POETICALL MUSICKE
Tobias Hume e a viola da gamba nas illas británicas
CAPELA COMPOSTELANA
JULIETA VIÑAS voz e viola da gamba
FRANCISCO LUENGO violas da gamba baixo, tenor e soprano
XURXO VARELA violas da gamba baixo e tenor
Igrexa da Universidade
Santiago de Compostela
martes 11 outubro 2022
20.00
Unha longa traxectoria de máis de trinta anos de traballo na música antiga atesoura o conxunto Capela Compostelana baixo a dirección de Francisco Luengo, violagambista que nos achega á curiosa figura de Tobias Hume. Músico e militar, probablemente mercenario, que tería participado en campañas cos exércitos ruso e sueco, foi un dos intérpretes e compositores máis importantes xurdidos nas illas británicas no século XVII arredor da viola da gamba, instrumento cuxo valor como solista reivindicaba con entusiasmo fronte ao laúde. Tobias Hume deixou unha obra chea de poesía e bo humor, mesmo ampliando os recursos técnicos interpretativos do instrumento e poñendo ás súas coleccións de pezas para viola títulos como Poeticall Musicke ou Musical Humors, que dalgún xeito describían e suxerían programaticamente o carácter, o espírito poético e cheo de afectos da súa singular música.
CAPELA COMPOSTELANA
Formada coa intención de poñer «novamente en luz» a música dos séculos XVI, XVII e XVIII, as interpretacións de Capela Compostelana parten do uso das técnicas vocais e instrumentais propias de cadanseu período e estilo que abordan, camiño idóneo para comprender e gozar dunhas obras afastadas no tempo, á vez que, con humildade e respecto, tentan aprender da práctica daqueles músicos contemporáneos delas. Os integrantes de Capela Compostelana formáronse no eido da música antiga e ben o azar ou a necesidade os xuntou na fin do mundo, que é Compostela. Dende 1988 Capela Compostelana ten feito concertos por diferentes lugares de España, Europa e Estados Unidos, participando en prestixiosos ciclos dedicados á música antiga como o Festival de Vitoria, Festival Via Stellae, Semana de Música Antigua de Estella, Festival Internacional de Deia, Concerts de Música Barroca de Palma, Auditorio de Galicia, Metropolitan de New York, Festival de Musique Sacree de San Maló, etc. Capela Compostelana dedica unha parte importante do seu traballo á recuperación e difusión da música galega renacentista e barroca e, neste ámbito, ten editado os discos José de Vaquedano, Mestre de Capela da Catedral de Santiago (Edigal), Villancicos a Santiago (Fonti Musicali) e Eclesiástico Canto, con obras inéditas da Catedral de Santiago de Compostela. Actualmente preparan próximas gravacións con música española deste período. Capela Compostelana dedícase tamén á recuperación de antigas tradicións e liturxias relacionadas coa Catedral de Santiago, como as Vésperas Solemnes e Misa de Consagración nos actos relativos á celebración do oitavo Centenario da Catedral de Santiago. Capela Compostelana colabora asiduamente co Orfeón Terra a Nosa e a Capela Musical da Catedral de Santiago.
JULIETA VIÑAS voz e viola da gamba
Titulada superior en canto polo Conservatorio Superior de Música Manuel Castillo de Sevilla baixo a tutela de Rosa María de Alba e licenciada en Filoloxía Hispánica (Universidade de Valencia), cursou o Màster Universitari en Musicologia, Educació Musical i Interpretació de la Música Antiga (ESMUC – UAB) como alumna da soprano Marta Almajano e cun traballo de fin de máster baseado no estudo da obra de Barbara Strozzi. Con anterioridade, recibiu unha bolsa para estudar Canto Histórico na Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo (ESMAE) de Oporto coa profesora Magna Ferreira e recibiu clases de grandes mestres como Carlos Mena, Richard Levitt, Maria Cristina Kiehr, Vincent Dumestre, Stephan MacLeod, Marco Scavazza, Lambert Climent, Gabriel Garrido, Eduardo López Banzo, etc. É cofundadora, xunto con Paula Brieba, do grupo de música antiga Dolce Rima (especializado en música do Renacemento e do Barroco españois e do Seicento italiano), co que grava en 2013 o seu primeiro disco Al Alba venid, integrado por pezas renacentistas para voz e viola de man. Ten colaborado en gravacións de discos como Cantigas de Roma (2014), Cantigas de Alexandria (2015), Cantigas de Ultramar (2016) e Cantigas de Jerusalén (2017) de Afonso X o Sabio, dirixidos por Eduardo Paniagua, e Alonso Lobo: Sacred Vocal Music do Coro Victoria, Sacri Profanis de Delirivm Musica, Officium Defunctorum (Tomás Luis de Victoria) de Los Afectos Diversos. Traballa habitualmente con ensembles e agrupacións como Los Afectos Diversos, Delirivm Musica, Exordium Musicae, Vox Tremula e Capela Compostelana e é titular do Coro Victoria de Madrid e do Coro do Teatro Maestranza de Sevilla. Ten actuado como solista en grandes salas na interpretación de obras como o Requiem de Mozart, Stabat Mater de Pergolesi, Requiem de Durufé, Oratorie de Nöel de Saint Saens, Gloria de Vivaldi e ten interpretado os papeis de Filia no oratorio Jephte de Carissimi, Galatea na ópera Acis e Galatea de Haendel, Messaggiera e A Música na ópera L’Orfeo de Monteverdi e Luisa Fernanda na zarzuela homónima de Moreno Torroba. Participou en ciclos e festivais internacionais en España, Portugal, Italia, Francia, Alemaña e Colombia como o Festival de Música Sacra de Bogotá, Uffizi Live (Florencia), a presentación do ano Murillo en Berlín, o ciclo Música no Claustro (Braga), Euroclassical Online Festival, Festival Internacional de Arte Sacro da Comunidad de Madrid, Festival de Música Relixiosa de Getafe, Festival de Música Antiga de Úbeda e Baeza, Noites nos Xardíns do Real Alcázar de Sevilla, Festival Tres Culturas (Córdoba), Mostra de Música Antiga Castelo de Aracena, Mostra de Música Antiga de Olivares, Festival de Música Antiga de Peñíscola, Festival de Música Sacra de Requena, Festival Sagunt a Escena, Festival Bachelona, Ciclo de Música Antiga de L’Auditori de Barcelona, Festival de Música Antiga dels Pirineus, Festival de Música no Foro Romano e Ciclo Moncayo (Zaragoza), Festival de Música Antiga de Alarcos, Ciclo Músicas Históricas Cidade de León, Ciclo Salamanca Barroca, Festival Internacional de Santander, Semana de Música Antiga de Estella, Semana de Música Antiga de Álava, Festival de Música Antiga de Casalarreina, Xornadas do Románico na Rioja Alta, etc. Ten traballado en espectáculos multidisciplinares entre os que cómpre salientar as obras de teatro Caravaggio, la luz es la verdad de Luis Agius, representada no Museo Nacional Thyssen- Bornemisza, e Margaritas de Margarita. Mujer y Renacimiento de Raúl Madinabeitia e Jesús Arbués (Festival de Teatro de Olite 2019 e Palacio de Congresos de Jaca). Foi gañadora da Salvat Beca Bach 2016 outorgada pola Fundació Bach Zum Mitsingen e a Fundació Salvat (Barcelona) e finalista no Concurso Internacional de Música Antiga de Xixón 2015, recibindo en 2016, como cofundadora de Dolce Rima, o premio Grupo Joven 2015 na segunda edición dos Premios GEMA (Asociación de Grupos de Música Antiga).
XURXO VARELA violas da gamba baixo e tenor
Nado en 1971, o seu pai, Miguel Varela, guitarrista, foi o seu primeiro mestre, aprendéndolle os rudimentos principais da guitarra; a nai, María Manuela, cantora, foi quen lle ensinou a perder o medo ao público. Comezou a estudar viola da gamba en 1993 en Santiago co seu mestre Francisco Luengo e en 1995 principiou o estudo do canto con Miro Moreira, ao mesmo tempo que iniciaba a súa carreira profesional como intérprete de viola da gamba. Ten tocado en festivais e ciclos de concertos en Europa, Estados Unidos e Brasil e, actualmente, combina a actividade como concertista coa docencia, os arranxos musicais, a produción artística e a dirección artística e musical en diferentes proxectos. Como arranxador, colaborou coa orquestra italiana Pequeñas Huellas (cantiga Cantar de Berce de María Manuela) e co conxunto portugués Capella Duriensis (arranxo para coro da cantiga popular Romance de Don Gaiferos) e, como transcritor, fixo un traballo conxunto con Pablo Pérez para a curtametraxe Minotauromaquia de Juan Pablo Etcheverry e encargouse da posta en partitura das recollas que deron lugar ao libro de xogos infantís Chirlosmirlos de Antón Cortizas. Como director artístico, produtor e arranxista, participou nos discos Para Miguel (María Manuela), Polo Correo do Vento e Estiñada (Ledicia) e nos libro-discos O Meu Primeiro Celso Emilio e A Miña Primeira Rosalía (edicións Xerais); tamén traballou como director artístico en diferentes publicacións do selo Geaster-Diverdi. Toca a viola da gamba e ten gravado discos no eido da música antiga cos conxuntos Capela Compostelana, Ensemble Hotteterre, Ensemble la Chimera, La Galería del Clarooscuro, Banchetto Musicale e Bando de Surunyo. Así mesmo, ten participado en diferentes discos e actuacións coa cantora María Manuela, Najla Shamy, Paloma Suanzes, Pilocha, Barahunda, Cardo Roxo e Pablo Sanmamed. Toca a “vyola” no grupo medieval Malandança e, como cantor, ten colaborado con Malandança e o Orfeón Terra a Nosa. Foi profesor de música na Escola da Vaca, AVV de Caranza, Sottovoce e a Escola das Artes. Dende 2009 é profesor de viola da gamba e música da cámara no CMA da ESMAE (Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo) de Oporto, centro no que en 2016 obtivo o grao de mestrado en interpretación artística na especialidade de música antiga. Foi profesor nos cursos de música antiga organizados pola ESMAE e a ESML e foi convidado por diferentes escolas de música portuguesas, as universidades de São Paulo e Coimbra e a Escola de Música de Brasilia para impartir clases maxistrais e como profesor convidado.
FRANCISCO LUENGO violas da gamba baixo, tenor e soprano
Nado na Coruña, comezou a aprender a viola da gamba con José Vázquez en 1981, ingresando na Höchschule für Musik de Viena en 1988. Dirixe Capela Compostelana dende a súa creación, conxunto dedicado á recuperación e difusión da música barroca e renacentista, co que publicou José de Vaquedano (Edigal) e Villancicos a Santiago (Fonti Musicali), compactos centrados integramente na obra de José de Vaquedano, un dos principais compositores españois do século XVII que foi mestre de capela da Catedral de Santiago de Compostela. Dirixe Malandança, conxunto fundado en 2000 e que interpreta música medieval con instrumentos orixinais, froito do seu labor como investigador e construtor no campo da organoloxía medieval europea, e que ten publicado os discos Unha noite na corte do Rei Afonso (Clave Records, 2000) e Mya Senhor Velida (Brilliant Classics, 2019), gravación que foi nomeada aos prestixiosos premios ICMA 2019 na categoría de música antiga. En 2004 transcribiu, coordinou e dirixiu a estrea mundial de Ordo Prophetarum, drama litúrxico do século XII que comprende a imaxinería do Pórtico da Gloria e representado durante anos na noite do 30 de decembro na catedral de Santiago de Compostela. Colabora habitualmente con outros grupos dedicados á música antiga realizando gravacións, concertos e xiras por Europa, Asia, América e África. Xunto con Xurxo Varela publicou os compactos My Singular Entertainment, and Delight (Actus, 2009), con música inglesa do século XVII de Ch. Simpson, J. Jenkins e outros autores para dúo de violas da gamba, e Le Nymphe di Rheno (Actus, 2013), un compacto dobre coa integral das doce sonatas a dúo de Jean Schenck. Desenvolve un intenso traballo en cursos, conferencias, exposicións e publicacións (El Pórtico de la Gloria, Música, Arte y Pensamiento, publicado por Cuadernos de Música en Compostela; Los Instrumentos del Pórtico de la Gloria, Fundación Barrié de la Maza; Instruments à cordes du Moyen Age, CERIMM, Fondation Royaumont, Instrumentos de Corda Medievais, Deputación Provincial de Lugo, etc.). Foi un dos seis construtores escollidos para participar no proxecto da reconstrución dos instrumentos do Pórtico da Gloria, patrocinado pola Fundación Barrié de la Maza e levado a cabo entre 1989 e 1992, e formou parte do equipo de especialistas do Proxecto de reconstrución dos instrumentos do Pazo de Xelmírez, emprendido pola Deputación de Lugo (1993-94). Foi profesor de viola da gamba no curso Camino de Santiago. Cánticos, Cantigas e Cantos, organizado pola Universidade de Santiago (2000-2005), e nos Encontros Ibéricos de Viola da Gamba, organizados pola ESMAE de Oporto (2014 e 2015).
PROGRAMA
Henry VIII (1491-1547)
Helas Madame
Thomas Morley (1557-1602)
Good morrow, fair Ladies of the may
Arise, get up my dear
Lady, if I through grief
Farewell disdainful
O fly not, move
Thirsis, let pity move thee
Francis Pilkington (1565-1638)
Go from my window (instrumental)
Canción tradicional inglesa
Go from my window
Francis Pilkington (1565-1638)
Rest Sweet Nymphs
John Bennet (1570-1615)
Weep, o mine eyes
Thomas Tomkins (1572-1676)
Fantasia XVI
Alfonso Ferrabosco II (1575-1628)
Fly from the world
Thomas Ravenscroft (1582-1635†)
Remember, o thou man
Tobias Hume (c. 1569 – 1645)
Poeticall Musicke (1607)
What greater griefe
The Pashion of Musicke (instrumental)
Musicall Humors (1605)
Tobacco
Fain would I change that note
The Souldier’s song
Ao longo do século XVI a música instrumental foise espallando como unha necesidade dos instrumentistas para expresar a polifonía ou tocar música de danza, ben con adaptacións de obras vocais, ben con composicións propias. Tamén foi a avidez por facer variacións, de diminuír, como un xeito de non repetir o discurso xa exposto previamente, o que fixo que a música instrumental fose gañando terreo; tentaba facer o seu propio camiño imitando a voz mais, ao mesmo tempo, dando un carácter específico a cada clase de instrumento para así poder dicir a música nunha linguaxe que non sempre era accesible ao canto. Nada a viola da gamba no século XV no Levante español, irrompendo como instrumento melódico e espallándose por Italia, Francia e Inglaterra, os diferentes membros da súa familia foron servindo de apoio á polifonía renacentista, aínda que tamén gañando a independencia que precisaban para, xuntándose, interpretar a súa propia música. En Inglaterra, a mediados do século XVI chegou a viola da gamba revolucionando as diferentes familias de instrumentos de vento que xa tiñan chegado previamente ou que existían e irían mudando dende a Idade Media. De feito, foi toda unha revolución, en termos musicais, que aparecese un instrumento que non só permitía tocar música propia senón que cubría as diferentes tesituras da voz. O primeiro desembarco dende a península ibérica a través da alianza de Henrique VIII coa raíña Catarina aumentou a inmensa colección de instrumentos do rei. Porén, o que realmente supuxo unha grande mudanza foi a arribada ás illas británicas dun grupo de músicos italianos instruídos no instrumento. A partir de aí, os músicos ingleses, desexosos de estudar a viola da gamba, emprenderon unha viaxe a terras italianas para aprender a técnica do instrumento e coñecer de primeira man os diferentes recursos relacionados coa arte da improvisación polifónica e da glosa. Cando volveron a Inglaterra, a viola da gamba foi gañando sona, espallándose en proporcións xeométricas até que o instrumento se converteu nun dos protagonistas principais da polifonía instrumental no último cuarto do século XVI e até ben avanzado o século seguinte. Toda esta difusión favoreceu unha poderosa industria, tanto na construción de instrumentos como na edición de partituras para viola da gamba. Dentro desta tradición xorden intérpretes e compositores para viola da gamba e un dos máis importantes que houbo nas illas británicas no século XVII foi Tobias Hume. O Capitán Tobias Hume era, alén de músico, mercenario e, segundo parece, ten participado en diferentes campañas como oficial dos exércitos ruso e sueco. A súa obra, centrada practicamente na súa totalidade na viola da gamba, está chea de poesía e humor e até de certo carácter programático, poñendo ás súas coleccións de pezas para viola títulos como Poeticall Musicke ou Musical Humors, que dalgún xeito describían e suxerían o carácter, o espírito poético e cheo de afectos da súa singular música.