To all lovers of Musick
As sonatas de Haendel

AL AYRE ESPAÑOL

EDUARDO LÓPEZ BANZO  clave e dirección
ALEXIS AGUADO  violín
KEPA ARTETXE  violín
GUILLERMO TURINA  violoncello
XISCO AGUILÓ  contrabaixo

Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia)
Santiago de Compostela
venres 9 outubro 2020
20:00

Baixo a dirección do seu fundador Eduardo López Banzo, Al Ayre Español, probablemente o conxunto de referencia estatal no eido da música barroca, inaugura o festival cun concerto dedicado ás sensacionais sonatas de Georg Friedrich Haendel. Para moitos, Haendel o máis importante operista do Barroco e, sen dúbida, figura transcendental na historia da música. Ademais do seu talento para a música de cámara, nestas sonatas publicadas en Londres en dúas coleccións distintas en 1733 e en 1739, atopamos sen dificultade a fértil imaxinación de Haendel como compositor de ópera, xa que conteñen unha forte presencia de elementos dramáticos e teatrais e mesmo foron definidas como “óperas sen palabras”. Al Ayre Español é unha agrupación merecedora de notorios recoñecementos como o Premio Nacional de Música outorgado polo Ministerio de Cultura. Con máis de trinta anos de experiencia ás súas costas e toda unha institución musical e cultural, Al Ayre Español goza dunha gran reputación internacional, é invitado repetidamente para actuar nos máis prestixiosos festivais e salas de concerto do mundo e atesoura unha amplísima e galardoada discografía.

 

AL AYRE ESPAÑOL
EDUARDO LÓPEZ BANZO

Fundado en 1988 por Eduardo López Banzo co propósito de facer fronte aos tópicos que daquela rodeaban as interpretacións da música barroca española, o espírito de Al Ayre Español sempre foi combater estes clixés con rigor, excelencia na interpretación e o ánimo de insuflar nova vida ás músicas do pasado na oferta a un público contemporáneo. Al Ayre Español tense convertido, non só nunha formación prestixiosa, senón nunha filosofía de interpretación que Eduardo López Banzo construíu paseniñamente cos seus músicos e que agora é recoñecible, solicitada e aclamada en todo o mundo.

Trinta anos nos festivais e teatros máis importantes de Europa, catorce anos como orquestra residente no Auditorio de Zaragoza, dezaoito discos, premios e distincións nacionais e internacionais e unha incesante axenda de compromisos, confirman que o conxunto aragonés é unha das referencias máis salientables no eido da música antiga e barroca a nivel internacional. Al Ayre Español ten actuado nos escenarios máis prestixiosos do mundo: Concertgebouw de Ámsterdam, Musikverein e Konzerthaus de Viena, Tonhalle de Dusseldorf, Konzerthaus e Filharmónica de Berlín, Théâtre des Champs Elysées e Cité de la Musique de París, Teatro Real e Auditorio Nacional de Madrid, Palau da Música Catalana e Gran Teatro do Liceu de Barcelona, Laeiszhalle de Hamburgo, Library of Congress de Washington, Palais des Beaux Arts de Bruxelas, Arsenal de Metz, etc. Tamén é convidado aos máis importantes festivais: Festival de Pascua de Baden Baden, Bachfest (Lepizig), Festival de Música Antiga de Utrecht, Internationale Festtage Alter Musik (Stuttgart), Schleswig-Holstein Musik Festival, Dresdner Musikfestpiele, Toulouse les Orgues, Festival de Ambronay, Festival Händel de Halle, Festival International d’Opéra Baroque de Beaune, Festival de Saintes, Festival Internacional Cervantino (México), Festival Monteverdi (Cremona), Authentica (Israel), Festival Via Stellae (Santiago de Compostela), Festival Antiquarium (Moscova), Festival de Música Religiosa de Oslo, Primavera de Praga, Festival Internacional del Camino de Santiago, etc. Al Ayre Español ten realizado gravacións discográficas para os selos Almaviva, Fidelio, Deutsche Harmonia Mundi, Harmonia Mundi France, Naïve-Ambroisie e Challenge Records.

Al Ayre Español recibiu o Premio Nacional de Música 2004 outorgado polo Goberno de España e é Embaixador de Zaragoza dende 2011. Conta co patrocinio de Industrias Químicas del Ebro e do Ministerio de Cultura de España e mantén un acordo de residencia co Auditorio de Zaragoza dende 2004.

 

PROGRAMA

Georg Friedrich Haendel (1685-1759)
Sonata op. 2 núm. 4 en Fa Maior, HWV 389
__Larghetto – Allegro – Adagio – Allegro – Allegro
Sonata op. 2 núm. 6 en sol menor, HWV 391
__Andante – Allegro – Arioso – Allegro

Henry Purcell (1659-1695)
Suite en sol menor Z. 661
__Prelude – [Almand] – Corant – Saraband
Ground, Z. 222
Suite en Re Maior Z. 667
__Prelude – Almand – [Hornpipe]

Georg Friedrich Haendel (1685-1759)
Sonata op. 5 núm. 4 en Sol Maior, HWV 399
__Allegro – A tempo ordinario – Allegro non presto – Passacaille – Gigue –Menuet
Sonata op. 5 núm. 5 en sol menor, HWV 400
__Largo – Come alla breve – Larghetto – A tempo giusto – Air – Bourrée

AL AYRE ESPAÑOL
EDUARDO LÓPEZ BANZO  clave e dirección
ALEXIS AGUADO  violín
KEPA ARTETXE  violín
GUILLERMO TURINA  violoncello
XISCO AGUILÓ  contrabaixo

 

TO ALL LOVERS OF MUSICK
As sonatas opus 5 e opus 2 de Haendel, entre o lirismo e a furia
Javier Marín-López

Ao longo da súa vida, Georg Friedrich Haendel compuxo unhas vinte trío-sonatas, das que trece foron publicadas en Londres en dúas coleccións distintas: seis sonatas editadas en 1733 como opus 2 (HWV 386-391) e outras sete impresas en 1739 como opus 5 (HWV 396-402). Al Ayre Español, apenas tres anos despois da gravación desta última, publicaba en 2019 unha introspectiva versión do opus 2 titulada I vanni occulti en velada alusión á alegoría da vanitas e ao efémero paso do tempo, que completa e á vez complementa o seu primeiro achegamento ás trío-sonatas de Haendel. Ambas gravacións conforman un proxecto unitario que brinda ao ouvinte unha versión apaixonada e apaixonante desta exquisita música de cámara na que afloran, con particular intensidade expresiva, os dous polos estéticos presentes no universo camerístico haendeliano (e no propio Eduardo López Banzo): o lirismo máis contido xunto ao furor máis explosivo.

Á diferencia das sonatas opus 5, que revelan una aproximación máis madura, flexible e persoal á estrutura da sonata tal e como quedou codificada por Corelli (engadindo un ou dous movementos de danza, ao estilo da suite francesa), as sonatas opus 2 seguen moi de preto o patrón formal corelliano da sonata da Chiesa. Como é característico en Haendel, non toda a música nestas dúas coleccións de sonatas era completamente nova, ou dito noutros termos, foi reutilizada –de maneira literal ou transformada– noutras composicións creadas antes e, sobre todo, despois de ter composto as pezas que integran especialmente o seu opus 2. E é que en Haendel, acaso máis que noutros compositores da súa xeración, dáse a máxima da intertextualidade: todo acto creador é debedor da historia da cultura (entendida como un espazo diacronicamente acumulativo) e todo texto contén, de xeito explícito ou implícito, referencias e trazas doutros textos anteriores, que se proxectan tanto no autor como no lector/ouvinte e que acaban por configurar procesos de significación complexos e cambiantes no tempo.

Xunto ao estimulante xogo de relacións formais e simbólicas que estas conexións intertextuais ofrecen ao avezado ouvinte haendeliano, hai outra dimensión adicional que pode inspirar a escoita das sonatas que integran este programa: a súa condición de ópera sen palabras, abstracta, e a forte presencia de elementos dramáticos, perceptibles sobre todo nos movementos lentos. E é que a fértil imaxinación do Haendel operista está moi presente en toda a súa música instrumental.