# concerto 3 # colascione # percusión # fagot #
OS ALEGRES DÍAS DE NÁPOLES
música nos tempos de Pedro Fernández de Castro
RESONET
MERCEDES HERNÁNDEZ soprano
DAVID SAGASTUME contratenor
CHRISTIAN LOSADA tenor
PAULO GONZÁLEZ frautas / zanfona barroca
ROGERIO GONÇALVES fagot / percusións
FERNANDO REYES tiorba / colascione / guitarra barroca / dirección
Teatro Principal
Santiago de Compostela
venres 9 outubro 2026
20.00
Liderado por Mercedes Hernández e Fernando Reyes, o grupo compostelán Resonet presenta en primicia, tras un longo período de investigación, o seu proxecto Os alegres días de Nápoles. O programa ten como eixo as obras do libro I Lieti Giorni di Napoli dedicado por Girolamo Montesardo en 1613 a Pedro Fernández de Castro, vicerrei de Nápoles e sétimo Conde de Lemos. Un rico e colorido grupo instrumental pouco común nos nosos días (tiorba, colascione, guitarra barroca e battente, arquilaúde, fagot, frautas, violas, percusións…) acompaña as canzonetas e os madrigais de unha a tres voces de Girolamo Montesardo, ás que poñen voz a soprano Mercedes Hernández, o contratenor David Sagastume e o tenor Christian Losada.
Estas melodías acompañadas trasládannos a un universo de emocións, conceptos poéticos e sentimentos que eran esenciais e necesarios na vida do tamén duque de Sarria. Sen a música e os seus efectos non poderíamos comprender nin a arte, nin a vida social, nin as accións políticas dos personaxes daqueles tempos. Os tres puntos de partida para estes Alegres días de Nápoles son, ademais do pequeno libro I Lieti Giorni di Napoli de Girolamo Montesardo, que Resonet interpreta integralmente, o manuscrito incompleto Vilanelle et arie alla napolitana do mestre da Capela Real de Nápoles Giovanni Maria Trabaci e outras obras da época de Pedro Fernández de Castro relacionadas directamente ou con temáticas próximas ao vicerrei. Tamén nos atopamos con textos de Lope de Vega e Cervantes e un soneto do vicerrei e conde Pedro Fernández de Castro en Os alegres días de Nápoles de Resonet, un conxunto compostelán con 35 anos de carreira, historia e experiencia na música antiga cunha frutífera e especial atención á recuperación das músicas relacionadas co Camiño de Santiago e Galicia.
Girolamo Montesardo (fl.1606-c.1620)
I Lieti Giorni di Napoli (1612)
O fortunati giorni
O felice quel giorno
Scherzo d’Amore
Giovanni Maria Trabaci (c.1575-1647). Vilanelle et arie alla napolitana s. d.
Stefanio Jeronimo (música) / Pedro Fernández de Castro (texto)
Ve el Sol en verde paz (soneto)
Juan Arañés (c.1580-c.1647). Libro Segundo de Tonos y Villancicos (1624)
Miguel de Cervantes (texto La Ilustre Fregona, Novelas Ejemplares, 1613)
Chacona
Girolamo Montesardo (fl.1606-c.1620)
I Lieti Giorni di Napoli (1612)
La peregrina
La faceta
Scherzo di Ninfe
Giovanni Maria Trabaci (c.1575-1647). Vilanelle et arie alla napolitana s. d.
Encontrándose dos arrolluelos (texto Félix Lope de Vega)
Quando mai tanti rai, In lode del Ilmo. e Ecmo Signore Duca d’Alba
Henry de Bailly (c.1590-1637). Airs de differents auteurs (París 1614)
Passacaille la Folie. Yo soy la Locura
Etienne Moulinié (1599-1676). Troisième Livre d’Airs de Cour (París 1629)
Repicaban las campanillas
RESONET
Fórmase en 1990 en Santiago de Compostela baixo o impulso do laudista Fernando Reyes, quen dirixe o grupo, e a soprano Mercedes Hernández, tomando o nome dunha peza do Códice Calixtino. Os seus compoñentes están especializados na interpretación da música antiga nos máis recoñecidos centros de formación de Europa. Teñen realizado numerosos concertos en prestixiosos festivais e auditorios de toda Europa e dedican grande atención á música relacionada con Galicia e co Camiño de Santiago. Gravaron La Grande Chanson (cancións dos peregrinos de Francia, s. XVII); Santiago! (música e peregrinacións no Renacemento); Les Pellerines (a moda da peregrinación en Francia, s. XVII); Il Pellegrino (a viaxe de Cosme III de Medici, 1668); Canto de Nadal; Cantares Galegos – Rosalía de Castro; Canto de Ultreia: (Codex Calixtinus – Cantos de peregrinos: Músicas para as festas de Santiago, s. XII); Festa Dies(músicas para a consagración da Catedral de Santiago, 1211); A Peregrina (cantos e romances nos camiños de Santiago); Cantiga (Trobadores de Galicia e Portugal, s. XIII-XIV); Floralba (cantos e romances de Galicia); e Chacona, a canción de Santiago.
FERNANDO REYES
Inicia os seus estudos como neno cantor na Escolanía da Catedral de Santiago de Compostela. Especialízase nos instrumentos antigos de corda pulsada no Conservatorio de Toulouse e na Staatliche Hochschule für Musik de Trossingen (Alemaña) con Rolf Lislevand. Como instrumentista, realiza unha intensa actividade de concertos e gravacións como solista e acompañante por toda Europa. Ademais, compuxo e dirixiu a música de diversas obras teatrais, publicou diversos artigos sobre música antiga e varias guías musicais e libros-CD. Ten impartido numerosos seminarios e conferencias en diferentes universidades e centros de ensino europeos. Realiza unha grande investigación sobre a orixe da chacona, que se plasma en 2022 no proxecto Chacona, a canción de Santiago, con numerosos concertos, unha gravación discográfica e unha grande exposición no Museo das Peregrinacións e de Santiago, da que é comisario. Grava, como solista, Viaxe a Compostela, con músicas sobre diarios de peregrinos, e con Mercedes Hernández grava Tonos de Amor, dedicado ás cancións para voz e guitarra do autor barroco José Marín.
MERCEDES HERNÁNDEZ soprano
Nace en Santiago de Compostela, onde canta dende nena en diversos coros. Estuda canto, especializándose en música antiga, no Conservatorio de Toulouse (Francia), na Musikhochschule de Trossingen (Alemaña) e na Schola Cantorum Basiliensis (Basilea, Suíza) con profesores como Guillemette Laurens, Richard Levitt, Montserrat Figueras, Nicolau de Figueiredo e René Jacobs. Colabora en concertos e gravacións con importantes grupos como La Capella Reial de Catalunya (Jordi Savall), Le Parlement de Musique (Martin Gester), Ensemble Elyma (Gabriel Garrido), The Harp Consort (Andrew Lawrence King), La Fenice (Jean Tubery), etc., tendo actuado en moitos dos principais auditorios e festivais de Europa e América. Funda o grupo de música antiga Resonet co laudista Fernando Reyes en Santiago de Compostela, realizando numerosas gravacións centradas nas músicas antigas do Camiño de Santiago e de Galicia. Tamén con Fernando Reyes grava Tonos de Amor, dedicado ás cancións para voz e guitarra de José Marín.
