MUERA CUPIDO
Sebastián Durón, José de Nebra e a tradición musical teatral en España ao redor de 1700

NÚRIA RIAL   soprano
ACCADEMIA DEL PIACERE
FAHMI ALQHAI

JOHANNA ROSE  viola da gamba
RAMI ALQHAI  violón
JAVIER NÚÑEZ  clave
FAHMI ALQHAI  viola da gamba soprano / dirección musical

Salón Teatro
Santiago de Compostela
luns 24 outubro 2022
20.00

Sebastián Durón é probablemente o compositor español máis importante do seu tempo e o responsable, segundo a “acusación” do Padre Feijoo, da italianización da música española, ou sexa, da súa volta a Europa tras o abafante século XVII. Fahmi Alqhai e Accademia del Piacere (recoñecidos como unha referencia á vangarda na música antiga en España e en Europa, celebran dúas décadas de frutífera carreira) e Núria Rial ­(a máis internacional das sopranos españolas dedicada ás músicas históricas) unen os seus sobresaíntes talentos musicais para dar nova vida a unha selecta colección de arias das obras escénicas de Sebastián Durón dedicadas ao inesgotable e sempre emocionante tema do amor.

NÚRIA RIAL  soprano

Núria Rial estudou canto e piano na súa Cataluña natal e foi membro da clase do profesor Kurt Widmer no Conservatorio Superior de Basilea. En 2003 recibiu o galardón Preis der Helvetia Patria Jeunesse Stiftung da Fundación Pro Europa polos seus excepcionais logros como cantante. Ten actuado como solista nos máis prestixiosos festivais e salas de concerto de Europa e colaborado con directores como Ivan Fischer, John Eliot Gardiner, Trevor Pinnock, Howard Griffiths, René Jacobs, Theodor Currentzis, Gustav Leonhard, Thomas Hengelbrock, Laurence Cummings e Neville Marriner, ao igual que con conxuntos da categoría de Concerto Köln, The English Concert, Kammerorchester Basel, Collegium 1704, Il Giardino Armonico, Les Musiciens du Louvre, Elbipolis Barockorchester, Le Cetra Basel ou L’Arpeggiata. Ten participado en importantes producións operísticas en moitos dos máis salientables teatros de ópera europeos: Eliogabalo de Cavalli, baixo a dirección de René Jacobs (Théâtre de la Monnaie, Bruxelas); L’Orfeo de Monteverdi, con René Jacobs (Staatsoper Unter den Linden, Berlín) e Giovanni Antonini (Grand Théâtre, Xenebra); A frauta máxica de Mozart no Teatro Carlo Felice (Xénova) e dirixida por Ivan Fisher (Budapest Festival Orchestra); Ainadamar de Golijovat, baixo a dirección escénica de Peter Sellars (Teatro Real, Madrid); etc.  Especializada en música antiga e barroca, música sacra e lied, Núria Rial tamén colabora con conxuntos de cámara como Il Pomo d’Oro, Café Zimmermann ou Nash Ensemble. Nos seus recitais canta repertorio francés e español pero tamén lied alemán. Núria Rial atesoura unha extensa discografía gravada con selos como Harmonia Mundi France, Glossa e Sony Classical/BMG Masterworks, coa que mantén un contrato en exclusiva dende 2009. Entre os numerosos galardóns obtidos polas súas gravacións cómpre salientar o Orphée d’Or polo seu disco 9 German Arias, con Michael Oman e Austrian Baroque Company, e varios Echo Klassik Music Award: en 2009 por Haydn: Arie per un’amante (Michi Gaigg e Orfeo Barockorchester) e Teatro d’Amore (xunto a Philippe Jaroussky e L’Arpeggiata), en 2010 por Via Crucis (Christina Pluhar e L’Arpeggiata) e en 2012, na categoría de Mellor Disco de Arias de Ópera, polo compacto dedicado ás óperas de Telemann coa Orquestra de Cámara de Basilea.

ACCADEMIA DEL PIACERE

A forte personalidade artística do seu director e unha visión vitalista da música marcan a singularidade do conxunto Accademia del Piacere: os seus músicos concíbena como algo vivo e cheo de emocións que interiorizan como propias e transmiten ao espectador, sexa a música creada hoxe ou a concibida hai séculos. En palabras de David Yearsley na revista norteamericana Counterpunch, “o nome do grupo dio todo: nunca escoitei nada máis desafiante, conmovedor e pracenteiro”. Nas súas gravacións teñen revelado novos matices en repertorios fundamentais da música histórica como o Seicento italiano (Le Lacrime di Eros), a música española do Renacemento (Rediscovering Spain) ou a escénica do Barroco hispano (Muera Cupido, xunto a Núria Rial), recibindo premios como o  Opus Klassik (Alemaña, 2020), o Choc de Classica (Francia), o Prelude Award (Países Baixos) e varios premios GEMA en España, entre outros moitos. Ademais, Accademia del Piaccere e Fahmi Alqhai visitan con igual éxito territorios artísticos alleos ao historicismo, como en Las idas y las vueltas e Diálogos, xunto aos cantaores flamencos Arcángel e Rocío Márquez, respectivamente, polos que recibiron o premio Giraldillo da Bienal de Flamenco de Sevilla 2012 e 2016. A partir do seu núcleo fundacional de violagambistas e sempre en colaboración con solistas de primeiro nivel, como a bailaora Patricia Guerrero, o guitarrista Dani de Morón ou o percusionista Pedro Estevan, Accademia del Piacere sitúase na primeira liña europea da música antiga e as súas actuacións lévano a singulares salas de Europa, América e Asia, como o Oji Hall de Tokio, o Museo Británico de Londres ou a Philharmonie de Berlín, así como a outras moitas de Estados Unidos, Alemaña, Francia, Xapón, Bélxica, Holanda, México, Colombia, Suíza, España, etc. Os seus concertos son regularmente transmitidos en directo pola Unión Europea de Radiodifusión e as súas emisoras asociadas e ten aparecido en múltiples emisións televisivas, dende TVE até a NHK xaponesa. Accademia del Piacere recibe o apoio da Junta de Andalucía e do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música.

FAHMI ALQHAI

A carreira de Fahmi Alqhai caracterizouse dende os seus inicios pola ruptura dos límites técnicos e artísticos impostos ao seu instrumento, a viola da gamba. Dende a súa propia orixe multicultural e unha personalidade musical tan forte como inqueda, levou á viola da gamba “a un novo terreo de gozoso potencial», segundo a revista Gramophone. Español pero fillo de palestina e sirio, a súa traxectoria musical partiu do máis rigoroso historicismo musical para, dende aí, facer voar a viola da gamba cara a novos terreos de virtuosismo e creatividade: recuperando a figura do músico compositor, a súa versátil carreira alterna a investigación de músicas do pasado coa colaboración con artistas doutros estilos, dende o jazz ao flamenco. Tras criarse entre Sevilla (España) e Homs (Siria) e cuns inicios musicais autodidactas no rock, Fahmi Alqhai coñece a fondo a ortodoxia do historicismo musical durante longos anos de estudos con Vittorio Ghielmi e Ventura Rico e de concertos xunto a artistas da talla de Jordi Savall, ao tempo que se licenciaba con brillantez en Odontoloxía. Axiña funda o seu propio conxunto, Accademia del Piacere, co que ofrece a súa singular visión do Seicento italiano (o seu primeiro compacto, Le Lacrime di Eros, foi xa Premio Prelude Classical Music 2009) ou do gran repertorio francés para viola da gamba (Les Violes du Ciel et de l’Enfer, nomeado aos International Classical Music Awards 2011). Dende aquela alterna o historicismo coa creación e a mestizaxe con outros mundos musicais: en 2012 a Bienal de Sevilla, probablemente o máis importante festival flamenco do mundo, concédelle o Giraldillo á Mellor Música por Las idas y las vueltas, aventura musical xunto ao cantaor Arcángel que presentaron no Konzerthaus de Viena, Konzerthaus de Berlín, Elbphilharmonie de Hamburgo, Philharmonie de Colonia, Fundación Gulbenkian de Lisboa, Parco della Musica de Roma, Auditorio Nacional de Madrid, Festival Internacional Cervantino de Guanajuato (México) e moitas outras salas de todo o mundo. Entre as súas seguintes gravacións cómpre salientar Rediscovering Spain (dedicado á música española do Século de Ouro, Choc de Classica en Francia, CD do Mes de Toccata en Alemaña e Disco Excepcional Scherzo en España), Diálogos (coa cantaora Rocío Márquez, Giraldillo 2016 á Innovación na Bienal de Flamenco de Sevilla), The Bach Album(viola da gamba a solo, Premio do Público GEMA á Mellor Produción Discográfica 2016, Melómano de Oro e Disco Excepcional Scherzo) e Muera Cupido (coa soprano Núria Rial, Premio Opus Klassik en Alemaña ao Mellor Recital de Ópera 2020). Fahmi Alqhai recibiu a Medalla da Cidade de Sevilla, de cuxo Festival de Música Antiga, o máis importante de España, é director dende 2009. O seu próximo proxecto estará dedicado ao tamén sevillano Cancionero de la Colombina (século XV), grazas á Bolsa Leonardo da Fundación BBVA.

PROGRAMA

Pavana
Francisco Guerau (1649-ca.1722)

Yo hermosísima Ninfa
recitado e aria
de «El imposible mayor en amor le vence Amor»
atribuída a Sebastián Durón (1660-1716) e a José de Torres (ca. 1670 – 1738)

Quantos teméis al rigor
arietta ytaliana – rezitado [brioso] – [vibo]
de «Las nuevas armas de Amor»
Sebastián Durón (1660-1716)

Xácaras & Folías
improvisación

Sosieguen, descansen
solo humano, de «Salir el Amor del Mundo»
Sebastián Durón (1660-1716)

Pastorella che tra le selve
[ms 2245 da Biblioteca Nacional de España]
Giovanni Bononcini (1670-1747)

Marionas & Canarios
Fahmi Alqhai

Adiós, prenda de mi amor
aria de «Amor aumenta el valor»
José de Nebra (1702-1768)

Tempestad grande, amigo
fandango de “Vendado es amor, no es ciego”
José de Nebra (1702-1768)

concepción, arranxos e adaptación do programa: Fahmi Alqhai
asesoría musicolóxica: Álvaro Torrente e José María Domínguez

Se aplicar a palabra “barroca” á música composta nos séculos XVII e XVIII supón agochar tras ela mundos ricos e diversos, o caso español é particularmente revelador, pois oculta un radical cambio de estilo no cambio de século. Foi, paradoxalmente, a subida ao trono da familia francesa dos Borbóns o que trouxo a Madrid, en 1701, o estilo italiano que anegaba Europa. Até daquela a música española rexíase por tradicións propias, con harmonías características, unha escritura instrumental ás veces pouco idiomática, unha escritura vocal moi silábica e, incluso, unha notación especial para os seus singulares ritmos, alternando o binario e o ternario –uns ritmos moi flamencos, diríamos hoxe–. Esas características son aínda recoñecibles en Sosieguen, descansen de Sebastián Durón e nas danzas coetáneas que serven como interludios instrumentais no programa.

A cantata italiana Pastorella che tra le selve (manuscrito conservado na Biblioteca Nacional de España) é un magnífico exemplo da introdución do que xa daquela chamou North “o lume e a furia do estilo italiano”. A chegada dos Borbóns significou tamén o ascenso de Sebastián Durón a mestre de capela (pese a que acabou os seus días no exilio como entusiasta pro-austríaco) e títulos como arietta ytaliana revelan os seus intentos inequívocos por adaptarse aos novos tempos, que lle costarían décadas despois ser acusado de italianizante polo padre Feijoo no seu Teatro Crítico Universal (1726): ”Esta é a música destes tempos, coa que nos regalaron os italianos, por man do seu afeccionado o mestre Durón, que foi o que introduciu na música de España as modas estranxeiras. É verdade que despois aquí se apuraron tanto estas que, se Durón resucitara, xa non as coñecería; pero sempre se lle poderá botar a el a culpa de todas estas novidades por ter sido o primeiro que lles abriu a porta”.

En todo caso, o triunfo do estilo italiano sería axiña absoluto, tanto na Real como no resto das capelas musicais españolas e europeas. José de Nebra, organista primeiro do Monasterio de las Descalzas Reales de Madrid e logo da mesma Capela Real, asumiuno xa plena e maxistralmente nas súas cantadas, con recitativos secos cheos de modulacións atrevidas, arias da capo, unha escritura instrumental específica, coloraturas esixentes… Ao combinalo habilmente con formas e ritmos daquela populares como o fandango ou a seguidilla, Nebra conduciu unha exitosa carreira no efervescente mundo da música escénica madrileña da primeira metade do século XVIII, sen renunciar para iso ás cualidades que o converten, en opinión de moitos, no mellor compositor español do seu tempo.

Juan Ramón Lara