# musette #
# frauta de pico #

LE GRAND BALLET *
danzas francesas na España barroca

ARS ATLÁNTICA
NADIA VÁZQUEZ  musette
ANNA MARGULES  frautas de pico
CALIA ÁLVAREZ  viola da gamba
MANUEL VILAS  arpa de dúas ordes / dirección

José de Torres / Jean Baptiste Lully / Antonio Martin y Coll / Joseph Bodin de Boismortier / Jacques Martin Hotteterre / anónimos

Teatro Principal
Santiago de Compostela
venres 10 outubro 2025
20.00 

* concerto programado en colaboración coa Quincena Musical de San Sebastián

O programa “Le Grand Ballet”, un dos que o Ateneo Barroco 2025 presenta en primicia e en colaboración coa Quincena Musical de San Sebastián, visibiliza un aspecto pouco coñecido da música hispana do Barroco. Ben coñecida é a influencia que a música italiana tivo no Barroco francés, tamén no español, con todo, pouco se fala da influencia francesa no Barroco ibérico na que bastante tiveron que ver os gustos importados das esposas dos monarcas da época. A influencia francesa resulta especialmente patente na música instrumental e na danza. Ars Atlántica e Manuel Vilas recompilan en “Le Grand Ballet” danzas procedentes de diversas fontes manuscritas editadas na España do XVII e do XVIII, na que, sen dúbida, gozou de bastante fama o gran Jean Baptiste Lully, ao tempo que descubrimos a versatilidade de personaxes transcendentais do Barroco hispano como José de Torres ou Antonio Martín y Coll. Un dos firmes obxectivos do Festival Ateneo Barroco, que vén mostrando dende a súa primeira edición, é a súa vocación de plataforma de mostra, de intercambio e de diálogo dos artistas e intérpretes galegos, recoñecidos especialistas que teñen centrado os seus esforzos formativos e a súa traxectoria profesional e investigadora na música antiga, con prestixiosos músicos e artistas nacionais, chegados de diferentes comunidades, e internacionais; fórmula que dende a creación do festival vén dando excelentes froitos e deixando unha imborrable pegada a colaboración / residencia de Ars Atlántica, conxunto que lidera o incansable investigador, sensible artista e magnífico arpista compostelán Manuel Vilas, un solista de primeiro nivel, especialista en acompañamento de grandes voces, colaborador habitual cos máis prestixiosos conxuntos de música antiga, docente e investigador que traballa dende hai máis de dúas décadas no máis ambicioso e frutífero proxecto de recuperación e gravación relacionado cos tons e toadas do Barroco español. Ars Atlántica contará en “Le Grand Ballet” cun variado mostrario de instrumentos, entre os que cómpre salientar dous instrumentos que foron enormemente populares na Francia barroca: a frauta de pico e a musette, este último un instrumento que arrasou en popularidade no XVII en Francia pero que hoxe é todo un descoñecido. Protagonistas especiais, dúas mulleres: a experimentada, sensible e emprendedora Anna Margules, co seu amplo catálogo de frautas, e a galega Nadia Vázquez, nova pero xa internacionalmente recoñecida especialista neste instrumento, que, a pesar dun longo período de esquecemento, non resultará alleo aos ouvidos do público galego, a musette.

Anónimo catalán (s. XVIII)
Suite en do maior
_Aria – Menuet – Marcha – Aria – Aire – Gavota – Aria

Joseph Bodin de Boismortier (1689-1755)
Divertissemens de campagne
_Prelude – Marche – Rondeau – Menuet I/II – Chaconne – Paisane – Tamborin I/II – Rigaudon I/II – Menuet

Anónimo. Libro de Francisco de Tejada (1721)
sete Minués
_En cadenas amorosas – Triunfe el amor
_La noche tenebrosa – Dexa las flechas
_Libre arroyuelo – Triste memoria – Risueña fuentecilla

Musette e Menuet (Jacques Martin Hotteterre, 1674-1763)
Minuet do diaño (Anónimo español, s. XVII-XVIII)
Les Manches Verds (José de Torres, c.1670-1738)

Anónimo francés / José de Torres (c.1670-1738)
Suite de sétimo ton
_Gavotte – Branle gay – Branle – Branle – Courante – Sarabande – Bouree – Menuet – Menuet – Menuet 

Antonio Martin y Coll (s. XVIII)
Pezas de Jean Baptiste Lully
_Minué francés (da ópera Perseo)
_Canción real francesa (do Ballet de l’impatience)
_Minué (da ópera Isis)
_Chacona (da ópera Armida)
_Canarios (do ballet O templo da paz e da ópera Armida)

 

DANZAS FRANCESAS NA ESPAÑA BARROCA
O programa “Le Grand Ballet” visibiliza un aspecto pouco coñecido da música hispana do barroco. Se ben podemos dicir que na España desta época existe un estilo musical autóctono, xa dende mediados do XVII empeza a notar unha progresiva influencia da música italiana, aínda que con moitos matices. Con todo, pouco se fala da influencia francesa, que podemos dicir que se inicia grazas aos gustos das dúas esposas estranxeiras do último dos Austrias, Carlos II, e que chega a cotas máis altas coa presenza da dinastía dos Borbóns en España, inaugurada con Felipe V. Se a influencia italiana en España se manifesta, sobre todo, a través da música vocal, a influencia francesa percibirémola, pola contra, a través da música instrumental e da danza. “Le Grand Ballet” céntrase nesta vertente afrancesada da música do barroco español e consta de danzas procedentes de diversas fontes manuscritas e editadas na España daquela época, salientando a presenza do compositor Jean Baptiste Lully, un autor que, a xulgar polo número de fontes españolas dos séculos XVII e XVIII que transmiten as súas obras, debeu ser bastante popular nestas terras. Para recrear este universo musical, Ars Atlántica contará nesta ocasión cun variado cadro de instrumentos. Por unha banda, dous instrumentos que foron enormemente populares na Francia barroca, a frauta de pico e a musette, este último, un instrumento que arrasou en popularidade na Francia do XVII pero que, actualmente, é todo un descoñecido (baste dicir que hai máis repertorio francés para musette que para viola da gamba ou clave); recrear este universo afrancesado con este instrumento suporá unha agradable sorpresa para o público actual; á parte destas obras hispano-francesas, tamén quixemos presentar uns marabillosos divertimentos de Joseph Bodin de Boismoitier, orixinais para musette e continuo, para demostrar as posibilidades deste peculiar instrumento. Por outra banda, como instrumentos de acompañamento, contaremos cun instrumento popular tanto en España como en Francia, a viola da gamba, e non podía faltar a netamente hispana arpa de dúas ordes, excepcional instrumento que o mesmo Lully empregou moi puntualmente nalgunha das súas obras.

Manuel Vilas

NADIA VÁZQUEZ  musette
Nadia Vázquez comezou os seus estudos de gaita en 2006 no Conservatorio Elemental de Música da Guarda (Pontevedra). En 2015 foi galardoada co Premio Extraordinario de Fin de Grao na especialidade de Gaita e, ese mesmo ano, comezou os seus estudos de licenciatura na especialidade de Instrumentos de música tradicional e popular de Galicia no Conservatorio Superior de Música de Vigo con Rebeca Carrera. O terceiro curso realizouno como estudante Erasmus na LUCA School of Arts, Campus Lemmens (Bélxica), onde aprendeu a tocar a Musette Barroca co doutor Jean-Pierre Van Hees, un dos maiores especialistas do mundo neste instrumento. En 2019, seguindo este novo camiño centrado na música barroca, comeza a súa especialización en Musette Barroca na LUCA School of Arts, onde remata en 2021. En 2020 foi convidada por La Chapelle Harmonique a participar na gravación da ópera Les Paladins de Jean-Philippe Rameau e, recentemente, gañou o premio Tremplin, convocado por Harmonia Sacra (2022-2023). Complementa a súa formación académica asistindo regularmente a cursos e talleres impartidos por gaiteiros e musettistas de renome como Daniel Bellón, Pablo Devigo, Xurxo Fernández, Jean-Pierre Van Hees e Pieterjan Van Kerckhoven, entre outros. Como gaiteira, actúa habitualmente en diferentes festivais europeos (Francia, Croacia, Bélxica) e, nos últimos anos, ten participado en varios concursos para gaita solista, como o Concurso de Gaita e Tamboril de Tui, onde obtivo o 2º premio (2015) e o 3º premio (2019); o Concours de Cornemuse Solo, Le Son Continu (Francia), 1º premio (2018); ou o XVII Concurso de Música Tradicional Xacarandaina, 1º premio (2016).

ANNA MARGULES  frautas de pico
Anna Margules pertence á primeira xeración nada en México (1965) dunha familia de transhumantes. Aí medra e fórmase. Estuda frauta de pico con Horacio Franco e Letras Modernas Francesas, ambas as dúas na Universidade Nacional Autónoma de México. Quizais por unha especie de inercia xenética, ao mellor por tratar de buscar as súas raíces, ou simplemente por avidez de coñecemento, decide seguir coa saga e trasládase, á súa vez, a Europa. Primeiro vive en Ámsterdam, onde recibe educación frautística por parte de Walter van Hauwe no Sweelinck Conservatorium. Despois viaxa a Francia, Italia e España para seguir as clases sobre música do Trecento italiano impartidas por Pedro Memelsdorff. Finalmente obtén o grao de Mestría en Interpretación Artística, especialidade en Frauta de pico, na Escola Superior de Música, Artes e Espectáculo do Porto. En 1995 namórase de Madrid. Nesta ocasión, consciente de ser a primeira da súa familia que está noutro sitio por vontade propia e non obrigada polos infortunios da historia, decide quedar. Anna Margules logra este percorrido grazas aos diferentes apoios recibidos ao longo da súa carreira como músico: bolsas do Nuffic (1991-1993), UNAM (1993-1995) e Fondo Nacional para a Cultura e as Artes de México (1995/2004).
Dende sempre, o seu interese polos diversos modos de expresión artística contemporáneos levouna a colaborar continuamente con diferentes compositores, realizando numerosas estreas. Por outra banda, ten desempeñado unha intensa actividade dentro da Música Antiga, difundindo o repertorio dos séculos XIV e XVI. Foi membro de diversos conxuntos de cámara: Plural Ensemble (século XX), Los Músicos del Buen Retiro (séculos XVII-XVIII), Sforzinda (s. XVI) e, especialmente, Trio Subtilior (s. XIV), Intratempo (trío de frautas de pico) e La Recisunda (séculos XVII-XX), participando en salientables ciclos de concertos e festivais en México, Estados Unidos e Europa. Ten gravado múltiples programas para radio en México (Opus 94), Suecia e España (“Producciones Propias” de Radio Clásica, Radio Nacional de España) e os compactos En Seumeillant, Machaut, Cançoner del duc de Calabria, Orlando di Lasso: Il primo libro de motteti (selos Ars Harmonica e La Má de Guido), ¿De que lado…? (Verso). Anna Margules combina a súa actividade concertística coa docencia e, así, ten impartido cursos especializados tanto en México e Cuba como en Suecia, Alemaña e España. Actualmente, ensina no Conservatorio Superior de Música de Aragón e na Universidade Autónoma de Madrid.

CALIA ÁLVAREZ  viola da gamba
Naceu na Habana, onde cursou os seus estudos de violoncello no Conservatorio Amadeo Roldán. Formou parte da Orquesta Sinfónica Nacional de Cuba e da Orquesta Sinfónica del Gran Teatro de La Habana.  Comeza a estudar viola da gamba en 1999 e ese mesmo ano intégrase no Conxunto de Música Antiga Ars Longa da Habana, co que traballou baixo a dirección de Josep Cabré, Gabriel Garrido e Shalev Ad-el. En 2002 trasladouse a España, cursando estudos de viola da gamba con Ventura Rico no Conservatorio Superior Manuel Castillo de Sevilla. Tamén recibiu clases de violagambistas como Jordi Savall, Wieland Kuijken, Vittorio Ghielmi, Itziar Atutxa, Mercedes Ruiz e Fahmi Alqhai. Colabora como violagambista ou violoncellista, indistintamente, en orquestras e ensembles como a Orquesta Barroca de Sevilla, Orquesta de Cámara de Ceuta, Folengo, Il Parlamento, La Galanía, La Ritirata, Camerata Iberia, Ars Atlántica e a Compañía Nacional de Teatro Clásico, e con solistas e directores do talle de Juan Carlos de Mulder, Olalla Alemán, María Espada, Raquel Andueza, José Hernández Pastor, Gerard Talbot Lambert Climent ou Andrés Cea. Participou coa Orquesta Joven de Andalucía, tamén como solista, na estrea no Teatro Maestranza de Sevilla da suite El viaje a Simorgh de José Mª Sánchez-Verdú. No mundo do teatro, actuou como violagambista xunto á Compañía Nacional de Teatro Clásico, Nao d’Amores e Claroscuro. Dende 2011 imparte os cursos anuais de viola da gamba na Muestra de Música Antigua Castillo de Aracena. Cómpre salientar o seu labor cos grupos Artilugium e Musica Liberata –grupo especializado na interpretación do Barroco Latinoamericano–, dos que é fundadora e directora. Dende 2017 é catedrática de viola da gamba no Conservatorio Superior de Música de Castela e León.

 MANUEL VILAS  arpa de dúas ordes
Inicia os seus estudos musicais na súa cidade natal, Santiago de Compostela. Estuda arpas antigas dos séculos XII ao XVIII, en Madrid con Nuria Llopis e en Milán con Mara Galassi. Ten colaborado con numerosos conxuntos como Les Musiciens du Louvre, Al Ayre Español, Capilla Jerónimo de Carrión, Musica Ficta, Capela de Ministrers, Música Temprana, Ensemble Elyma, Camerata Iberia, La Danserye, La Hispanoflamenca, La Galanía, Ars Longa, Private Musick, Vandalia, Orquesta Barroca de Sevilla, Coro Nacional de España, Ensemble La Chimera, Armonía del Parnás, Ludovice Ensemble, Forma Antiqua, Los Músicos de su Alteza, La Grande Chapelle, etc., nos máis importantes festivais de España, Alemaña, Hungría, Luxemburgo, Cuba, Estados Unidos, Ecuador, República Checa, Paraguai, Austria, Portugal, Suíza, Uruguai, Francia, Italia, Bolivia, Bélxica, Arxentina, Chile, Holanda, etc. Ofrece concertos como solista con programas centrados na música barroca española, americana e italiana, e imparte habitualmente conferencias e cursos. Ten colaborado, como acompañante e solista, en máis de 100 discos con diferentes conxuntos e discográficas. Ten participado en producións operísticas en París, Viena, Madrid, Xenebra, México, Berlín, Múnic, Bilbao, Vigo e San Sebastián e foi o primeiro arpista en ofrecer un curso de arpa barroca española en Estados Unidos e en Cuba. Dende hai anos está centrado nun ambicioso proxecto de recuperación de pezas vocais do barroco español interpretadas exclusivamente co acompañamento da arpa de dúas ordes, tal e como se facía na época, que xa deu como froito varios discos compactos publicados en diversas discográficas (Naxos, Enchiriadis, Arsis e La Má de Guido). É director artístico do proxecto de gravación dos 100 tons do Manuscrito Guerra (século XVII), manuscrito que investiga dende hai máis de vinte anos e cuxa gravación integral publicou na discográfica Naxos en 6 discos compactos. Foi convidado para ofrecer clases maxistrais sobre arpas antigas no Festival de Flanders (Gante), Quito, Bogotá, Santiago de Chile, A Haia, etc. Tamén foi asesor no proxecto patrocinado pola Generalitat Valenciana de recuperación dos instrumentos dos frescos da Catedral de Valencia.
En 2007 funda o grupo Ars Atlántica, que se presenta no festival Via Stellae (Santiago de Compostela) coa estrea en tempos modernos das cantatas procedentes do palacio que a familia Contarini posuía preto de Venecia. A gravación destas cantatas, xunto á mezzo Marta Infante, foi galardoada en Holanda co premio Prelude Classical Music como uns dos mellores discos de música antiga de 2010. Así mesmo, é pioneiro no estudo de certo tipo de arpas hoxe totalmente esquecidas, como a arpa xesuítica chiquitana (Bolivia, s. XVIII), a arpa dobre que circulaba pola coroa de Aragón no século XIV e a arpa virreinal peruana. Unha das súas especialidades é ofrecer recitais con cantantes, tendo acompañado a Marta Infante, Guillemette Laurens, Raquel Andueza, Isabel Monar, Juan Sancho, Roberta Invernizzi, Mercedes Hernández, Jose Antonio López, Isabel Álvarez, Francisco Fernández Rueda, María Jonas, Lidia Vinyes, Yetzabel Arias, Monica Piccinini, Felix Rienth, etc. Foi convidado a representar a España no VI Festival Mundial de Arpa en Asunción (Paraguai), sendo o primeiro arpista en ofrecer un recital de arpa de dúas ordes neste país. Recentemente, presentou en New York e Montevideo o seu novo proxecto en base á recuperación da arpa de Huachacalla (Virreinato do Perú), un tipo de arpa dos séculos XVII-XVIII presentada en total primicia. En 2020 saíu ao mercado un disco do selo holandés Etcétera, xunto á cantante Paloma Gutiérrez del Arroyo, dedicado ao trobador Bernart de Ventadorn, utilizando unha copia dunha arpa medieval do século XIII.
Foi profesor de arpa medieval e renacentista nos cursos de música medieval de Morella (Castellón). Ademais, é profesor colaborador na Escuela de Música Medieval y de Tradición Oral de Madrid e profesor de arpa medieval no CIMM (Centro Internacional de Música Medieval de La Valldigna, Valencia). En 2018 recibiu o premio GEMA (Asociación de Grupos de Música Antigua Españoles) á mellor investigación polo seu labor na recuperación do Manuscrito Guerra. Entre os seus proxectos atópase a recuperación de cantos extraídos de manuais de exorcistas dos séculos XVII e XVIII e a relación do canto e a arpa contra a posesión diabólica. Este programa, realizado xunto á cantante Pascal Caumont, foi recentemente presentado nos Festivais Internacionais de Música de Daroca e Estella. En 2021 presentou na discográfica francesa Paraty o seu novo compacto como solista, un monográfico dedicado ao arpista español do século XVII Diego Fernández de Huete. O seu último traballo versa sobre o mundo poético e musical dos conquistadores do Perú e está xa ultimando os detalles da seguinte produción discográfica, Yaya kuntur, sobre a relación do canto gregoriano e do canto sacro en quechua no Perú dos séculos XVI ao XIX. Un dos seus proxectos máis queridos é a creación dun taller pedagóxico para estudantes de música antiga dedicado exclusivamente aos tons humanos, tanto para cantantes como para continuistas. Este proxecto realizouse no II Curso de Música Antiga en Agolada (Pontevedra) e na Escuela Superior de Canto de Madrid. No seu afán investigador respecto ao mundo dos tons humanos, recentemente presentou o proxecto O Retorno das Musas, dedicado ás actrices-músicas teatrais do século XVII, xunto á célebre cantante e instrumentista do mundo da música tradicional Vanesa Muela, dando así novas perspectivas ao xénero. Posúe o seu propio canal de youtube, onde se pode ver e escoitar parte do seu proxecto audiovisual que amosa diversas arpas antigas en diferentes localizacións de Santiago de Compostela (ArpaManuelVilas).

ARS ATLÁNTICA
Creado en 2007 polo arpista Manuel Vilas, o ensemble Ars Atlántica dedícase á investigación e interpretación de repertorio dos séculos XII ao XVIII de ámbito latino (portugués, español, italiano e hispanoamericano), centrándose sobre todo en obras barrocas para voz soa e continuo e instrumentos melódicos e continuo. Ten actuado no Real Coliseo de Carlos III (El Escorial), Museo do Teatro de Almagro, Festival Bijloke (Gante), Festival Música-Músika (Bilbao), Festival de órgano de Cascante (Navarra), Festival de Arte Sacro de Madrid, Festival de Música Española de Cádiz, Festival de Música Antigua de Xixón, Festival de Arte Sacro (Quito), Festival Via Stellae e Festival Ateneo Barroco (Santiago de Compostela), Festival de los Pirineos, Quincena Musical Donostiarra, Festival de Vélez-Blanco, Festival Internacional de Santander, Semana de Música Antigua de Álava, Semana de Música do Corpus (Lugo), etc. O primeiro disco de Ars Atlántica consistiu na primeira gravación mundial das cantatas venecianas procedentes do palacio Contarini en Piazzola Sul Brenta (Padova), interpretadas xunto á mezzosoprano Marta Infante, rexistro sonoro que recibiu excelentes críticas, así como o galardón Prelude Award Music (Holanda) como un dos mellores discos de música antiga de 2010.
Ars Atlántica e o seu director Manuel Vilas levan adiante o proxecto de gravación dos 100 tons humanos procedentes do chamado Manuscrito Guerra (século XVII), que contén pezas vocais do barroco español para unha voz e continuo. O proxecto consta da gravación da totalidade das pezas deste manuscrito en seis discos compactos para a discográfica inglesa Naxos e recibiu excelentes críticas e varios premios: disco excepcional da revista Ritmo (2011), disco do mes da Musicweb internacional (2012), disco do mes revista Ritmo (2022) e premio de GEMA (Asociación de Grupos Españoles de Música Antigua) á mellor investigación e ao mellor proxecto discográfico. Entre os proxectos de Ars Atlántica salientan o espectáculo La palabra oculta, xunto á actriz Mónica de Nut, dedicado a músicas e textos de monxas de clausura do barroco español e americano; Rinaldo at home, a célebre ópera de Haendel na súa versión reducida de 1711; Vivir la vida airada, recreación dun sarao español do século XVII; Baladas do Gran Canal, dedicado a cancións de gondoleiros do século XVIII; e monográficos dedicados a Juan del Encina, Barbara Strozzzi, etc. Un dos seus proxectos máis peculiares é o titulado Monte/Verdi, xunto á soprano Roberta Invernizzi, centrado en arias de ópera en versións reducidas dende Claudio Monteverdi até Giuseppe Verdi. Ars Atlántica realizou varios proxectos dedicados aos tons humanos polifónicos xunto ao conxunto vocal Vandalia; un deles, dedicado ao Cancionero de la Sablonara recibiu a bolsa Leonardo da Fundación BBVA. Outro dos seus proxectos ten como obxectivo dar unha nova visión de certos aspectos da música do Perú, sempre traballando dende as fontes orixinais e dando un importante papel á música tradicional, cuxo primeiro resultado é o disco Castilla del Oro centrado na música dos conquistadores de Perú; un segundo disco, co título de Yaya Kuntur (Padre Cóndor) estará centrado no himno en latín e en quechua dos séculos XVI ao XIX. Recentemente realizou un recital coa cantante e multinstrumentista Vanesa Muela, procedente do mundo da música tradicional de Castela e León, para dar unha nova e, á vez, moi documentada visión do mundo dos tons humanos do barroco español.