ATENEO BARROCO 2023

 @ INTÉRPRETE
INVESTIGACIÓN E RECUPERACIÓN, PERSPECTIVAS E VISIÓNS, INNOVACIÓN E RECREACIÓN

Animados e impulsados pola magnífica acollida do público compostelán e galego, polo alto nivel artístico acadado, o excelente impacto a nivel de difusión e comunicación e, en resumo, a boa imaxe e sensacións deixadas polas catro primeiras edicións do Festival Ateneo Barroco, uns resultados non sinxelos de acadar no debut dun festival novel, especialmente con edicións marcadas polo devir e as circunstancias extraordinarias determinadas pola pandemia provocada pola Covid19, a asociación Ateneo de Santiago ten preparada a quinta edición do Festival Ateneo Barroco para o mes de outubro de 2023.

Con máis de doce anos de experiencia na organización de actividades divulgativas en distintos eidos da cultura e convencido da oportunidade e do axeitado do momento, o Ateneo de Santiago decidiu promover e achegar para a cidade e para Galicia esta nova proposta musical, orixinal e singular nestes momentos en Galicia polos seus contidos e a súa concepción. O Festival toma como punto de partida as músicas antigas e do Barroco, músicas que ben poden simbolizar un período de intercambio e diálogo cultural no que o Camiño de Santiago resultaba transcendental e no que podemos atopar un espello no que mirarnos e inspirarnos, especialmente en momentos históricos como o actual, no que a comprensión, a tolerancia, o debate e a solidariedade a través da música, linguaxe universal, resultan máis imprescindibles que nunca para a convivencia. O Festival Ateneo Barroco vén amosando dende a súa primeira edición a súa vocación de plataforma de mostra, de intercambio e de diálogo dos artistas e intérpretes galegos e residentes en Galicia, recoñecidos especialistas que teñen centrado os seus esforzos formativos e a súa traxectoria profesional e investigadora na música antiga, con prestixiosos músicos doutras latitudes que, sen dúbida, contribúen a enriquecer a experiencia musical dos asistentes a este festival e a recolocar a Santiago como un punto de referencia na escena musical nacional e a tramar e asentar un tecido musical e artístico que favoreza a creación, con criterio, dunha cimentación sólida para a edificación dun Festival con vocación de continuidade, crecemento e expansión que madura edición a edición. Como non podería ser doutro xeito, a igualdade é un dos obxectivos primordiais do Festival en todos os seus niveis, facendo promoción activa da participación de mulleres, creadoras, intérpretes, artistas e investigadoras, dun xeito responsable, visible e protagonista.

Cada ano dende a súa creación, o Festival Ateneo Barroco propón unha nova perspectiva de achegamento ao vasto e riquísimo mundo da música antiga e barroca. A busca constante por ofrecer puntos de vista e de reflexión, de abordaxe e descubrimento, que contribúan ao coñecemento e difusión deste magno patrimonio musical e cultural, levou ao Festival na súa cuarta edición, en outubro de 2022 e baixo o título “Xenios Singulares: compositoras e compositores, os impulsos da creación”, a poñer o foco na creación, na composición, aproximando, descubrindo ou redescubrindo, a importantes compositoras e compositores, seguramente menos coñecidos que outros grandes protagonistas e creadores da historia da música, pero sobre os que non faltaban argumentos e razóns para reivindicar a súa obra.

E se o ano pasado o punto de referencia dos contidos do Festival Ateneo Barroco eran as autoras e os autores, compositoras e compositores, nesta quinta edición do Festival e baixo o título “A/O Intérprete: Investigación e recuperación, perspectivas e visións, innovación e recreación”, centramos a atención no punto de vista da/do intérprete. Os seis concertos que compoñen a programación do Festival Ateneo Barroco 2023 reivindican a figura do intérprete, non só como músico senón tamén a súa transcendencia como creador e recreador preparado e xeneroso que, en moitas ocasións, combina o labor como investigador e estudoso, coa preparación e presentación de programas de concerto atraentes para o público e coa propia interpretación, incuestionable demostración do talento e do xenio de artistas, con maiúsculas, destes músicos e intérpretes que atopan e vehiculan a súa fonte de inspiración a través do seu medio de expresión musical, o seu instrumento e/ou a súa voz.

No cartel do Festival Ateneo Barroco 2023, “A/O Intérprete: Investigación e recuperación, perspectivas e visións, innovación e recreación”, non faltan os grandes autores, as grandes figuras do Barroco, como Johann Sebastian Bach e Georg Friedrich Haendel, e probablemente non podería ser doutro xeito. A reinterpretación, a actualización, o asentamento e o coñecemento das grandes voces e dos grandes fundamentos do repertorio da música antiga brinda sólidos puntos de referencia para presentar ao seu carón os descubrimentos, as recuperacións ou as reivindicacións doutros compositores e doutras músicas das que o intérprete é o máximo valedor, e programadores e promotores de ciclos e festivais, institucións e público, os cómplices indispensables.

A Arte da Fuga, obra mestra do contrapunto de Johann Sebastian Bach, é unha desas composicións referenciais da historia da música, aínda máis cando é presentada en mans dun intérprete maiúsculo como o clavecinista norteamericano Kenneth Weiss, quen a aborda en plenitude, en madurez, e que, por diversas razóns e neste período tan excepcional que nos tocou en sorte vivir, atopa o momento de abordar finalmente a súa interpretación. A Arte da Fuga é moito máis que esa maxistral serie de fugas e canons que ofrece ao intérprete múltiples vías de recreación e expresión, e Bach esa fonte musical da que non podemos, nin debemos, deixar de beber.

E outra das fontes inesgotables de inspiración da historia da música é a de Georg Friedrich Haendel, músico viaxeiro e emigrante emprendedor cun excepcional talento para o teatro e o drama que soubo explorar como poucos os recursos técnicos e expresivos da voz, non só na ópera senón xa dende o principio da súa carreira a través das cantatas italianas que o Festival presenta nunha colaboración da experimentada Camerata Boccherini, que Massimo Spadano fundou hai xa dúas décadas en Galicia, co emerxente talento da soprano vasca Jone Martínez. Do período italiano de Haendel datan as dúas grandes cantatas inspiradas nas míticas Armida e Agrippina que serán postas en contexto por pezas de cámara, por sonatas de figuras musicais italianas da época como Vivaldi, Corelli e Mascitti.

E falando de distintas tipoloxías de autores nas que o decidido labor de investigación e recuperación, revisión e presentación, resulta particularmente imprescindible a figura do intérprete, podemos poñer dous ilustrativos exemplos en Heinrich Ignaz Franz von Biber e en Karl Friedrich Abel, dous compositores esquecidos durante tempo, con menor ou pouca difusión no noso país, ambos recoñecidos virtuosos dos seus instrumentos e figuras imprescindibles para coñecer e entender a riqueza musical do Barroco en Europa e que, afortunadamente, músicas e intérpretes do talento, a valentía e o compromiso da violinista Lina Tur Bonet ou, dende Galicia, da violagambista Sara Ruiz, defenden e presentan cun nivel artístico extraordinario.

Versátil, sensible e activa violinista de crecente prestixio, Lina Tur Bonet e o seu conxunto Musica Alchemica presentan unha desas obras únicas na historia da arte: as Sonatas do Rosario, compostas por Heinrich Ignaz Franz von Biber no Salzburgo do século XVII e das que non houbo novas durante máis de dous séculos. As singulares e prodixiosas Sonatas do Rosario son o máis representativo do amplísimo repertorio legado aos violinistas por Biber, un compositor cuxo virtuosismo, ao servizo de elevados ideais artísticos e humanos, está afastado do exhibicionismo, e son tamén unha mostra do amplísimo coñecemento dos recursos expresivos e técnicos do seu instrumento por parte dun autor que, como intérprete de violín, gozou dunha fama que transcendeu fronteiras.

E se Biber podería ser considerado como o primeiro dos virtuosos do violín, Karl Friedrich Abel pasou á posteridade como un dos últimos gambistas. Virtuoso do seu instrumento, Abel viviu a plenitude do Barroco e da arte da improvisación e experimentou nas súas composicións a revolución dunha nova linguaxe musical: a do Clasicismo. Música de sobresaínte talento, dinámica e emprendedora, a gambista Sara Ruiz atópase inmersa no proceso de recuperación, revalorización, interpretación e gravación da obra integral para viola da gamba coñecida de Karl Friedrich Abel, proxecto que presenta en primicia en Galicia no Festival Ateneo Barroco, coincidindo coa conmemoración do 300 aniversario do seu nacemento.

Mención especial aparte merece, tendo en conta a orixinalidade e o compromiso do intérprete, o achegamento de Andrés Alberto Gómez e o conxunto La Reverencia á figura do mestre do Barroco francés Jean-Philippe Rameau no seu programa Quatuors (Cuartetos), un programa aínda inédito concibido e preparado por Andrés Alberto Gómez e que se estrea no Festival Ateneo Barroco 2023. Quatuors inclúe un material único, xa que é a primeira vez que se adapta a música operística de Rameau para a formación de cuarteto. Xa o xenial compositor francés afirmaba “o cuarteto é o que reina” no prólogo das súas Pezas de clavecín en concerto e poucos exemplos podemos atopar máis ilustrativos da importancia do intérprete na recreación de novas visións no mundo da música antiga e barroca que estes cinco cuartetos conformados por momentos moi escollidos de entre doce das óperas de Rameau e que nos brindan a oportunidade de achegarnos ao seu singular espírito escénico e teatral a través da música de cámara. Andrés Alberto Gómez terá ao longo desta quinta edición do Festival unha salientable presenza que, sen dúbida, contribuirá a difundir a variedade e a riqueza do traballo deste versátil músico albaceteño no mundo da música barroca. Ademais da estrea do programa Quatuors, Andrés Alberto Gómez ofrecerá unha conferencia sobre o compositor francés obxecto do seu estudo e reinterpretación (Jean-Philippe Rameau, retrato íntimo) e presentará o filme De Occulta Philosophia, do que é director musical.

Incansable investigador, sensible artista e magnífico arpista, o compostelán Manuel Vilas é responsable da segunda das estreas desta quinta edición do Festival Ateneo Barroco. Manuel Vilas traballa hai máis de dúas décadas no máis ambicioso e frutífero proxecto de recuperación e gravación relacionado cos tons e toadas do barroco español. Con este novo proxecto, O retorno das musas, Manuel Vilas quere achegar ao público actual un tipo de intérprete moi concreto que tivo unha ampla aceptación e difusión no barroco hispano: mulleres que, cunha sólida e moi ben asentada formación musical e teatral, foron auténticas iconas da interpretación nos escenarios do Século de Ouro. Cómplice compañeira de viaxe neste proxecto de Ars Atlántica e Manuel Vilas é unha das grandes voces da música tradicional castelá, así mesmo gran percusionista e profunda coñecedora da música popular, a respectada e admirada Vanesa Muela. Con O retorno das musas de Vanesa Muela e Manuel Vilas atopámonos ante un campo aberto para demostrar a proximidade das cancións saídas da tradición e de moitas das grandes obras do barroco musical hispano, onde o intérprete volve ser o gran protagonista. Ademais, afondando nestas cuestións escasamente investigadas e difundidas, nunha sesión especial enmarcada dentro das actividades complementarias do Festival, Manuel Vilas, a partir dunha escolma de material visual e escrito, cinematográfico, videográfico, musical, etc., intentará reflexionar sobre algúns aspectos transcendentes da música tradicional hispana e poñer en evidencia a profunda débeda que a chamada música clásica ten coas músicas da tradición.

Todos os compositores presentados no Festival Ateneo Barroco 2023 volven ser nomes que merecen un posto salientable na historia da música e unha activa difusión da súa obra: Johann Sebastian Bach, Georg Friedrich Haendel, Karl Friedrich Abel, Heinrich Ignaz Franz von Biber, Jean-Philippe Rameau, etc. Pero nesta quinta edición, que titulamos “A/O Intérprete: Investigación e recuperación, perspectivas e visións, innovación e recreación” adquire unha singular relevancia a experiencia, a calidade, o xenio e a traxectoria dos intérpretes, imprescindibles e admirables recuperadores, retransmisores e reinterpretadores das obras de tan insignes autores: músicos e artistas da categoría da violinista Lina Tur Bonet, da violagambista Sara Ruiz, das cantantes Jone Martínez e Vanesa Muela, do arpista Manuel Vilas ou dos clavecinistas Kenneth Weiss e Andrés Alberto Gómez, así como dos conxuntos Camerata Boccherini, Musica Alchemica, La Reverencia e Ars Atlántica.

Estruturado en seis concertos, de diversas e ilustrativas temáticas, dous dos concertos do Festival Ateneo Barroco 2023 son estreas ou son presentados en primicia no festival. Cada un dos seis concertos suporá unha experiencia musical única e completa, avalada pola calidade dos músicos e a excelencia das músicas seleccionadas, onde tamén se poderá gozar do patrimonio artístico da cidade: teatros e salas de concerto, igrexas e espazos singulares como o Teatro Principal e o Salón Teatro ou a Igrexa da Universidade. O Festival Ateneo Barroco atesoura tanto coherencia e unidade de programación como unha sobresaínte variedade no que a estilos e xéneros musicais se refire e que abrangue unha programación que inclúe música sacra, toadas e cantatas, danzas, música de cámara e para teclado, etc., e coa que viaxaremos musicalmente polo occidente e centro de Europa entre os séculos XVI e XVIII: Alemaña, Italia, Austria, España, Francia, etc. Como cada ano, as interrelacións, conexións e proximidade de todos os programas dos seis concertos do Festival Ateneo Barroco poderían incluso facer difícil a escolla dunha das múltiples temáticas e perspectivas entre as que se podería abordar a explicación do programa no seu conxunto. Esta multiplicidade de posibles perspectivas está enriquecida e aproveitada ao máximo no deseño das actividades complementarias do Festival, un apartado formativo e divulgativo concibido para contribuír a enriquecer a experiencia e o coñecemento do público do Festival e que inclúe actividades complementarias como conferencias, charlas e encontros cos artistas e os seus instrumentos e un ciclo de cinema, documental e música.