# concerto 6 # violas da gamba # quintón #

IN DULCI JUBILO
Bach, a ineludible recreación

ACCADEMIA DEL PIACERE
FAHMI ALQHAI

JOHANNA ROSE  viola da gamba tenor
RODNEY PRADA  viola da gamba baixo
RAMI ALQHAI  viola da gamba baixo
JAVIER NÚÑEZ  órgano
FAHMI ALQHAI  quintón / dirección

Johann Sebastian Bach / Johann Michael Bach

Salón Teatro
Santiago de Compostela
martes 20 outubro 2026
20.00

 Para os músicos de igrexa alemáns, e particularmente para os organistas, improvisar e compoñer arranxos sobre as coñecidas e sinxelas melodías dos corais da tradición reformista luterana formou sempre parte do seu traballo diario, e é por iso que Johann Sebastian Bach nos deixou centos de exemplos, escritos ao longo de toda a súa vida. Abonda dicir que Bach experimentou todas as formas posibles de embelecer esas melodías, familiares para os fieis alemáns, facendo uso da súa extrema habilidade para o contrapunto. A proposta de Accademia del Piacere proporciónanos a oportunidade de escoitar exemplos de cada procedemento utilizado por Bach: dende a simple ou ornamentada harmonización da melodía na voz aguda até a demostración da súa mestría insuperable da arte do contrapunto, engadindo contramelodías e edificando verdadeiras fantasías.

 Bach readaptou en decenas de ocasións unha mesma versión dun coral, xa fose para órgano, para coro ou para instrumentos. As súas reducións para órgano reflicten un pensamento melódico de voces independentes, cantables, esencialmente vocais, aínda que interpretadas por instrumentos. Accademia del Piacere propón recuperar esa vocalidade instrumental de liñas independentes, verdadeiro núcleo destas obras, cun cuarteto dun dos instrumentos máis dotados para o ideal de imitación da voz humana, a viola da gamba, tan querido e usado polo mesmo Bach e tan capaz de pronunciar palabras sen dicir palabras dende un sinxelo xesto de arco.

 Baixo a dirección artística do violagambista Fahmi Alqhai, Accademia del Piacere é un dos conxuntos de música antiga máis salientables de Europa. Recoñecido pola audacia dos seus proxectos innovadores, a súa excelencia interpretativa e a súa poderosa presenza escénica, o grupo sitúase á vangarda dunha interpretación historicamente informada pero profundamente emocional. A súa concepción da música antiga como unha arte viva, expresiva, apaixonada e actual, convérteo nun referente na comunicación directa e vibrante co público. Galardoada con prestixiosos premios internacionais, Accademia de Piacere ten actuado en boa parte dos escenarios e festivais máis importantes do mundo.

 

Johann Sebastian Bach (1685-1750)

Coral Nun komm, der Heiden Heiland BWV 659

Coral Liebster Jesu, wir sind hier BWV 731

Coral In dir ist Freude BWV 615

Coral In dulci jubilo BWV 368

Coral In dulci jubilo BWV 751
(Johann Michael Bach, 1648-1694; antes atribuido a J. S. Bach)

Contrapunctus I & Canon per augmentationem in contrario motu, de A Arte da Fuga BWV 1080
Preludio BWV 700
Fughetta BWV 701
Canone alla Settima (Variation III), de Variacións Canónicas BWV 769
Movemento do Magnificat BWV 243a
(todos sobre o coral Vom Himmel hoch, da komm’ ich her)

Coral Ich ruf’ zu dir, Herr Jesu Christ BWV 639

Contrapunctus VIII & Contrapunctus IV, de A Arte da Fuga BWV 1080

Trío en sol menor BWV 584

Coral Wachet auf, ruft uns die Stimme BWV 645

arranxos: Fahmi Alqhai

 

ACCADEMIA DEL PIACERE

 A valentía dos seus innovadores proxectos e a forte personalidade artística do seu director fixeron de Accademia del Piacere o grupo de vangarda da música antiga española e un dos punteiros en Europa, grazas á súa concepción da música histórica como algo vivo, cheo de emocións que os seus músicos interiorizan como propias e transmiten ao espectador.
Dende os seus comezos en 2002 Accademia del Piacere afondou e revelou novos matices en repertorios fundamentais das músicas históricas, como o Seicento italiano, ao que dedicou os seus discos Le Lacrime di Eros (Premio Prelude Classical Music 2009) e Amori di Marte, centrado no Combattimento di Tancredi e Clorinda de Monteverdi (Disco Excepcional Scherzo 2011 e CD Tipp en Toccata Magazine, Alemania), ou a música de cámara francesa da corte do Rei Sol, rexistrada en Les violes du Ciel et de l’Enfer (nomeado ao premio da crítica europea International Classical Music Awards 2011). En todos eles a crítica salientou o fascinante e directo poder de comunicación cara ao público de Accademia del Piacere.
En 2011 Accademia del Piacere convulsionou o mundo da música histórica con Las Idas y las Vueltas, unha incursión polo mundo do flamenco e as súas conexións coa música barroca realizada en colaboración co cantaor Arcángel, que lle valeu o Giraldillo á Mellor Música da Bienal de Flamenco de Sevilla 2012 e un grande éxito discográfico a nivel europeo como cuarto compacto do selo fundado por Fahmi e Rami, Alqhai & Alqhai.
Igualmente valente é o seu seguinte proxecto discográfico, que revive o apaixonante mundo da improvisación na España arredor de 1600: Rediscovering Spain (2013), onde de novo Fahmi Alqhai e Accademia del Piacere arriscan e ofrecen novas glosas ao público de hoxe. Entre os seus proxectos posteriores cóntanse os dous primeiros compactos a só de Fahmi Alqhai, A piacere (para Gramophone, un CD «extraordinario» que «leva a viola da gamba a un novo terreo de gozoso potencial»), e The Bach Album (CD Excepcional para Scherzo e Melómano de Oro). Consecutivamente en 2016 e 2017 Accademia recibe o premio GEMA ao Mellor Grupo Barroco español. En 2016 Fahmi Alqhai e Accademia del Piacere repiten Giraldillo da Bienal, esta vez á Innovación, con Diálogos, xunto a Rocío Márquez, proxecto levado ao disco en 2019 (Premio Melómano de Oro). Ese mesmo ano lanzan para Deutsche Harmonia Mundi Muera Cupido, dedicado á música vocal da España barroca, xunto á soprano Nuria Rial e premiado en 2020 como mellor recital de ópera pola industria discográfica alemá (Premio Opus Klassik). En 2022 dedican Colombina ao manuscrito sevillano homónimo do século XV.
O recoñecemento a nivel español e europeo valeulles a Fahmi Alqhai e Accademia del Piacere a súa presenza nos escenarios máis prestixiosos da música clásica europea e mundial: entre outros moitos, visitaron as Filharmónicas de Berlín, Hamburgo e Colonia, os Konzerthaus de Berlín e de Viena, o Oji Hall de Tokio, o Auditorio Nacional de Madrid, o Festival Internacional Cervantino de México, a Fundação Gulbenkian de Lisboa ou o Festival de Música Antiga de Utrecht, ademais doutros moitos festivais e salas de Estados Unidos, Colombia, Xapón, Panamá, Holanda, Alemaña, Bélxica, Suíza, España, Dubai, etc. Os concertos de Fahmi Alqhai e Accademia del Piacere son regularmente emitidos en directo pola Unión Europea de Radiodifusión dende as súas emisoras asociadas, como RNE, NDR de Alemaña, Radio della Svizzera Italiana ou a Radio Checa, e foron transmitidos por emisoras de televisión de todo o mundo, dende TVE á xaponesa NHK.
Accademia del Piacere recibe o apoio do INAEM e da Agencia Andaluza de Instituciones Culturales.

 

FAHMI ALQHAI

Fahmi Alqhai é recoñecido como un dos máis brillantes e prestixiosos intérpretes de viola da gamba do mundo, así como un dos principais referentes da música antiga na actualidade. Admirado polo seu enfoque expresivo e comunicativo dos repertorios históricos, tende pontes entre culturas a través da súa arte e a súa visión musical.

Nado en Sevilla en 1976, de pai sirio e nai palestina, pasou a súa primeira infancia en Siria, onde comezou os seus estudos musicais. Fahmi Alqhai encarna un diálogo entre os mundos do Mediterráneo. É director artístico de FeMAS (Festival de Música Antiga de Sevilla), o máis antigo e importante de España no seu xénero, e dirixe o internacionalmente aclamado conxunto Accademia del Piacere. Con Accademia del Piacere ten actuado nos principais escenarios de Europa, América e Asia e recibido numerosos premios internacionais: o álbum Muera Cupido gañou o Opus Klassik Award 2020; Les Violes du Ciel et de l’Enfer foi nominado aos ICMA; Colombina (2024) obtivo tres Premios GEMA e Le Lacrime di Eros recibiu o Prelude Classical Music Award.

As súas colaboracións con artistas flamencos son especialmente innovadoras: Las idas y las vueltas, xunto a Arcángel, obtivo o Giraldillo ao Mellor Acompañamento Musical na Bienal de Flamenco de Sevilla 2012 e Diálogos, con Rocío Márquez, recibiu o Giraldillo á Innovación en 2016. Os seus discos en solitario, A piacere (2014) e The Bach Album (2016), consolidaron aínda máis a súa reputación como intérprete visionario, recibindo ambos múltiples premios de GEMA, Scherzo e Melómano. En 2018 foi distinguido coa Medalla da Cidade de Sevilla.

Dende novo, Fahmi Alqhai ten colaborado regularmente cos conxuntos internacionais máis prestixiosos de música antiga, como Hespèrion XXI (Jordi Savall) e Il Suonar Parlante (Vittorio Ghielmi), e ten actuado como solista con importantes orquestras, entre elas a Orquesta Nacional de España, o Ensemble Vocal de Lausanne (Michael Corboz) e a Orquesta Barroca de Sevilla. A súa curiosidade artística esténdese máis alá da música antiga, participando tamén en proxectos contemporáneos e de jazz xunto a músicos como Uri Caine.

Fahmi Alqhai gravou para selos como Deutsche Harmonia Mundi, Alia Vox, Glossa, Winter & Winter e o seu selo persoal Alqhai & Alqhai e aparece con frecuencia en programas de televisión e radio de todo o mundo. Estudou con Ventura Rico en Sevilla e posteriormente con Paolo Pandolfo na Schola Cantorum Basiliensis e con Vittorio Ghielmi no Conservatorio della Svizzera Italiana de Lugano. Paralelamente á súa formación musical, obtivo o título de Odontoloxía pola Universidade de Sevilla.

 

IN DULCI JUBILO
A musicofilia de Martín Lutero é un dos sucesos máis afortunados da historia da música occidental. Grazas a ela, a igrexa reformada situou no centro da súa renovada liturxia os corais: un gran corpus de melodías sinxelas e de fácil aprendizaxe para o pobo, naturalmente con texto xa en alemán. Algunhas delas foron compostas ex novo durante o século XVI –incluso de man do propio Lutero–, pero a maioría foron tomadas de vellos cantos, e en particular dos latinos do gregoriano aos que substituían, como por exemplo Nun komm’ der Heiden Heiland, procedente dun himno ambrosiano; houbo tamén reciclaxe de cancións profanas, caso o alegre In dir ist Freude.

Para os músicos de igrexa alemáns, e particularmente para os organistas, improvisar e compoñer arranxos sobre esas melodías formou sempre parte do seu traballo diario e é por iso que Johann Sebastian Bach nos deixou centos de exemplos, escritos dende o inicio da súa carreira profesional até, literalmente, o seu mesmo leito de morte. Lonxe de ser unha pesada obriga, a familiaridade (aínda hoxe!) dos fieis alemáns con estas melodías facilita ao músico litúrxico un magnífico punto de partida para, ao reelaborar ese material, garantir a encantadora combinación de novidade e evocación do coñecido que é fórmula infalible para compracer ao bo ouvinte.

Abonda dicir que Bach experimentou todas as formas posibles de embelecer esas melodías, facendo uso da súa extrema habilidade para o contrapunto. A proposta de Accademia del Piacere proporciónanos a oportunidade de escoitar exemplos de cada procedemento. Así, en In dulci jubilo (BWV 368) Bach realiza una sinxela harmonización co coral na voz máis aguda, das que aínda hoxe utilizan como exemplo de libro os profesores de harmonía dos conservatorios. En Liebster Jesu, wir sind hier (BWV 731) a melodía, sempre na voz aguda, é ornamentada de maneira suntuosa até quedar marabillosamente irrecoñecible entre trilos, mordentes, apoiaturas e grupetos.

Pero onde Bach amosaba a súa mestría insuperable era na arte do contrapunto, isto é, engadir elaboradas contramelodías ao sinxelo coral, que queda daquela como cantus firmus: unha lenta base de notas longas sobre a que se constrúe unha verdadeira fantasía. O In dulci jubilo do seu tío e sogro Johann Michael (antes atribuído a Johann Sebastian co número de catálogo 751) puido servirlle como exemplo –superado, como sempre– para Ich ruf’ zu dir, Herr Jesu Christ (BWV 639). O caso máis sofisticado de elaboración dun coral en Bach constitúeno, sen dúbida, as Variacións canónicas sobre Von Himmel hoch (BWV 769), que, non en van, o propio Bach publicou en vida, privilexio excepcional que reservou a moi poucas obras. Escritas para o seu ingreso nunha exclusiva academia científico-musical, a do ilustrado Mizler, Bach viste o sinxelo coral con cinco sucesivas roupaxes: canons á oitava, á quinta, á sétima, por aumentación e, finalmente, por inversión; é dicir, autoimitacións diversas e estritas da melodía orixinal, que Bach, ademais, embelece con voces engadidas para demostrar un virtuosismo técnico na escritura musical que nunca estivo ao alcance, digámolo sen ambaxes, de ninguén máis na historia.

Moito máis famoso, con todo –e por certo tamén publicado en vida de Bach, este entre os Corais Schübler– é o Wachet auf, ruft uns die Stimme (BWV 645). Versión para órgano dunha fantasía orixinalmente escrita para coro e orquestra na cantata BWV 140 (na que o coral é cantado polos tenores coa estrofa Zion hört die Wächter singen), demóstranos que as reducións organísticas de Bach reflicten un pensamento melódico de voces independentes, cantables, esencialmente vocais aínda que interpretadas por instrumentos. O propio Bach readaptou en decenas de ocasións unha mesma versión dun coral agora para órgano, despois para coro ou para instrumentos. Nada mellor, pois, para recuperar esa vocalidade instrumental de liñas independentes, verdadeiro núcleo destas obras, que o cuarteto dun dos instrumentos máis dotados para o ideal de imitación da voz humana, a viola da gamba, tan querido e usado polo mesmo Bach e tan capaz de pronunciar palabras sen dicir palabras dende un sinxelo xesto de arco.

Juan Ramón Lara