés e italiano que se respiraba na Francia do século XVIII. Incluíndo unha das obras mestras do barroco (Les Nations de Couperin), no programa da Capela Compostelana o protagonismo instrumental será para o traverso, da man da frautista galega Carmen Ferreiro, e para o esquecido pardessus de viole, o instrumento máis agudo da familia da viola da gamba que, no seu momento, foi a resposta francesa ante a expansión dos violíns italianos.

Co seu laúde barroco e o seu arquilaúde, Enrike Solinis comparte no seu programa Ars Lachrimae unha parte da enorme variedade da familia dos laúdes; instrumentos de cuxa herdanza, dende a chegada a Europa a mans dos músicos árabes da península ibérica e da tradición dos seus tanxedores, que sempre souberon acubillar grandes ideas dende a soidade do seu pequeno instrumento e transmitir o espírito fugaz de cada época, dan cumprida conta autores como Buxtehude, Froberger, Purcell, De Visée ou o mesmísimo Bach nas suites seleccionadas por este recoñecido especialista vasco en instrumentos de corda pulsada. Ars Lachrimae é unha patente demostración da sensibilidade do seu intérprete, Enrike Solinis, un artista atraído pola música de diferentes culturas, rexións e épocas, que atesoura unha intensa, persoal e singular carreira que o ten levado a colaborar coas máis reputadas agrupacións de música antiga, compartindo a súa sobresaínte técnica e a súa versatilidade expresiva en prestixiosos escenarios e a fundar o seu propio conxunto, o Euskal Barrokensemble.

De cando en vez aparecen artistas que marcan unha época e a longa sombra da súa influencia semella non ter fin; é o caso da clavecinista Wanda Landowska, a quen rende homenaxe Kenneth Weiss cun recital no que recrea o programa da histórica gravación da clavecinista de orixe polaco, que editou RCA co título A Treasury of Harpsichord Music en 1957 e que inclúe preludios, fantasías, fugas, sonatas, arias, rondós, zarabandas, minuetos e outras danzas de Bach, Haendel, Domenico Scarlatti e Purcell, dos franceses Couperin, Rameau e Chambonnieres, ademais de Mozart… toda unha antoloxía das posibilidades dun instrumento capital no Barroco, o clavecín. Un tesouro da música para clave é memoria histórica dunha intérprete lendaria, dunha muller adiantada ao seu tempo, visionaria pioneira que dedicou a súa vida á recuperación e difusión da música para clave, da música antiga; unha muller coa que, sen dúbida, está en débeda toda a frutífera, e xa imparable, corrente historicista de recuperación e reinterpretación das músicas antigas. Kenneth Weiss é un reputado clavecinista que reparte o seu tempo entre os recitais, a música de cámara, o ensino (actualmente catedrático no Conservatorio Nacional Superior de Música de París) e a dirección orquestral e operística. Como solista, é convidado regularmente aos máis prestixiosos escenarios e festivais do mundo e as súas aclamadas gravacións teñen recibido merecidos galardóns.

Coas fermosas Leçons de ténèbres de Michel Richard Delalande o festival realiza unha incursión na música sacra da man do Collegium Musicum Madrid, que fundou e dirixe o experimentado especialista en instrumentos de corda pulsada, Manuel Minguillón, e que se presenta por primeira vez no Ateneo Barroco. Falando de instrumentos non é posible esquecerse dese instrumento menos visible e palpable, un instrumento que esperta paixóns e que o intérprete leva consigo a todas as partes, a voz. Collegium Musicum Madrid conta nesta oportunidade coa colaboración de María Espada, quen debuta no festival. María Espada é unha das voces máis recoñecibles, recoñecidas e reputadas da música antiga en España, unha soprano dunha sensibilidade e refinamento estilístico extraordinarios, que atesoura unha longa carreira internacional admirable, que a ten levado aos máis senlleiros festivais e escenarios de Europa, tendo colaborado cos directores, artistas, conxuntos e orquestras máis prestixiosos no mundo da música antiga.

Estruturado en seis concertos, de diversas e ilustrativas temáticas, cada un dos concertos do Festival Ateneo Barroco 2025, dous presentados en primicia no festival, suporá unha experiencia musical única e completa avalada pola calidade dos músicos e a excelencia das músicas seleccionadas, onde tamén se poderá admirar o patrimonio cultural e artístico da cidade: teatros e salas de concerto, igrexas e espazos singulares como o Teatro Principal, o Paraninfo da Universidade, o Salón Teatro, o cinema Numax, a Capela do Parador Hostal dos Reis Católicos ou a Igrexa da Universidade. Como cada ano, o festival Ateneo Barroco fai unha coidadosa selección de intérpretes cunha numerosa e salientable presenza de artistas galegos, compartindo cartel con músicos nacionais e internacionais, todos artistas de singular relevancia, calidade, xenio e rigor na súa traxectoria. Aos conxuntos galegos Ars Atlántica, Camerata Boccherini e Capela Compostelana, que dirixen Manuel Vilas, Massimo Spadano e Francisco Luengo, respectivamente, únense músicos e artistas da categoría e experiencia de María Espada, Enrike Solinis, Kenneth Weiss, Paolo Grazzi ou Anna Margules, nunha sétima edición do Ateneo Barroco na que músicas galegas, como Nadia Vázquez e Carmen Ferreiro, teñen protagonismo como solistas.

O Festival Ateneo Barroco atesoura tanto coherencia e unidade de programación como unha sobresaínte variedade no que a estilos e xéneros musicais se refire e que abarca unha programación que inclúe música para teclado e para corda pulsada, música de cámara, concertos, suites e sonatas, música sacra, etc. Como cada ano, as interrelacións, conexións e proximidade de todos os programas dos seis concertos do Festival Ateneo Barroco poderían incluso facer difícil a elección dunha das múltiples temáticas e perspectivas entre as que se podería abordar a explicación do programa no seu conxunto. Esta multiplicidade de posibles perspectivas está enriquecida e aproveitada ao máximo no deseño das actividades complementarias do festival, un apartado formativo e divulgativo concibido para contribuír a enriquecer a experiencia e o coñecemento do público, de cuxa transcendencia somos particularmente conscientes e que medra cada edición, incluíndo actividades complementarias como conferencias (nesta sétima edición a cargo da musicóloga galega Beatriz Cancela), charlas e encontros cos músicos e os seus instrumentos, un ciclo de cinema, documental e música, e que, dende o pasado ano, conta co seu propio club de lectura e programa sesións de improvisación musical, nas que o festival se abre a outros públicos e perspectivas de interpretación e da que son protagonistas os músicos da escena musical local e galega, nesta oportunidade o talentoso pianista Alejandro Vargas, quen, nas case dúas décadas de residencia en Santiago de Compostela, se converteu nunha referencia imprescindible no eido do jazz, a creación contemporánea e a improvisación.

Con máis de doce anos de experiencia na organización de actividades divulgativas en distintos eidos da cultura e convencido da oportunidade e do axeitado do momento, o Ateneo de Santiago decidiu hai sete anos promover esta nova proposta musical, orixinal e singular no territorio galego polos seus contidos e a súa concepción, gozando ao longo destes anos da colaboración e o apoio de institucións locais, provinciais, autonómicas e nacionais como o Concello e a Universidade de Santiago, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia (nas primeiras edicións do festival a través do programa “O teu Xacobeo” e nos últimos anos da Axencia Galega das Industrias Culturais, AGADIC) e o Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música do Ministerio de Cultura do Goberno de España.