A ARTE DA FUGA
O intérprete de Bach

KENNETH WEISS  clave

Teatro Principal
Santiago de Compostela
mércores 18 outubro 2023
20.00

A Arte da Fuga, obra mestra do contrapunto de Johann Sebastian Bach, é unha desas composicións referenciais da historia da música, aínda máis cando é presentada en mans dun intérprete maiúsculo como o clavecinista norteamericano Kenneth Weiss, quen a aborda en plenitude, en madurez, e que, por diversas razóns e neste período tan excepcional das nosas vidas que nos tocou en sorte vivir, atopa o momento de abordar finalmente a súa interpretación. A Arte da Fuga é moito máis que esa maxistral serie de fugas e canons que ofrece ao intérprete múltiples vías de recreación e expresión, e Bach esa fonte musical da que non podemos, nin debemos, deixar de beber. Nado en New York, Kenneth Weiss é un reputado clavecinista que ten centrado a súa carreira nos recitais, na música de cámara, no ensino e na dirección orquestral e operística. Como solista, é invitado regularmente aos máis prestixiosos escenarios e festivais do mundo e as súas aclamadas gravacións de Bach, Scarlatti ou Rameau teñen recibido merecidos galardóns. Actualmente é profesor de clave no Conservatorio de París e na Haute École de Musique de Xenebra.

 

KENNETH WEISS  clave

Nado en New York, asistiu á High School of Performing Arts e, tras estudar con Lisa Goode Crawford no Conservatorio de Oberlin, continuou con Gustav Leonhardt no Conservatorio Sweelinck de Ámsterdam. Entre 1990 e 1993 foi asistente musical de William Christie en Les Arts Florissants en numerosas producións e gravacións de ópera. Posteriormente dirixiu a Les Arts Florissants en Doux Mensonges do coreógrafo Jiri Kylian na Ópera de París e foi codirector, con William Christie, das tres primeiras edicións do programa Jardin de Voix de Les Arts Florissants. Kenneth Weiss céntrase nos recitais, a música de cámara, o ensino e a dirección. Os seus recitais más recentes inclúen Nuremberg, Montpellier, Barcelona, Dijon, Xenebra, Amberes, Cite de la Musique (París), Madrid, La Roque d’Anthéron, Santander, Lisboa, San Sebastián, Innsbruck, La Chaise-Dieu, La Chaud de Fonds, Bruxas e New York. Actúa en recital cos violinistas Fabio Biondi, Daniel Hope, Monica Huggett e Lina Tur Bonet. En colaboración coa coreógrafa Trisha Brown foi director musical de M.O., un ballet sobre A ofrenda musical de Bach, estreado en La Monnaie de Bruxelas. Dirixiu as producións escénicas da Academia Europea de Música de Aix-en-Provence de Dido e Eneas de Purcell e dun programa de madrigais de Monteverdi e de As vodas de Fígaro de Mozart na Cité de la Musique de París e L’incoronazione di Poppea de Monteverdi en Bilbao e Oviedo. Ten dirixido a The English Concert, Concerto Copenhagen, Orquestra Barroca de Salamanca, Divino Sospiro, Orchestre de Rouen, Orchestre Régional de Basse-Normandie, Orchestre National des Pays de Loire, Orchestre des Pays de Savoie e Orchestre d’Auvergne. Satirino Records publicou en 2001 a primeira dunha serie de aclamadas gravacións de Kenneth Weiss para clave só: partitas de Bach, sonatas de Scarlatti, transcricións de ópera e ballet de Rameau, obras de Bach e Scarlatti, unha gravación en directo das Variacións Goldberg de Bach, sonatas para violín de Elisabeth Jacquet de la Guerre, O clave ben temperado de Bach, etc. Kenneth Weiss ten ocupado postos de profesor na Academia Noruega de Música de Oslo, Conservatorio de Barcelona, Juilliard School de New York e, actualmente, ensina no Conservatorio de París e na Haute École de Musique de Xenebra, onde é profesor de clave. 

PROGRAMA

JOHANN SEBASTIAN BACH (1685-1750)
DIE KUNST DER FUGE BWV 1080
(A Arte da Fuga)

Contrapunctus I
Contrapunctus II
Contrapunctus III
Contrapunctus IV
Canon per augmentationem in contrario motu
Contrapunctus V
Contrapunctus VI
Canon alla duodecima in contrapunto alla quinta
Contrapunctus VII
Contrapunctus VIII
Contrapunctus IX
Canon alla ottava
Contrapunctus X
Contrapunctus XI
Canon alla decima in contrapunto alla terza
Contrapunctus XII
Contrapunctus XIII
Contrapunctus XIV

 

O INTÉRPRETE E A ARTE DA FUGA

Aínda que familiarizado coa Arte da fuga durante gran parte da miña vida, non me propuxen aprendelo na súa totalidade até 2020. Cando a Covid-19 deixou en suspenso toda a vida concertística, ao igual que os meus compañeiros músicos, quedei na casa cun calendario de cancelacións cada vez maior. O meu primeiro recital da Arte da fuga foi o que máis chorei e aproveitei o tempo de reclusión para somerxerme na obra. Día tras día, recorría á Arte da fuga na busca de consolo, inspiración e conexión nun mundo inseguro. Asombrarme constantemente ante a imaxinación e a habilidade sen límites de Bach, ao tempo que me desafiaba a escoitar –escoitar de verdade– todo o que ocorría, elevaba o meu estado de ánimo e proporcionábame unha grande alegría. Foi un acto de devoción. Gardo un grato recordo.

En 2019 tiven a sorte de que o Museu Nacional da Música me teña pedido que tocara o concerto de inauguración no seu histórico clavicémbalo Taskin, recen restaurado. Sentinme cativado ao instante pola profundidade do seu son, forte pero doce. Foi unha sensación máxica: saber que as miñas mans estaban facendo cantar de novo ao instrumento, como outras mans tiñan feito no mesmo fermoso teclado durante máis de douscentos anos. Estou en débeda co museo portugués por facer posible a gravación da obra mestra que é A arte da fuga nunha obra mestra de instrumento, o Taskin de Lisboa.

Composta durante a última década da súa vida, A arte da fuga consta de 14 fugas (ou contrapuntos) e 4 canons baseados nun único tema. Foi a última e máis lograda exploración de Bach da composición contrapuntística. Aínda que os seus contemporáneos xa o consideraban un mestre da fuga, Bach tentou superar os límites da súa mestría empregando un tema único, en re menor, para crear a súa apoteose contrapuntística. Cada fuga aumenta en complexidade e o suxeito orixinal sufre numerosas transformacións que tentan demostrar todas as posibilidades da composición fugada: inversión temática, alteración rítmica, imaxes especulares completas, variedade de estilos nacionais, aumento e diminución. Na segunda metade da obra introdúcense novos temas, aínda que todos derivan do tema orixinal.

A última fuga que Bach escribiu e coa que remata A arte da fuga, o Contrapunctus XIV, está incompleta. O terceiro suxeito que introduce nesta fuga é o seu propio nome B-A-C-H. As letras corresponden a Si bemol, La, Do e Si natural (que é “H” en alemán). Ao igual que un pintor asina a súa obra mestra, esta é a sinatura musical de Bach. Aínda que se aduciu que a obra quedou inacabada polo deterioro da saúde de Bach, algúns dos principais estudosos do compositor opinan que o final da obra se perdeu ou que nunca chegou a completarse. Con todo, hai unha poderosa metáfora neste irresistible momento de ruptura, tras 80 minutos dun logro sen parangón de divina complexidade e beleza. De súpeto, acabouse. A última obra de Bach, como a vida, remata sen solución.

Bach escribiu a obra en catro pentagramas en lugar dos dous que utilizaba habitualmente nas súas obras para teclado. Tampouco afirma especificamente que a obra estea destinada ao teclado (aínda que si o fai o seu fillo Carl Philipp Emanuel Bach, que publicou a obra por primeira vez un ano despois da morte de Johann Sebastian Bach). Aínda que existía unha tradición secular de escribir o contrapunto para teclado en partitura completa por motivos de claridade visual, moitos estudosos cren que a obra estaba pensada para deixar aberta a opción da partitura. Sigo ao meu mestre Gustav Leonhardt na crenza de que se trata dunha obra para teclado pero as obras de Bach, en xeral, máis que as de calquera outro compositor, case sempre poden transcribirse con éxito debido á súa integridade e universalidade inherentes. Un cuarteto de corda, un piano moderno ou calquera outra combinación de instrumentos solistas pode facer xustiza á obra con éxito e de forma convincente.

Todos os instrumentos posúen as súas propias calidades e a forma en que poden acentuar as reviravoltas da escritura das partes difire. Mentres que un pianista ou un violinista poden limitarse a tocar máis alto un tema nunha voz determinada para realzalo, o clave, ao non poder facer isto, utiliza a articulación, o toque, o tempo e a variación rítmica para crear unha profundidade dimensional. Máis difícil de acadar, esta «magnífica restrición», o despregue destas técnicas para explorar a expresividade e o matiz, éo todo.

Kenneth Weiss