INSTRUMENTOS, XÉNEROS E CONTEXTOS
charlas e encontros cos artistas, a música e os seus instrumentos
A actividade complementaria e didáctica do Festival Ateneo Barroco formúlase co obxectivo de facilitar, dun xeito distendido e próximo, o achegamento aos artistas e os seus instrumentos, á música e á súa historia, tomando como base os contidos do festival. As breves sesións terán lugar pola tarde previamente á celebración de cada actuación e, sen dúbida, volverán a contribuír a preparar ao público para unha audición máis enriquecedora de cada concerto. Os protagonistas destes encontros son os artistas do festival, músicos especialistas e profundos coñecedores das súas ferramentas de traballo e dos contidos dos seus programas de concerto. Nesta sétima edición do Ateneo Barroco, os músicos conducirán estes encontros principalmente á presentación e explicación das características e particularidades dos seus instrumentos, entre os que o público poderá descubrir rarezas nos nosos días como a “musette” ou o “pardessus de viole”, as diferenzas do óboe barroco con respecto aos seus irmáns modernos, a rica variedade da familia dos laúdes, as posibilidades e características técnicas do clavecín ou a transcendencia da voz como instrumento no Barroco. Nestes encontros o público descobre e recibe enriquecedoras achegas sobre as súas composicións, os seus recursos expresivos e estilísticos e sobre os moi diversos ambientes, contornas e circunstancias, recursos, esixencias e oportunidades, público e destinatarios, nos que xurdiron as obras, así como dos feitos, circunstancias e argumentos que, na actualidade, motivan ao intérprete á súa recuperación e presentación ante o público.
Instrumentos, xéneros e contextos #1
ÓBOE BARROCO, TRIOSONATAS E SOLISTAS
PAOLO GRAZZI
Teatro Principal
mércores 8 outubro
Instrumentos, xéneros e contextos #2
A MUSETTE, REDESCUBRINDO UN INSTRUMENTO ESQUECIDO
NADIA VÁZQUEZ
Teatro Principal
venres 10 outubro
Instrumentos, xéneros e contextos #3
O CLAVECÍN, O LEGADO DE WANDA LANDOWSKA
KENNETH WEISS
Salón Teatro
martes 14 outubro
Instrumentos, xéneros e contextos #4
LECCIÓNS DE TEBRAS DE DELALANDE, ESTILO VOCAL
MARÍA ESPADA
Igrexa da Universidade
venres 17 outubro
Instrumentos, xéneros e contextos #5
PARDESSUS DE VIOLE, “O VIOLÍN DAS VIOLAS”
FRANCISCO LUENGO
Salón Teatro
martes 21 outubro
Instrumentos, xéneros e contextos #6
LAÚDES, AS CORDAS PULSADAS DO BARROCO
ENRIKE SOLINIS
Paraninfo da Universidade
mércores 22 outubro
