# concerto 1 # violín #
BACH, PARTITA, SONATA
o violín do gran mestre
LINA TUR BONET violín
Johann Sebastian Bach / Heinrich Ignaz Franz von Biber / Nicola Matteis
Igrexa da Universidade
Santiago de Compostela
martes 6 outubro 2026
20.00
Versátil, sensible e activa violinista de sobresaínte prestixio, Lina Tur Bonet regresa ao Festival Ateneo Barroco, nesta ocasión coa única compañía dos seus violíns e cun programa enfocado na obra para violín só dun dos grandes mestres do Barroco. O centro do programa de Lina Tur Bonet é unha selección das sonatas e partitas para violín de Johann Sebastian Bach, unha colección que sen dúbida é unha das obras máis importantes da literatura musical para violín só. Singulares, fermosas e conmovedoras, estas partitas e sonatas supoñen unha proba máis do incomparable talento e da mestría compositiva dun dos xenios máis grandes que ten dado a historia da música. As súas partitas para violín conteñen inesquecibles chaconas, sarabandas e outras danzas que nada teñen que envexar ás das súas suites orquestrais. Redondeando o programa, Lina Tur Bonet introduce composicións de dous virtuosos violinistas e compositores de variada inspiración, o “napolitano-londinense” Nicola Matteis e o “bohemio-salzburgués” Heinrich Ignaz Franz von Biber, os cales nos teñen legado o seu enxeño, a súa pericia interpretativa, a súa musicalidade e os amplísimos coñecementos técnicos do seu instrumento a través das súas admiradas partituras para violín.
Lina Tur Bonet é unha desas artistas cuxa fama traspasa fronteiras, desenvolvendo unha carreira como violinista e directora tan versátil como persoal. O seu amor pola música e a súa inesgotable curiosidade permítenlle interpretar e investigar un repertorio que abrangue máis de 400 anos de música, sempre con instrumentos orixinais e tendo estreado obras de violín só escritas para ela por José María Sánchez Verdú, Mauricio Sotelo ou Josep María Guix. Tras traballar dende moi nova xunto a moitos dos artistas máis recoñecidos da música barroca, romántica e contemporánea do momento e de dedicarse como solista á interpretación e gravación tanto dos grandes compositores como de músicas inéditas, Lina Tur Bonet converteuse nun referente, sendo reclamada como solista e para dirixir dende o seu violín orquestras de primeira orde nos máis prestixiosos escenarios e festivais de todo o mundo. Lina Tur Bonet é fundadora e directora da agrupación MUSIca ALcheMIca e, actualmente, é catedrática de violín e viola barrocos na Musikhochschule Franz Liszt de Weimar e concertino de Le Concert des Nations con Jordi Savall.
Nicola Matteis (c.1650-1714)
Passaggio rotto e Fantasia, de Ayres for the violin (Suite en la menor)
Johann Sebastian Bach (1685-1750)
Sonata para violín nº 2 en la menor BWV 1003
Grave
Fuga
Andante
Allegro
Heinrich Ignaz Franz von Biber (1644-1704)
Passacaglia, de Mysteriensonaten
Johann Sebastian Bach (1685-1750)
Partita para violín nº 2 en re menor BWV 1004
Allemande
Courante
Sarabande
Gigue
Chaconne
LINA TUR BONET violín
Considerada pola prensa internacional polo seu virtuosismo (“Fiery virtuoso”, The Strad; “True Devil Violinist», Bayerische Rundfunk; “Superbement joué, flamboyante Lina”, Diapason) combinado cunha excepcional musicalidade (”honest and heartfelt music-making”, Gramophone; ”the violinist of the soul», Sankei Shinbun), pola súa mestura de creatividade (“grande habileté à ornamenter, véritable feu d’artifice”, Classica), enerxía (“Lina shines”, San Diego Tribune) e rigor estilístico (“streng historisierenden Spielweise”, Rondo; “palette de coleurs étendue, une rhétorique finement construite”, Classica), Lina Tur Bonet desenvolve unha carreira versátil e persoal como violinista e directora.
Dende moi nova traballou en ensembles de primeiro nivel mundial baixo as batutas de Claudio Abbado, John Eliot Gardiner, Daniel Harding, Marc Minkowski, William Christie, Teodor Currentzis, Daniele Gatti, Nevile Marriner, Kent Nagano, Fabio Biondi, Ottavio Dantone, Reinhard Goebel, Richard Egarr ou Giuliano Carmignola e compartiu escenario en música de cámara con Christian Zacharias, Mennahem Pressler, Nicolau de Figueiredo, Enrico Onofri ou Alexis Kossenko, actuando en Sidney Opera, Lincoln Center, Bunkamura Hall, London Proms ou Berliner Philharmonie.
Lina Tur Bonet é concertino de Le Concert des Nations con Jordi Savall e liderou conxuntos como Il Complesso Barocco, Orquestra do Liceu de Barcelona, Concerto Köln, Hofkapelle Munich, Orchestre d’Auvergne, Orquestra Nacional de España e un longo etc. Ademais, dirixe habitualmente a Tafelmusik Toronto, Barokkanerne Oslo, Orchestre de Chambre de Toulouse, MUK Viena, Orquestra Barroca de Sevilla, Orquestra do Festival de Montreal, Jerusalem Baroque Orchestra, Camerata Villa Musica Mainz, Haydn Philharmonie Eisenstadt, Orquestra Cidade de Granada, Orquestra Sinfónica de Ibiza e Recreation Styriarte Graz.
Percorre como solista todo o mundo, presentándose en escenarios da categoría do Wigmore Hall, Concertgebouw Amsterdam, Philharmonie Sant Petersburg, Potsdamer Festival, Trigonale Klagenfurt, Bachfest Leipzig, Potsdamer Festspiele, Musashino Hall Tokyo, New York, Montreal Baroque, Musikverein e Konzerthaus de Viena, etc.
Os seus máis de 20 compactos como solista foron elixidos Best version pola BBC, Referencial para Gramophone, Mellor versión para Radio France Musique e Scherzo, Recomendados polas radios alemanas, obtendo varios Diapason d’Or, E de Scherzo, R de Ritmo e Melómano de Ouro, Choc de Classica, Joker de Crescendo, 5* Rondó, 10 Luister, e nominacións para os Opus Klassik e os ICMA. A súa gravación de Ravel foi Mellor CD do ano en Xapón.
Recupera música inédita, incluso de Vivaldi, Pisendel e Boccherini. José María Sánchez Verdú, Mauricio Sotelo e Josep María Guix escribiron para Lina Tur Bonet. Interpreta obras para violín e orquestra do Barroco e de Mozart, Beethoven, Mendelssohn, Brahms, Chausson, Ravel, Bartók, Piazzolla, etc.
Lina Tur Bonet é catedrática de violín e viola barrocos na MHS Franz Liszt de Weimar.
