CLUB DE LECTURA ATENEO BARROCO 2024

 

Na súa sexta edición, o Festival Ateneo Barroco achega unha nova actividade, o seu club de lectura. Festival de música con vocación de transversalidade dende diversas formas de manifestación das artes (cinematográfica, plástica, literaria, etc.) e de abordaxe do vasto e riquísimo mundo da música antiga e barroca dende unha nova perspectiva de achegamento cada ano, crea, coñecedor da fidelidade e confianza do seu público e cando comeza o seu segundo lustro de vida, unha actividade directamente relacionada coa literatura. Na súa busca constante por ofrecer puntos de vista e de reflexión, de abordaxe e descubrimento, das músicas antigas e barrocas, a das letras era unha materia pendente do festival. O Club de Lectura do Ateneo Barroco ten entre os seus obxectivos, ao tempo que amplifica a multidisciplinaridade do festival e fomenta a lectura, a creación dun espazo de intercambio de ideas e diálogo entre o público do mesmo.

Para gozar dese momento de introspección, inspiración, goce esencial e auténtico que nos ofrece a lectura, seleccionamos nesta primeira edición do Club de Lectura do Ateneo Barroco dúas novelas de escritores moi diferentes que teñen en común ter atopado en dous compositores do Barroco (Johann Sebastian Bach e Johann Jakob Froberger) unha fonte de inspiración para as súas últimas obras: El Amor el mar de Pascal Quignard (Galaxia Gutenberg, 2023) e Contrapunto. Recuerdos de Bach y de duelo de Philip Kennicott (Alpha Decay, 2023)

As sesións do Club de lectura serán moderadas por Carlos Valdés (filólogo, editor, ilustrador, tradutor e codirector e fundador da editorial Irmás Cartoné) na mesma sede do Ateneo na Praza de Salvador Parga (El Amor el mar, venres 4 de outubro) e por Olaia Tubío / María Villamarín (xornalistas e libreiras de Numax) o mércores 16 de outubro en Numax (Contrapunto. Recuerdos de Bach y de duelo), nunha sesión nada como froito da colaboración iniciada este ano entre Numax Cinema e Libraría e o Festival Ateneo Barroco.

A entrada para as sesións do Club de Lectura do Ateneo Barroco 2024 son gratuítas, previa inscrición. As prazas son limitadas e os participantes poden apuntarse no correo electrónico ateneo@ateneodesantiago.gal. A inscrición é independente para cada unha das dúas sesións, podendo os interesados inscribirse nas dúas sesións até completar as prazas dispoñibles.

Os interesados comprométense a conseguir os libros pola súa conta, tendo a posibilidade de adquirilos cun 5% de desconto na libraría Numax (rúa Concepción Arenal, 9).

 

PASCAL QUIGNARD
EL AMOR EL MAR
Galaxia Gutenberg 2023
sesión moderada por CARLOS VALDÉS
Ateneo de Santiago (Praza de Salvador Parga, 4 – 2º)
venres 4 outubro | 19.00

En El Amor el mar (Galaxia Gutenberg, 2023), o prolífico autor francés Pascal Quignard (autor de Todas as mañás do mundo, Premio Marguerite Yourcenar 2019 polo conxunto da súa obra e officier da Legion d’Honneur e commandeur da Ordre das Arts e des Lettres francesas) sitúanos na Francia do XVII, sacudida polas epidemias, as protestas e as revoltas contra o poder monárquico, mentres Europa é devastada por interminables guerras de relixión, mesturando personaxes reais (Froberger, Saint-Colombe, John Blow…) e de ficción nun himno á beleza da música, do mar e do amor.

***

PHILIP KENNICOTT
CONTRAPUNTO. RECUERDOS DE BACH Y DE DUELO
Alpha Decay 2023
sesión moderada por OLAIA TUBÍO / MARÍA VILLAMARÍN
Numax Libraría (rúa Concepción Arenal, 9)
mércores 16 outubro | 20.00

En Contrapunto. Recuerdos de Bach y de duelo (Alpha Decay, 2023), Philip Kennicott (crítico de arte, arquitectura e música clásica e Pulitzer de Crítica 2013) debuta na novela combinando a súa experiencia vital no transo da enfermidade e morte da súa nai e o seu encontro coas composicións de Bach, en particular coas Variacións Goldberg, obra que adquire un protagonismo moi especial nesta sexta edición do Ateneo Barroco.

***

CLUB DE LECTURA DO FESTIVAL ATENEO BARROCO 2024

prazas limitadas

inscrición (independente para cada unha das sesión do Club de lectura): ateneo@ateneodesantiago.gal

libros dispoñibles co 5% de desconto en Numax Libraría (rúa Concepción Arenal, 9)