ATENEO BARROCO 2024
IMAXE E IMAXINACIÓN
FORMAS DE EXPRESIÓN E REPRESENTACIÓN MUSICAL
O Ateneo de Santiago presenta a sexta edición do Festival de Música Antiga e Barroca (Ateneo Barroco) para o mes de outubro de 2024. Unha proposta musical orixinal e singular en Galicia, tanto polos seus contidos como pola súa concepción, que toma como punto de partida as músicas antigas e do Barroco, músicas que poden simbolizar un período de intercambio e diálogo cultural en Europa e nas que podemos atopar un espello no que mirarnos e inspirarnos para que, a través da música como linguaxe universal, se poida impulsar a comprensión, a tolerancia e a solidariedade, imprescindibles para unha convivencia en paz.
Cada ano dende a súa creación, o Festival Ateneo Barroco propón unha nova perspectiva de achegamento ao vasto e riquísimo mundo da música antiga e barroca na súa busca constante por ofrecer puntos de vista e de reflexión, de abordaxe e descubrimento. Neste ano 2024, baixo o título “Imaxe e Imaxinación. Formas de expresión e representación musical”, nos seis concertos que compoñen a programación do festival concentramos o labor de creadores e de intérpretes na recreación de imaxes, na expresión de sentimentos, na imaxinación das fantasías, na construción de arquitecturas musicais, no debuxo da humanidade, na manifestación do enxeño, na representación das ideas… No cartel do Festival Ateneo Barroco 2024 non faltan os grandes autores, as grandes figuras do Barroco, como Johann Sebastian Bach, Claudio Monteverdi e Jean-Philippe Rameau, e probablemente non podería ser doutro xeito. A actualización, a reinterpretación, a difusión e o coñecemento das grandes voces e dos grandes fundamentos do repertorio da música antiga brinda sólidos puntos de referencia para presentar, ao seu carón, a compositores e outras músicas menos coñecidas e interpretadas e que enriquecen e amplifican as imaxes musicais, os xeitos de expresión, o xenio e a imaxinación deses grandes mestres. Entre todos eles brilla con luz propia unha muller, Barbara Strozzi, unha compositora de sobresaínte talento, fiel á forma e ao significado dos textos, ás palabras, cunha particular inspiración para a expresión das emocións e dos sentimentos, da paixón e do sufrimento, que a fan merecedora dun unánime recoñecemento e a converten nunha das figuras musicais máis interesantes do século XVII, non só en Italia senón en toda Europa.
Se hai algunha época da historia da arte que fale e reflexione sobre estas paixóns mundanas, sacando o peor e o mellor do ser humano, esa é, sen dúbida, o Barroco: todo ese torrente de paixóns humanas atopámolo traducido de moi diversas maneiras na pintura, poesía, escultura, teatro e música desta época. Falar destes conceptos no teatro musical do século XVII é falar dun dos compositores máis xeniais da historia da música: Claudio Monteverdi soubo xuntar coma ninguén xesto, palabra e música, logrando un resultado artístico que nos axita e conmove catro séculos despois. O conxunto galego Ars Atlántica, fundado e dirixido polo arpista compostelán Manuel Vilas, reedita a súa colaboración con outra artista extraordinaria, a soprano italiana Roberta Invernizzi, nunha nova entrega dos seus inesquecibles encontros musicais no festival Ateneo Barroco, nesta oportunidade arredor das inigualadas imaxinación e humanidade de Claudio Monteverdi.
Nos trinta e dous movementos que conforman as Variacións Goldberg, Johann Sebastian Bach ofrece un perfecto equilibrio entre estrutura, proporción, contrapunto e melodía. Diego Ares, para quen esta incomparable obra ten sido unha inspiración toda a súa vida, ve a clave da súa interpretación na noción de viaxe: unha conmovedora viaxe a diferentes contornas e ambientes, enriquecida por novas experiencias no discorrer das variacións escritas por Bach. Unha mensaxe profunda e humanista e un ángulo dende o que, en escasas ocasións, se teñen abordado as Variacións Goldberg, o do músico vigués Diego Ares, quen, con tres Diapasons d’Or ás súas costas e a estima que lle profesan os seus colegas e o público, se ten consolidado como un dos clavecinistas máis salientables da súa xeración.
Andrés Alberto Gómez e o seu conxunto La Reverencia levan anos realizando un monumental proxecto dirixido especificamente á obra de Jean-Philippe Rameau, un inxente traballo que comezou cun disco que recibiu numerosos premios da crítica pola interpretación dunha das obras cumio do repertorio musical barroco, as Piéces de clavecin en concerts, que presentan en Santiago de Compostela no regreso ao Ateneo Barroco de La Reverencia, tras o éxito da estrea absoluta do seu proxecto Quatuors, tamén dedicado a Rameau, na quinta edición do festival.
Na primeira obra da súa produción, Mercè di voi, escrita para dúas sopranos, unha das figuras musicais máis interesantesdo século XVII, Barbara Strozzi, pregúntase se, quizais, algún día, será lembrada como “a nova Safo”, a gran poeta grega de Lesbos, creadora da poesía lírica no século VI a.c. Baixo esta inspiración e este título, Saffo novella, preséntase un programa monográfico de Barbara Strozzi, imaxinado, investigado e interpretado polo conxunto feminino Dolce Rima, liderado por dúas novas e sensibles artistas como Julieta Viñas e Paula Brieba, que renden unha singular homenaxe a dúas mulleres que, con séculos de diferencia, desenvolveron a súa arte con toda a liberdade á que unha artista podía aspirar en tan distintas épocas e lugares. Barbara Strozzi converteuse, cunha vida chea de luces e sombras e que seguramente non resultou nin moito menos regalada, nunha virtuosísima cantante e nunha prolífica compositora que, a base de xenio, loita e tenacidade, desenvolveu unha carreira impoñente e chegou a publicar en vida até oito coleccións das súas obras, bastante máis que moitos reputados autores do seu tempo.
Asociado tradicionalmente á música instrumental, o Stylus Phantasticus supuxo unha nova e fresca forma de escritura, moi ligada á improvisación, que permitía xogos harmónicos novidosos e formas melódicas fascinantes, sen someterse completamente ás regras tradicionais da composición. Ao Stylus Phantasticus achéganos, co programa Imaginarium, a través de sonatas e tocatas de Frescobaldi, Bertali, Biber ou Buxtehude, El Afecto Ilustrado. Liderado e dirixido por Adrián Linares, violinista da Orquestra Sinfónica de Galicia e residente na Coruña hai máis dunha década, El Afecto Ilustrado atesoura unha dilatada e recoñecida carreira de interpretación e recuperación do patrimonio da música antiga e barroca con criterios historicistas e amplitude de miras interpretativas.
Dende a súa creación, o Ateneo Barroco fai unha decidida aposta polos músicos e conxuntos especializados na interpretación da música antiga e barroca en Galicia e nesta sexta edición, ademais da presenza de Manuel Vilas e Ars Atlántica, de Adrián Linares e El Afecto Ilustrado e de Diego Ares, o festival presenta a Concert Le Phénix, un conxunto de recente creación liderado polo violoncellista Fernando Santiago. A filosofía de Concert Le Phénix, que ten como base o rigor historicista e a investigación das técnicas, códigos e prácticas de interpretación de cada época, inclúe a recuperación da tradicional práctica da transcrición musical, adaptando obras ilustrativas da época ás características propias do ensemble. Co programa La Défense de Le Blanc achega unha suxestiva imaxe dun breve, aínda que interesantísimo, momento na historia da música, no que a viola da gamba, despois dunha época de gran desenvolvemento e esplendor, vai quedando relegada a un segundo plano a costa doutros instrumentos como o violín e o violoncello.
Estruturado en seis concertos, de diversas e ilustrativas temáticas, tres dos concertos do Festival Ateneo Barroco 2024 son presentados en primicia no mesmo. Cada un dos seis concertos suporá unha experiencia musical única e completa, avalada pola calidade dos músicos e a excelencia das músicas seleccionadas, onde tamén se poderá gozar do patrimonio artístico da cidade: teatros e salas de concerto, igrexas e espazos singulares como o Teatro Principal, o Paraninfo da Universidade, o cinema Numax ou a Igrexa da Universidade. O Festival Ateneo Barroco atesoura tanto coherencia e unidade de programación como unha sobresaínte variedade no que a estilos e xéneros musicais se refire e que abrangue unha programación que inclúe ópera, concertos e sonatas, madrigais, cancións e cantatas, música de cámara e para teclado, etc., e coa que viaxaremos musicalmente por Europa entre os séculos XVI e XVIII.
Como cada ano, as interrelacións, conexións e proximidade de todos os programas dos seis concertos do Festival Ateneo Barroco poderían incluso facer difícil a escolla dunha das múltiples temáticas e perspectivas entre as que se podería abordar a explicación do programa no seu conxunto. Esta multiplicidade de posibles perspectivas está enriquecida e aproveitada ao máximo no deseño das actividades complementarias do festival, un apartado formativo e divulgativo concibido para contribuír a enriquecer a experiencia e o coñecemento do público do festival, de cuxa transcendencia somos particularmente conscientes e que medra cada edición, incluíndo actividades complementarias como conferencias, charlas e encontros cos músicos e os seus instrumentos e cinema; na primeira colaboración do festival cun referente da cultura compostelá, como é o Cinema Numax, proxectarase por primeira vez en Santiago o filme de Pere Portabella Die Stille vor Bach (O silencio antes de Bach). O festival engade como novidades a creación do seu Club de Lectura, seleccionando dúas novelas de escritores moi diferentes que teñen en común ter atopado en dous compositores do Barroco (Bach e Froberger) unha fonte de inspiración para as súas últimas obras (El Amor el mar de Pascal Quignard e Contrapunto. Recuerdos de Bach y de duelo de Philip Kennicott) e o seu primeiro achegamento á improvisación nunha sesión a cargo de Pablo Seoane e Pablo Rega a partir das Variacións Goldberg, obra mestra de Bach que será un referente e inspiración constante neste Ateneo Barroco 2024.