BIBER, AS SONATAS DO ROSARIO
Virtuosismo e devoción
MUSIca ALcheMIca
LINA TUR BONET violín / dirección
Salón Teatro
Santiago de Compostela
mércores 25 outubro 2023
20.00
Versátil, sensible e activa violinista de crecente prestixio, Lina Tur Bonet e o seu conxunto Musica Alchemica, presentan unha desas obras únicas na historia da arte, as Sonatas do Rosario, compostas por Heinrich Ignaz Franz von Biber no Salzburgo do século XVII e das que non houbo novas durante máis de dous séculos. As singulares e prodixiosas Sonatas do Rosario son o máis representativo do amplísimo repertorio legado aos violinistas por Biber, un compositor cuxo virtuosismo, ao servizo de elevados ideais artísticos e humanos, está afastado do exhibicionismo; e son tamén unha mostra do amplísimo coñecemento dos recursos expresivos e técnicos do seu instrumento por parte dun autor que, como intérprete de violín, gozou dunha fama que transcendeu fronteiras e foi considerado por moitos o primeiro virtuoso do violín. Lina Tur Bonet é tamén unha desas artistas cuxa fama traspasa fronteiras, desenvolvendo unha carreira como violinista e directora tan versátil como persoal. O seu amor pola música e a súa inesgotable curiosidade permítelle interpretar e investigar un repertorio que abrangue máis de 400 anos de música, sempre con instrumentos orixinais e tendo estreado obras de violín só escritas para ela por José María Sánchez Verdú, Mauricio Sotelo e Josep María Guix. Tras traballar dende moi nova xunto a moitos dos artistas máis recoñecidos da música barroca, romántica e contemporánea do momento e de dedicarse como solista á interpretación e gravación tanto dos grandes compositores como de músicas inéditas, Lina Tur Bonet converteuse nun referente, sendo reclamada como solista e para dirixir orquestras de primeira orde dende o seu violín por todo o mundo. Lina Tur Bonet é fundadora e directora da agrupación MUSIca ALcheMIca e, actualmente, é catedrática de violín e viola barrocos na Musikhochschule Franz Liszt de Weimar e concertino de Le Concert des Nations con Jordi Savall.
MUSIca ALcheMIca
Ensemble creado pola violinista Lina Tur Bonet durante a súa estancia en Viena, debutou en Vila Musica Mainz e no Festival de Potsdam coa ópera Alessandro de Haendel, baixo a dirección de Alan Curtis. Recoñecido internacionalmente grazas ás súas premiadas gravacións, nace da idea de interpretar músicas de todos os tempos, así como para abordar proxectos multidisciplinares e pedagóxicos. A súa actividade desenvólvese entre Europa, América e Asia e conta nas súas filas con grandes intérpretes internacionais, conformando un verdadeiro grupo de solistas. MUSIca AlcheMIca ten actuado en Musashino Hall Tokyo, Potsdamer Festspiele, Early Music San Petersburgo, Auditorio Nacional de Música de Madrid, Festival Pórtico de Zamora, Sala da Música do Palazzo di Spagna de Roma, Cappella della Pietà dei Turchini de Nápoles, Teatro Cervantes de Londres, Brecize Festival de Eslovenia, Música Antiga de Zaragoza, FIAS de Madrid, auditorios de Valladolid, Castellón e Tenerife, Fundación Juan March, Semana de Música Antiga de Álava, Brunnenthal Festival, Sala da Radio ORF de Viena, Teatro Carlos III de El Escorial, FeMAP, Kartause Mauerbach Viena, Festival de Mahón, Festival de Chiquitos en Bolivia, nos Festivais de Música Antiga de Santiago de Chile, Lima e Panamá, etc. As gravacións de MUSIca AlcheMIca foron cualificadas como “mellor versión”, no caso do opus V de Corelli, pola BBC; “referenciais” as Sonatas do Rosario de Biber para a revista Gramophone; “recomendados” os seus “inéditos” de Vivaldi pola Bayerische Rundfunk, SWR ou a Kulturradio Berlin; varias voltas 5* e Diapason d’Or para La Bellezza, etc. Os seus rexistros discográficos inclúen seis premiados compactos para Pan Classics. MUSIca ALcheMIca foi gravado en vivo por RTVE e pola televisión xaponesa NHK, retransmitíndose en toda Asia. Tamén gravaron música de Legrenzi, Biber, Bach e Haendel para a radio austríaca ORF. Conxunto multidisciplinar, MUSIca ALcheMIca ten colaborado co poeta Antonio Colinas en La Tumba negra (homenaxe a J. S. Bach) ou co artista Ángel Haro en Follia en residencia artística do Centro Párraga e actúa en importantes museos e espazos culturais como o MuVIM, Matadero de Madrid ou o MACE, onde MUSIca ALcheMIca integra técnicas audiovisuais coa súa música en colaboración con videoartistas, pintores, cineastas, actores, ourives e monicreques. Tamén ten colaborado en proxectos educacionais internacionais en Panamá e Bolivia, impartindo clases maxistrais e compartindo escenario con novos músicos. Lina Tur Bonet estreou en Tokio Far Water para violín e cantante de Teatro Noh, dedicada a ela polo compositor José María Sánchez Verdú, como parte dunha residencia artística. Os vídeos de MUSIca ALcheMIca gozan de grande aprecio polo seu carácter artístico e innovador, entre os que cómpre salientar o realizado en Viena co produtor Michael Seeber coa Sonata a Kreutzer de Beethoven e o da Follia de Corelli, presentado en Roma, Londres e RTVE con grande éxito.
LINA TUR BONET violín
Considerada pola prensa internacional polo seu virtuosismo (“Fiery virtuoso”, The Strad; “True Devil Violinist», Bayerische Rundfunk; “Superbement joué, flamboyante Lina”, Diapason) combinado cunha excepcional musicalidade (”honest and heartfelt music-making”, Gramophone; ”the violinist of the soul», Sankei Shinbun), Lina Tur Bonet desenvolve unha carreira como violinista e directora tan versátil como persoal. O seu amor pola música e a súa inesgotable curiosidade permítelle interpretar e investigar un repertorio que abrangue máis de 400 anos de música, dende Monteverdi até Kurtag, sempre con instrumentos orixinais. Tras traballar dende moi nova xunto a moitos dos artistas máis recoñecidos da música barroca, romántica e contemporánea do momento e de dedicarse como solista á interpretación e gravación tanto dos grandes compositores como de músicas inéditas, Lina Tur Bonet converteuse nun referente da música, sendo reclamada en todo o mundo como solista e por agrupacións de primeira orde. En Lina Tur Bonet conflúen as máis importantes herdanzas musicais, incluíndo aos pioneiros do historicismo e tamén a algúns dos directores e intérpretes máis consagrados da música de todos os tempos, converténdose así en depositaria da gran tradición europea. Galardoada cunha ducia de premios e bolsas nacionais e internacionais, entre eles cómpre salientar o Premio Bonporti.Realizou primeiras versións de abundante música española (tríos op. 34 de Boccherini, música de Brunetti, Montali ou Reynaldi), de obras para violín só de Matteys, Boxberg e Leo e incluso dos compactos con música descoñecida de Antonio Vivaldi, así como varias pezas dedicadas a ela de compositores contemporáneos. A súa gravación do opus V de Corelli, con ornamentacións propias, alzouse como “recommended top-version” de entre todas as versións existentes,segundo a BBC Radio 3 no seu programa Record Review Building a library, e as súas Sonatas do Rosario de Biber foron cualificadas de “referenciais” por Gramophone, France Musique e Scherzo. Tamén teñen sido recomendadas as súas gravacións de “inéditos” de Vivaldi pola Bayerische Rundfunk, SWR, Radio Berlín e nas radios española e austríaca. Recibiu, ademais, o recoñecemento Joker de Crescendo polo seu compacto La Bellezza, dous Premios GEMA á mellor gravación en 2015 e 2018, 10/10 para Luister co seu disco dedicado a Ravel e foi dúas voltas Diapason d’Or por La Belleza e por Biber Sonatas 1681. Ten interpretado a integral das Sonatas do Rosario en Tokio, Madrid, Granada e Viena; foi concertino en máis dun cento de Cantatas de Bach e das súas Paixóns, incluíndo a Paixón segundo San Mateo no Concertgebouw de Ámsterdam con Concerto Köln. Estreou obras de violín só escritas para ela por José María Sánchez Verdú, Mauricio Sotelo e Josep María Guix e ten interpretado, como solista, concertos e obras de Vivaldi, Bach, Mozart, Beethoven, Brahms, Ravel, Chausson, Mendelssohn, Bartok e Piazzolla, con orquestras de cámara e sinfónicas, dentro e fóra de España. Foi invitada do Festival de Montreal para interpretar a integral da obra para violín só de J. S. Bach. Tanto Lina Tur Bonet como o seu grupo MUSIca ALcheMIca foron artistas residentes do Centro Nacional de Difusión Musical (CNDM) na tempada 2021-2022. Lina Tur Bonet é fundadora e directora da agrupación MUSIca ALcheMIca, dirixe orquestras dende o seu violín por todo o mundo e, actualmente, é catedrática de violín e viola barrocos na Musikhochschule Franz Liszt de Weimar e concertino de Le Concert des Nations con Jordi Savall.
PROGRAMA
HEINRICH IGNAZ FRANZ VON BIBER (1644-1704)
ROSENKRANZSONATEN
(Sonatas do Rosario)
Misterios Gozosos
Sonata I en re menor: A Anunciación, C 90
Praeludium – Aria – Variatio – Adagio
Sonata II en La maior: A Visitación, C91
Sonata – Allemanda – Presto
Sonata IV en re menor: A presentación no templo, C 93
Chacona
Misterios Dolorosos
Sonata VI en do menor: A agonía de Xesús na horta de Getsemaní, C 95
Lamento – Adagio – Presto – Adagio
Sonata IX en la menor: Xesús coa cruz ás costas, C 98
Sonata – Courante – Double – Final
Sonata X en sol menor: A Crucifixión e morte de Xesús, C 99
Praeludium – Aria – Variatio
Misterios Gloriosos
Sonata XIV: A Asunción da Virxe, C 103
[Praeludium] – Aria – Gigue
Passacaglia en sol menor para violín só: “O Anxo da Garda”, C 105
Adagio – Allegro – Adagio
MUSIca ALcheMIca
ANDREW ACKERMAN violone
DANIEL OYARZÁBAL órgano / clave
LINA TUR BONET violíns barrocos / dirección
AS SONATAS DO ROSARIO DE BIBER
Lina Tur Bonet
As Sonatas do Rosario de Biber son unha desas obras únicas na historia da arte. Nunha Salzburgo na que aínda se sentían os ecos do sabio Paracelso, na cidade que logo albergaría ao xenio universal de Mozart, nacía unha das obras máis singulares e exquisitas que teñen sido creadas. E, curiosamente, non houbo constancia da súa existencia até o ano 1889, sendo publicadas por primeira vez na Viena Jugendstill de 1905.
Heinrich Ignaz Franz von Biber
“De todos os violinistas do pasado século [o XVII], Biber semella ter sido o mellor, e os seus solos son os máis difíciles e imaxinativos de todos os que teño visto na época”. Así se expresaba Charles Burney, probablemente o musicólogo e crítico máis influente do período barroco. Heinrich Ignaz Franz von Biber naceu o 12 de agosto de 1644 na bohemia cidade de Wartenberg. Pouco é o que sabemos da súa vida pero os documentos que a ilustran presentan a un virtuoso do violín e, dada esta súa condición, estímase que puido ser Johann Heinrich Schmelzer quen o teña iniciado nos secretos do instrumento no que empezaba a apuntar tan alto. Algunhas teorías queren ver no segundo nome de Biber, Ignaz –o cal non aparece na súa partida de bautismo–, o sinal da súa posible presencia entre os xesuítas na súa xuventude. Como tal, imaxinamos que o seu rezo do Rosario tivese sido frecuente.
Até 1668 Biber traballou na corte do Príncipe Johann Seyfried von Eggenberg en Graz e, despois, en Kromeriz –xustamente onde se conserva a súa coñecida Sonata representativa–, onde estivo ao servizo do bispo Karl Liechtenstein-Kastelkorn. En 1670 empezou a traballar para o arcebispo Maximilian Gandolph von Kuenburg en Salzburgo. Chegou a ser nomeado Kapellmeister da corte salzburguesa, cidade na que verían a luz obras inmortais, aínda que algunhas poderían ter sido xa comezadas en Kromeriz.
A súa fama transcendeu fronteiras. Realizou xiras de concertos presentando as súas obras e tocándoas de xeito virtuoso. Cóntase que, en ocasións, realizaba os baixos das súas espléndidas sonatas co seu propio pé no pedaleiro do órgano, mentres que coa súa inesgotable fantasía e os dedos das mans se dedicaba a realizar “tiratas” e ornamentacións floridas e exuberantes co violín. Gozou, por todo isto, dunha gran reputación en vida como violinista pero, ademais, foi un prolífico compositor que, a diferencia doutros, non só escribiría música instrumental senón tamén numerosa obra sacra vocal como misas, réquiems e motetes.
As Sonatas do Santo Rosario (Rosenkranzsonaten)
Calcúlase que as Rosenkranzsonaten de Biber foron compostas arredor de 1676 e son coñecidas como as Sonatas do Misterio, Sonatas Bíblicas ou Sonatas do Rosario. Quen compilou as obras introduciu ao comezo de cada unha delas un pequeno gravado, quizais realizado especialmente para a ocasión, cunha imaxe alusiva a cada un dos quince misterios, cinco gozosos, cinco dolorosos e cinco gloriosos.
Biber escribiu do seu puño e letra, en latín, esta formidable dedicatoria e declaración de intencións na primeira páxina do seu manuscrito: “Nobilísimo e Reverendísimo príncipe, Señor, Señor Clementísimo. Dedícoche con toda humildade esta Harmonía, que está consagrada ao Sol da Xustiza e á Lúa sen mácula, pois es a terceira Luz, que tes recibido destes dous astros divinos. Como fillo resplandeces cunha sacra dignidade, como home casto defendes a honra virxinal da Nai. Por iso es alimentado, como mereces, co maná do ceo de mans de Xesucristo e es aleitado prodigamente por María, nosa Nai. Ela tomou a primeira letra do seu santísimo nome e púxoa ao comezo do teu nobilísimo nome. Deste xeito adornou María a Maximiliano. Atoparás aquí a miña lira de catro cordas afinadas de 15 modos diferentes en diversas sonatas, preludios, allemandes, courantes, zarabandas, arias, chaconas, variacións, etc., co baixo continuo, elaboradas con dilixencia e, segundo as miñas posibilidades, coa maior destreza. Se queres saber o motivo do meu proceder, explicareino con claridade: consagrei todo isto na Honra dos XV Sacros Misterios que Ti tan ferventemente promoves. A ti, NOBILÍSIMA ALTEZA dedico, prostrándome, estas obras. O teu humildísimo servo, Henr. Ignat. Franciscus Biber”.
O Salzburgo do Príncipe-Arcebispo Maximilian Gandolph, Conde de Kuenburg, estaba repleto de confrarías do Santo Rosario, co que o seu rezo estaba moi estendido e practicábase con asiduidade nunha época que, curiosamente, coincide coa única que se lembra en Viena de persecución de bruxas. Fomentando o rezo do Rosario pretendíase ofrecer a figura feminina contraposta e ideal. O propio arcebispo apoiaba unha das confrarías máis influentes, na que se conservan unhas fermosas pinturas que representan os quince misterios da vida da Virxe mais unha décimo sexta co anxo gardián recubrindo os muros da sala de reunións da confraría. En concreto, atópanse os ciclos completos das imaxes, que recordan inequivocamente a aquelas que encabezan como ilustración cada unha das sonatas que Biber dedicou a ditos misterios. Como Kapellmeister do Príncipe, parece obvio pensar que esta obra fose unha encarga directa do seu benfeitor. Posiblemente, e dado que nesta época o uso da música favorecía a miúdo a meditación sobre calquera tema (sobre todo relixioso), podemos imaxinar que tivese a función de acompañar os feitos que relatan as pinturas, invocando esas imaxes sobre as que concentrarse.
As sonatas, ao igual que o rezo do Rosario e dos seus misterios, repártense por temas en grupos de cinco: Misterios Gozosos (Sonata 1: A Anunciación, Sonata 2: A Visitación, Sonata 3: O nacemento do Neno Xesús, Sonata 4: A presentación no Templo, Sonata 5: O Neno Xesús é atopado no Templo); Misterios Dolorosos (Sonata 6: A agonía de Xesús na Horta de Getsemaní, Sonata 7: A flaxelación do Señor, Sonata 8: A coroación de espiñas, Sonata 9: Xesús coa cruz ás costas, Sonata 10: A Crucifixión e Morte de Xesús); Misterios Gloriosos (Sonata 11: A Resurrección, Sonata 12: A Ascensión, Sonata 13: Pentecoste, Sonata 14: A Asunción da Virxe, Sonata 15: A coroación da Virxe) e Passacaglia en sol menor para violín só: Dedicada ao Anxo da Garda. A maior particularidade desta música é que cada sonata é interpretada cun violín nunha scordatura distinta. Existen varias teorías sobre a inclusión da Passacaglia final, única obra para violín só sen acompañamento do continuo e xa sen scordatura, neste ciclo de 15 Misterios.
A Sonata 16 está dedicada ao Anxo da Garda e o seu debuxo –esta vez a tinta– é idéntico en estilo a todos os outros gravados. Se ben algúns queren ver no feito de que forme parte do caderno unha economización do papel (tan ao uso nunha época na que este escaseaba ou era difícil de obter), outros atribúeno ao feito de ser un obsequio persoal ao arcebispo no que “cabe ver unha mensaxe de protección á súa persoa, ademais dunha imaxe musical de firmeza (as catro notas sol-fa-mi-re, incesantemente repetidas)”. Sexa como for, a Passacaglia é, aos nosos ollos, a culminación absoluta de tan magna obra e a súa calidade indiscutible como obra independente sublima e eleva ao ceo o rezo anterior.
A scordatura
Esta cuestión dunha afinación especial das catro cordas do violín para cada sonata é un caso case único na historia da música. A scordatura utilizábase nalgunha rara ocasión para o violín pero até o Seicento con máis asiduidade noutros instrumentos, se ben non tivo grande acollida posterior pola dificultade extrema que ofrece para o violinista o feito de cambiar constantemente a dixitación necesaria. Para cada scordatura a partitura está indicada coas «notas» que habería que tocar se o violín estivese afinado dun xeito «normal» (sol-re-la-mi); con todo, ao estar afinado doutra maneira, o intérprete pensa unhas notas mentres escoita outras distintas. O feito de que este fenómeno ocorra en 15 maneiras completamente distintas entre si é un dos maiores retos da execución. Biber utilizará a scordatura tamén, a miúdo, noutras obras. Apenas Paganini ou Mahler se atreverían posteriormente a utilizar este recurso nalgunha obra solta pero só nunha corda do instrumento ou para un movemento illado. Aquí, como temos explicado, isto ocorre nas catro cordas simultaneamente e cambiando para cada peza. O colorido e o virtuosismo derivados son realmente expresivos e espectaculares. A variedade e expresividade destas pezas é, pois, inesgotable, grazas a recursos de todo tipo e orixinalidade.
Simboloxía
A pregunta de cal foi o motivo que levou a Biber a realizar unha obra de tal complexidade e variedade de scordatura provocou múltiples teorías de simbolismo dende moitos ángulos e interpretacións. Por unha banda, atopamos as teorías matemáticas e astronómicas que relacionan a composición con Kepler e as súas teorías en Harmonices Mundi. A constelación da Lira simbolizaba o pensamento harmónico na Astronomía. Moitos queren ver, na alusión a este instrumento, así como ao sol e á lúa na dedicatoria, unha correspondencia coa tan longamente buscada relación platónica dos corpos celestes de Kepler.
Existen, por suposto, motivos programáticos, obviamente relixiosos, que consistirían no establecemento dun paralelismo entre a scordatura e a historia que conta cada Misterio. Así, por exemplo, a sonata da Resurrección ten como scordatura re-sol-re-sol, o que en italiano quere dicir «rei sol», clara alusión a Cristo resucitado. Na Visitación a scordatura son dous pares idénticos de intervalos, como son idénticas as situacións de Ana e María, e, outra vez na Resurrección, cruza as cordas centrais entre o cordal e a ponte, en clara alusión á redención por medio da cruz.
Non son poucos, polo demais, os que apoian as teorías numerolóxicas, que basean todo na propia estrutura do número 15 = 5+5+5 do rezo, con sorprendentes resultados cando se conta o número de notas por sonata. Dieter Haberl comenta, por exemplo: «as 496 notas do primeiro movemento da número 1 inducen a pensar que se trata da plasmación musical do dogma da Inmaculada Concepción, por ser 496 o terceiro número perfecto tras o 6 e o 28. O número total de notas de moitos dos movementos destas sonatas é divisible por 22, outro número cargado de referencias simbólicas por corresponder dentro da orde alfabética á letra x, que representa a cruz».
Por último, debe recordarse a aqueles que queren ver significados alquímicos na mención do Sol e a Lúa, do «Rei Sol» e outras alusións herméticas. Sexa como for, a realidade é unha e moi clara: trátase das diversísimas cores coas que o violín soa cando se cambia a súa estrutura de afinación e, por conseguinte, a súa resonancia de harmónicos.
Por outra banda, o paso de Cristo e de María polos diversos acontecementos que se narran nas sonatas van sentíndoos, durante a interpretación, tanto o instrumento como o intérprete. O bater das ás do Anxo da Anunciación está marabillosamente escrito na velocidade e axitación do arco no comezo e final da sonata. O violín alégrase cunha scordatura moi resoante na ledicia da Visitación, ténsase até límites insospeitados nas sonatas centrais do espolio e reláxase tras a Resurrección. Treme baixo o arco no terremoto tras a Crucifixión polos acordes extremos e rápidos e o seu son ábrese e expándese con facilidade na celebración da Asunción.
Así mesmo, o intérprete sofre o aumento da tensión das cordas baixo os seus dedos («como o fío dun coitelo», di Andrew Manze), teme que o instrumento poida ceder á tensión máxima, nota como o corpo do violín resoa extremadamente coa relaxación da tensión nos misterios gloriosos e, teño que dicir, tamén a mente do violinista vai progresivamente aumentando o seu desconcerto ante unha das maiores complexidades da scordatura e apárvase enormemente durante A Flaxelación. Tras as sonatas dolorosas, a mente vai recobrando, pouco a pouco, a «cordura» (nunca mellor dito) segundo se achega a gran festa final. Por fin, para pechar o ciclo, na oración evocando ao Anxo da Garda –que nos acompaña na nosa vida ao igual que as catro notas en ostinato eternum e independentemente dos anos e as realidades que van cambiando– xa non hai scordatura senón só o seu recordo, a calma, a volta á normalidade para pechar o círculo e a evocación.
Non está claro se estas sonatas están concibidas para ser tocadas como ciclo e dunha soa vez ou máis ben cada unha nun momento do ano litúrxico. A resposta duns é que non se poden tocar seguidas nun só concerto xa que son tantas e tan radicalmente diversas as afinacións esixidas que un só instrumento non soportaría semellante trasfega de tensións, se é que non se quere ter aos oíntes agardando longos lapsos de tempo até que o violín redefina a súa personalidade sonora coa nova afinación. Andrew Manze sostén, con todo, o contrario: tocalas co mesmo violín é o único xeito de plasmar en puridade todo o simbolismo da obra.
A miña experiencia persoal lévame a considerar ambas posibilidades, se ben, cando as teño interpretado todas, foi necesario repartilas en tres partes duns 50 minutos cada unha, o que excede a duración habitual dun concerto. E, por suposto, sempre con varios instrumentos, se ben algúns deben ser reafinados en distintos momentos. A experiencia como intérprete resulta única, emocional, física e mentalmente, e marca un antes e un despois, vivíndose como en ningunha outra ocasión en absoluta primeira persoa.
Heinrich Ignaz Franz von Biber deixou este mundo o 3 de maio de 1704, legándonos un vastísimo repertorio, regalo especial aos violinistas, que o podemos considerar o primeiro dos virtuosos deste instrumento rei; mais sempre un virtuosismo afastado do exhibicionismo ou dos baleiros efectos e dedicado aos máis altos ideais humanos, artísticos e espirituais.