QUATUORS
A escena de Rameau en cuarteto
LA REVERENCIA
ANDRÉS ALBERTO GÓMEZ dirección
Igrexa da Universidade
Santiago de Compostela
martes 10 outubro 2023
20.00
Andrés Alberto Gómez e o seu conxunto La Reverencia levan anos realizando un monumental proxecto dirixido especificamente á obra de Jean-Philippe Rameau, un inxente traballo que comezou coa gravación das Pezas de clavecín en concerto, disco que recibiu numerosos premios da crítica, inclúe a primeira tradución ao español dun valiosísimo texto de referencia sobre o compositor e cuxo último froito é Quatuors (Cuartetos), programa aínda inédito e que se estrea no Festival Ateneo Barroco 2023. Quatuors inclúe un material único, xa que é a primeira vez que se adapta a música operística de Rameau para a formación de cuarteto. Xa o xenial compositor francés afirmaba “o cuarteto é o que reina” no prólogo das súas Pezas de clavecín en concerto, e poucos exemplos podemos atopar máis ilustrativos da importancia do intérprete na recreación de novas visións no mundo da música antiga e barroca que estes cinco cuartetos conformados por momentos moi escollidos de entre doce das óperas de Rameau e que nos brindan a oportunidade de achegarnos ao seu singular espírito escénico e teatral a través da música de cámara.
LA REVERENCIA
Dende a súa creación, La Reverencia vén traballando no eido da interpretación musical con criterios históricos. Os seus compoñentes son profesionais que contan cunha dilatada carreira artística de traxectoria internacional. As súas actuacións son aplaudidas unanimemente por crítica e público, estando presentes en importantes ciclos e festivais como o Festival Internacional de Santander, FEMÀS de Sevilla, Arte Sacro de Madrid, Festival Pórtico do Paraíso, Festival de Daroca, Festival de Música Antiga de Xixón ou Festival de Música Antiga de Cagliari. Nos últimos anos La Reverencia vén dedicando unha atención especial á música francesa con programas centrados en Jean-Philippe Rameau. En 2013 gravaron De Occulta Philosophia, película-documental dirixida por Daniel Villamediana que foi seleccionada en numerosos festivais internacionais entre os que cómpre salientar Bos Aires (BAFICI 2013), Marsella (FID Marseille 2013) e Sevilla (SEFF 2013). A súa discografía ten sido acollida sempre con numerosas louvanzas e en 2011 crearon o seu propio selo discográfico, Vanitas, a través do cal presentan os seus proxectos.
ANDRÉS ALBERTO GÓMEZ
Tras os inicios musicais en Albacete con Arturo Moya e Jesús Mª. Díaz Valenciano, iníciase no clave cos profesores do Conservatorio Italiano de París Salvo Romeo e Patricio Pizarro, ampliando a súa formación con músicos como Jan Willen Jansen, Tony Millán, Yves Rechsteiner ou Huguette Dreyfuss. Rematou os seus estudos de clave e música antiga no Real Conservatorio da Haia (Holanda) como alumno de Jacques Ogg e na Escola Superior de Música de Cataluña ESMUC como alumno de Béatrice Martin, obtendo matrícula de honra e felicitación do xurado. En 2002 foi finalista do concurso de Xuventudes Musicais. Realizou gravacións para a Radio Holandesa, a Radiotelevisión Eslovena, WDR 3, Radio Cataluña, a Radiotelevisión Polaca e os selos Arsis, Passacaille, Dynamic, Tañidos e Vanitas. É fundador e director do ensemble La Reverencia. Actuou como solista e continuísta en España, Italia, Francia, Bélxica, Suíza, Holanda, Noruega, Grecia, Alemaña, Eslovenia, Polonia e Lituania, e xunto a conxuntos como Les Arts Florissants, Canto Coronato, La Guirlande, Armonía del Parnàs, Orquestra Barroca do Conservatorio da Haia ou a Orquestra Sinfónica de Oviedo, sendo dirixido por músicos como William Christie, Paul Dombrecht, Paul McCreesh, Roy Goodman, Richard Egarr ou Ton Koopman. É colaborador habitual dos grupos Tasto Solo, La Fura dels Baus e Divina Mysteria. En 2013 gravou, xunto con La Reverencia, De Occulta Philosophia, película-documental que xira arredor da música barroca e que foi seleccionada en numerosos festivais, entre os que cómpre salientar Bos Aires (BAFICI 2013), Marsella (FID Marseille 2013) e Sevilla (SEFF 2013). A súa discografía ten recibido as mellores críticas por parte da prensa especializada e en 2011 creou xunto a La Reverencia o seu propio selo discográfico, Vanitas, a través do cal presenta os seus proxectos. As súas gravacións son distribuídas internacionalmente por New Arts International e están presentes en toda Europa, América e Xapón. Entre a súa discografía cómpre salientar as Variacións Goldberg de Bach, que recibiron recoñecementos como 5 Muses (Muse Baroque), Disco Excepcional (Scherzo), 5 Diapasones (Diapason) e é a primeira versión das Variacións Goldberg gravada por un clavecinista español.
PROGRAMA
JEAN-PHILIPPE RAMEAU (1683-1764)
PREMIER QUARTET
Ritournelle
Air pour les Bergères
Ritournelle
Sarabande
Chacone
SECOND QUARTET
Prelude
Menuet
Tambourin
La Chasse
Entrée de Polymnie
Gavotte
Air Gai en rondeau
TROISIÈME QUARTET
Ritournelle
Menuet
Viens Hymen
Air Gai
Symphonie
Air tender
Gavottes
QUATRIÈME QUARTET
Quatour
Air Majestueux
Air des Musettes
Tambourin
CINQUIÈME QUARTET
Ouverture
Sarabande
Sous les drapeaux de Mars
Gavotte
Chaconne
LA REVERENCIA
PAVEL AMILCAR violín
JOSÉ FERNÁNDEZ VERA frauta travesa
SARA RUIZ viola da gamba
ANDRÉS ALBERTO GÓMEZ clave / dirección
O tema deste pequeno concerto é o dunha vida, unha vida indomable, amarga no seu trato coa humanidade pero lúcida no seu diálogo co inmarcescible. Unha vida que fabulou para si mesma, que espremeu o corpo ao que pertenceu e que se serviu da soidade como único alimento. Este pequeno concerto non é daquela un exercicio de extensión senón de concisión no que gravitaremos sobre os trazos escollidos dunha obra sublime. Comparto estas impresións dende a admiración que un mero clavecinista leva arrastrando tantos anos e que concluíu de xeito inevitable na elaboración destes cinco cuartetos. Esa vida é a de Jean-Philippe Rameau (1683-1764).
Baseándome nas súa óperas, decidín elaborar estes cuartetos para frauta travesa, violín, viola da gamba e clave. No proceso caín nunha fascinación por reelaborar a súa música inspirándome no procedemento das piéces de clavecin en concert. Escoitei todas as súas óperas e ballets, elixín e deseñei os movementos que usaría para construír cada cuarteto. Nuns casos tiven que reducir a parte orquestral orixinal de oito (incluso dez partes) a catro voces instrumentais; noutros escribín novas contrapartes e reelaborei aquelas que se tiñan perdido; utilicei tamén algunhas liñas vogais transformándoas nunha escritura instrumental. Experimentei unha gran alegría ao contemplar os piares dunha idea musical tan ben construída por Rameau e pensei que dalgunha maneira me estaba a converter no seu alumno, de feito Rameau creou unha escola de composición en 1737 que viu pasar a numerosos músicos atraídos pola natureza carismática do seu director. De entre a música que seleccionei estaban aquelas obras que Rameau xa tiña adaptado dunha peza de clavecín a unha peza de orquestra, propoñendo así unha terceira versión para cuarteto. Aprendín moito de todo aquel procedemento, atraeume tanto que adaptei moita máis música da que finalmente utilicei. Fíxeno todo de forma manuscrita, sen usar o ordenador, e decateime sorprendido que escribir trazos nunha partitura conseguía relaxarme. Acompañáronme nesta aventura José Fernández Vera (frauta travesa), Pavel Amilcar (violín) e Sara Ruiz (viola da gamba), a fin de contas os catro formámonos dende o comezo como grupo coa música de Rameau.
Das partes que incluín nos cuartetos podería salientar un pequeno momento (cinquième quartet) da ópera de Hyppolite no que Teseo di sobre o seu inseparable amigo Pirítoo: “Sous les drapeaux de Mars, unis par la valeur, je l’ai vu sur mes pas voler à la victoire” (Baixo a bandeira de Marte, unidos polo valor, vino sobre os meus pasos voando cara a vitoria); seméllame unha boa definición da amizade, sobre todo se se compón con ese uso do port de voix e disonancias como a cuarta e a novena. Outro momento é unha mínima symphonie (troisième quartet) de Zoroastre, oito compases escondidos que podería estar escoitando durante horas, ao igual que un pequeno ritournelle (premier quartet) que aparece no segundo acto de Le Temple de la Gloire; foi tanto o pracer de tocar eses compases que non puiden resistirme a escribir unha voz máis. Decateime que me cativan, sobre todo, os momentos máis pequenos, seccións de unión entre escenas, arias breves ou diminutas sinfonías e ritornelos instrumentais onde Rameau condensa unha esencia intimista que fulmina pola súa beleza.
A herdanza de Rameau ensínanos, aínda hoxe no século XXI, que sempre debemos cuestionar a tradición e buscar a verdade a través do noso desenvolvemento persoal, a partir da nosa dúbida, coa axuda da nosa experiencia e cun convencemento ben fortalecido que nos conduza ambaxes cara á autenticidade dos nosos pensamentos. Rameau simboliza para os músicos a convicción sobre un determinado principio artístico e a fidelidade a un mesmo.
Andrés A. Gómez