CLUB DE LECTURA ATENEO BARROCO 2025

Na súa sexta edición, o Festival Ateneo Barroco achegaba unha nova actividade, o seu Club de Lectura. Festival de música con vocación de transversalidade dende diversas formas de manifestación das artes (cinematográfica, plástica, literaria, etc.) e de abordaxe do vasto e riquísimo mundo da música antiga e barroca dende unha nova perspectiva de achegamento cada ano, o festival creaba unha actividade directamente relacionada coa literatura. Na súa busca constante por ofrecer puntos de vista e de reflexión, de afondamento e descubrimento, das músicas antigas e barrocas, a das letras era unha materia pendente do festival. Animados pola resposta e acollida desa primeira convocatoria en 2024, polo interese espertado e polo enriquecedor da experiencia de compartir lectura e música, propoñemos a segunda edición deste Club de Lectura do Ateneo Barroco, que ten entre os seus obxectivos, ao tempo que amplifica a multidisciplinaridade do festival e fomenta a lectura, a creación dun espazo de intercambio de ideas e diálogo entre o público do mesmo.

Para gozar dese momento de introspección, inspiración, goce esencial e auténtico que nos ofrece a lectura e no marco dunha edición 2025 que titulamos “Instrumental” e na que en cada concerto un ou dous instrumentos adquiren unha presenza especial, no Club de Lectura será un dos instrumentos máis representativos e con máis protagonismo na música do Barroco, o violín, o que estimula a selección das novelas de dúas escritoras que en diferentes estilos teñen en común ter atopado no violín e nunha violinista a fonte de inspiración, tamén de documentación e investigación, para a súas últimas obras.

En El violín de Lev (una aventura italiana) (Acantilado, 2023), Helena Attlee narra a súa viaxe tras a historia do violín de Lev, un instrumento que leva o nome do seu antigo propietario ruso e cuxo son fascinou á autora dende a primeira vez que o escoitou. Buscando a orixe e os segredos deste violín, Helena Attlee cubre a primeira etapa da súa investigación e dunha longa viaxe que a levará a destinos inesperados en Cremona, o berce dos mellores violíns da historia. Aplaudida autora de catro libros sobres xardíns italianos e sobre a historia cultural dos xardíns do mundo, Helena Attlee, transitando entre o ensaio, a novela e a literatura de viaxe, anima ao lector a afondar na cultura italiana dende a música pero tamén dende a perspectiva das profesións relacionadas con esta e en clave histórica.

Xornalista de investigación, documentalista e escritora londiniense, Harriet Constable narra na súa primeira novela, La violinista (Planeta, 2024), a historia de Anna Maria della Pietà, abandonada pola súa nai no veneciano orfanato da Pietà, o Ospedalle della Pietà. Amplamente coñecido na época polas súas novas mulleres músicas, o seu coro e a súa orquestra feminina, nesta institución foi profesor e mestre de capela Antonio Vivaldi, sendo a súa pupila Anna Maria della Pietà, quen se convertería nunha grande violinista. Harriet Constable ten investigado e novelado a vida de Anna Maria della Pietà, enchendo coa súa imaxinación as lagoas dunha historia que retrata con crueza o que debeu ser a vida das nenas abandonadas nos hospicios venecianos, nos que a música era parte importante da súa educación; unha historia que o é tamén, coas súas luces e as súas sombras, da Venecia de finais do XVII e principios do XVIII.

As sesións do Club de lectura serán moderadas por Carlos Valdés (filólogo, editor, ilustrador, tradutor e codirector e fundador da editorial Irmás Cartoné) na mesma sede do Ateneo na Praza de Salvador Parga (La violinista, xoves 9 de outubro) e por Olaia Tubío e María Villamarín (xornalistas e libreiras de Numax) o mércores 15 de outubro en Numax (El violín de Lev), nunha sesión que confirma a interesante colaboración que se mantén este ano entre Numax Cinema e Libraría e o Festival Ateneo Barroco, iniciada na edición de 2024 do festival.

 

Club de lectura do Festival Ateneo Barroco 2025

 

HARRIET CONSTABLE
LA VIOLINISTA
Planeta 2024
sesión moderada por CARLOS VALDÉS

Ateneo de Santiago
Santiago de Compostela
xoves 9 outubro 2025
18.00

 

HELENA ATTLEE
EL VIOLÍN DE LEV (UNA AVENTURA ITALIANA)
Acantilado 2023
sesión moderada por OLAIA TUBIO

Numax Libraría
mércores 22 outubro 2025
18.00

 

A entrada para as sesións do Club de Lectura do Ateneo Barroco 2025 son gratuítas, previa inscrición. As prazas son limitadas e os participantes poden apuntarse no correo electrónico ateneo@ateneodesantiago.gal. A inscrición é independente para cada unha das dúas sesións, podendo os interesados inscribirse nas dúas sesións até completar as prazas dispoñibles.
Os interesados comprométense a conseguir os libros pola súa conta, tendo a posibilidade de adquirilos cun 5% de desconto na libraría Numax (rúa Concepción Arenal, 9).

prazas limitadas
inscrición (independente para cada unha das sesión do Club de lectura): ateneo@ateneodesantiago.gal

libros dispoñibles co 5% de desconto
en Numax Libraría (rúa Concepción Arenal, 9)

Teléfono de contacto: 622 274 110 (de luns a venres, 9-13 h.), a partir do 1 de setembro