# concerto 5 # clave #

CEO E TERRA
dos virxinalistas ingleses a Scarlatti: virtuosismo, innovación e fantasía

BERTRAND CUILLER  clave

William Byrd / John Bull / Domenico Scarlatti

Paraninfo da Universidade
(Facultade de Xeografía e Historia)
Santiago de Compostela
venres 16 outubro 2026
20.30

Nesta proposta “instrumental” bianual (2025-2026) do Festival Ateneo Barroco non pode faltar o protagonismo dun instrumento capital no Barroco musical, o clavecín. Para o seu debut no festival, o clavecinista francés Bertrand Cuiller selecciona dúas das grandes especialidades do seu repertorio: a música inglesa dos virxinalistas e as sonatas para clave de Domenico Scarlatti. Entre Inglaterra, Italia e España transcorre esta viaxe temporal entre dúas revolucións na música para teclado. William Byrd e Domenico Scarlatti foron dous dos autores máis innovadores na música para teclado no seu tempo. William Byrd en Inglaterra, a cabalo entre os séculos XVI e XVII, onde gozou de ampla difusión o virxinal, dando nome a toda unha escola de compositores e instrumentistas de teclado. Domenico Scarlatti na primeira metade do XVIII, sobre todo nos últimos 25 anos da súa vida en Madrid, onde chegou da man de Bárbara de Braganza, impactando no desenvolvemento da música barroca en España e na súa evolución posterior, e onde compuxo a maior parte das súas 555 sonatas para clave, a súa obra mestra de madurez e un tesouro musical de legado imborrable na historia da música.

Un dos repertorios máis singulares, ricos e expresivos para o clave é o que coñecemos como os virxinalistas ingleses, un pozo sen fondo de descubrimentos e experimentos musicais que Bertrand Cuiller explora nas ornamentadas melodías, pavanas e gallardas, fantasías e pezas virtuosísticas de dous dos grandes mestres do virxinal, William Byrd e John Bull. O talentoso, emprendedor e polifacético Bertrand Cuiller é tamén un profundo coñecedor das sonatas para teclado de Domenico Scarlatti: unha vasta colección de composicións bipartitas nun só movemento, que atesoura unha extraordinaria variedade de recursos expresivos e formais, obras virtuosísticas e de gran esixencia técnica, que exploran en profundidade todos os recursos e capacidades do instrumento e nas que Domenico Scarlatti amosa a súa audacia no tratamento harmónico e da modulación e a súa desbordante inventiva rítmica e melódica. Todo un reto musical ao teclado.

William Byrd (c.1540-1623)
The Queen’s Alman
Pavan & Galiard (Musica Britannica n° 16)
Three French Corantos
Lady Monteagles’s Pavan
Ground MB 9
The Battle

John Bull (c.1562-1628)
In nomine (Musica Britannica n°12)
The King’s Hunt

Domenico Scarlatti (1685-1757)
Sonata en re menor K 1
Sonata en la menor K 61
Sonata en si menor K 87
Sonata en Re maior K 118
Sonata en re menor K 141
Sonata en mi menor K 263
Sonata en sol menor K 450
Sonata en Mi maior K 496
Sonata en Sol maior K 547

 

BERTRAND CUILLER  clave
Bertrand Cuiller é un polifacético clavecinista francés que reparte a súa carreira artística entre os recitais en solitario e os concertos de música de cámara, ademais de dirixir o seu propio conxunto, Le Caravansérail.

Nado nunha familia de músicos, comezou a tocar o clave coa súa nai, Jocelyne Cuiller, aos oito anos de idade e cinco anos máis tarde coñeceu a Pierre Hantaï, quen agora é o seu mentor. Antes incluso de graduarse no Conservatorio Nacional Superior de Música de París con Christophe Rousset e mentres estudaba trompa moderna e barroca, Bertrand Cuiller gañou o terceiro premio no concurso de clave de Bruxas.

Moi cedo na súa carreira é convidado a realizar o baixo continuo con Les Arts Florissants (William Christie), Concert Spirituel (Hervé Niquet) e Le Poème Harmonique (Vincent Dumestre) pero Bertrand Cuiller decide asumir novos retos como solista. Está especialmente centrado na música inglesa (virxinalistas como William Byrd, John Bull, Orlando Gibbons e Peter Philipps), nas virtuosísticas sonatas de Domenico Scarlatti, unha corrente do repertorio francés (Jean Henry d’Anglebert, Louis Couperin, François Couperin e Jean-Philippe Rameau) e na obra completa de Johann Sebastian Bach.

A súa ampla discografía é un bo reflexo do seu ecléctico repertorio e gravou discos como solista cos selos Alpha Classics (Byrd: Pescodd Time, Scarlatti & Soler), Mirare (Thomas Tomkins, Jean-Philippe Rameau, concertos de Bach), Harmonia Mundi (François Couperin, Johann Sebastian Bach), etc.

Formado en 2015, o seu ensemble Le Caravansérail é extremadamente versátil, interpretando música de cámara (incluíndo dúos), música instrumental, oratorios e óperas. Le Caravansérail publica esta tempada o seu terceiro álbum e realiza xiras cos concertos para tres e catro claves de Johann Sebastian Bach, o Stabat Mater de Domenico Scarlatti, as Leçons de Ténèbres de François Couperin e a ópera Rinaldo de Haendel.

Bertrand Cuiller traballa con excelentes músicos como as violinistas Sophie Gent e Martyna Pastuszka; os frautistas Marine Sablonnière, Jocelyn Daubigney e Frank Theuns; o compositor e intérprete Loïc Guénin; os cellistas Christophe Coin e Bruno Cocset; e co ensemble Les Basses Réunies colabora en numerosos concertos e gravacións dende 2004.

Bertrand Cuiller é convidado regularmente a ofrecer clases maxistrais por institucións de prestixio (conservatorios de Lyon e Paris, Schola Cantorum de Basilea, Instituto de Música Antiga de Vannes VEMI, etc.) e foi membro do xurado nos reputados concursos de clave de Bruxas e Wanda Landowska (Poznan).