Ateneo Barroco 2020

Animados e impulsados pola magnífica acollida do público compostelán e galego, polo alto nivel artístico acadado, o excelente impacto a nivel de difusión e comunicación e, en resumo, a boa imaxe e sensacións deixadas pola primeira edición do festival Ateneo Barroco 2019, uns resultados non sinxelos de acadar no debut dun festival novel, a asociación Ateneo de Santiago ten preparada a segunda edición para o mes de outubro de 2020.

Con máis de dez anos de experiencia na organización de actividades divulgativas en distintos eidos da cultura e convencido da oportunidade e do axeitado do momento, o Ateneo de Santiago decidiu promover e achegar para a cidade e para Galicia esta nova proposta musical, orixinal e singular en Galicia nestes momentos polos seus contidos e a súa concepción. O festival toma como punto de partida as músicas antigas e do Barroco, músicas que ben poden simbolizar un período de intercambio e diálogo cultural no que o Camiño de Santiago resultaba transcendental e no que podemos atopar un espello no que mirarnos e inspirarnos, especialmente en momentos históricos como o actual, no que a comprensión, a tolerancia, o debate e a solidariedade a través da música, linguaxe universal, resultan máis imprescindibles que nunca para a convivencia.

Ópera e música de cámara da man como inspiración recíproca ou tendendo pontes entre estilos; a música para escena do Barroco e a música de cámara para salón, concertos e encontros sociais; Francia, teatro lírico e música para teclado, Rameau e os Couperin; os grandes mestres do Barroco en Europa: Haendel e Telemann, Couperin e Rameau, Monteverdi… Xa sexa a través das versións para teclado das arias e sinfonías das óperas e ballets de Rameau ou das sonatas de Haendel, coas adaptacións para audiencias máis reducidas das arias dos mestres da ópera italiana ou coas fantasías de Telemann, as interrelacións, conexións e proximidade de todos os programas dos cinco concertos da segunda edición do festival Ateneo Barroco poderían incluso facer difícil a escolla dunha das múltiples temáticas e perspectivas entre as que se podería abordar a explicación do programa no seu conxunto. Esta multiplicidade de posibles perspectivas está aproveitada ao máximo no deseño das actividades complementarias do festival, un apartado formativo e divulgativo concibido para contribuír a enriquecer a experiencia e o coñecemento do público do festival e que inclúe case dez actividades entre conferencias, encontros e charlas cos artistas e os seus instrumentos e un ciclo de cinema, documental e música.

O Festival Ateneo Barroco 2020 atesoura tanto coherencia e unidade de programación como unha sobresaínte variedade no que a estilos e xéneros musicais se refire. Estruturado en cinco concertos, de diversas e ilustrativas temáticas, cada un suporá unha experiencia musical única e completa, avalada pola calidade dos músicos e a excelencia das músicas seleccionadas, na que tamén se poderá gozar do patrimonio artístico da cidade. Baixo a dirección do seu fundador Eduardo López Banzo, Al Ayre Español, probablemente o conxunto de referencia estatal no eido da música barroca, inaugura o festival cun concerto dedicado ás sensacionais sonatas de Georg Friedrich Haendel; a continuación, nunha cita especial do festival, esta vez co Barroco alemán, Sara Ruiz presenta as recentemente descubertas fantasías para viola da gamba de Georg Philipp Telemann, obras de plena actualidade que veñen a enriquecer o rico legado froito do xenio dun compositor viaxeiro, considerado o máis prolífico da historia da música e contemporáneo de Bach e Haendel. A vocación do festival Ateneo Barroco de plataforma de fomentar o diálogo e o intercambio dos músicos galegos con artistas internacionais resulta particularmente patente no programa de encargo Monte·Verdi, unha estrea absoluta coa ópera como punto de partida que propicia o encontro dos músicos galegos de Ars Atlántica cunha das grandes voces da ópera barroca e da música antiga, a soprano milanesa Roberta Invernizzi, intérprete e músico sensible e extraordinaria artista. Dúas das grandes figuras do mundo do clave, o francés Pierre Hantaï e o americano Skip Sempé reúnense nun programa moi especial para presentar as versións para dous claves das “sinfonías” e das danzas das óperas e dos ballets de Jean Philippe Rameau nunha viaxe, imaxinada xa polo propio compositor, da escena ao teclado. Clausurando o festival, o ensemble madrileño Impetus que dirixe Yago Mahúgo, un dos máis salientables representantes da nova xeración de grupos españois de música antiga, dedica o seu concerto á música de cámara do gran mestre do Barroco francés, Jean-Philippe Rameau, figura central do festival Ateneo Barroco 2020, a quen dedicamos tamén a conferencia inaugural impartida pola musicóloga galega Teresa Adrán. No espazo de celebración de cada concerto (inmediatamente antes do inicio do mesmo por mor das circunstancias sanitarias) organizamos uns breves encontros cos artistas, músicos especializados e profundos coñecedores das súas ferramentas de traballo, os instrumentos, dispostos a amosar as súas peculiaridades e o seu contexto interpretativo.