ATENEO BARROCO 2022
XENIO SINGULAR
compositoras e compositores, os impulsos da creación
Animados e impulsados pola magnífica acollida do público compostelán e galego, polo alto nivel artístico acadado, o excelente impacto a nivel de difusión e comunicación e, en resumo, a boa imaxe e sensacións deixadas polas tres primeiras edicións do festival Ateneo Barroco, uns resultados non sinxelos de acadar no debut dun festival novel, especialmente con edicións marcadas polo devir e as circunstancias extraordinarias determinadas pola pandemia provocada pola Covid19, a asociación Ateneo de Santiago ten preparada a cuarta edición do Festival Ateneo Barroco para o mes de outubro de 2022.
Con máis de doce anos de experiencia na organización de actividades divulgativas en distintos eidos da cultura e convencido da oportunidade e do axeitado do momento, o Ateneo de Santiago decidiu promover e achegar para a cidade e para Galicia esta nova proposta musical, orixinal e singular nestes momentos en Galicia polos seus contidos e a súa concepción. O festival toma como punto de partida as músicas antigas e do Barroco, músicas que ben poden simbolizar un período de intercambio e diálogo cultural no que o Camiño de Santiago resultaba transcendental e no que podemos atopar un espello no que mirarnos e inspirarnos, especialmente en momentos históricos como o actual, no que a comprensión, a tolerancia, o debate e a solidariedade a través da música, linguaxe universal, resultan máis imprescindibles que nunca para a convivencia. O festival Ateneo Barroco vén amosando dende a súa primeira edición a súa vocación de plataforma de mostra, de intercambio e de diálogo dos artistas e intérpretes galegos e residentes en Galicia, recoñecidos especialistas que teñen centrado os seus esforzos formativos e a súa traxectoria profesional e investigadora na música antiga, con prestixiosos músicos doutras latitudes que, sen dúbida, contribúen a enriquecer a experiencia musical dos asistentes a este aínda novo festival e a recolocar a Santiago como un punto de referencia na escena musical nacional e a tramar e asentar un tecido musical e artístico que favoreza a creación, con criterio, dunha cimentación sólida para a edificación dun festival con vocación de continuidade, crecemento e expansión que madura edición a edición. Como non podería ser doutro xeito, a igualdade é un dos obxectivos primordiais do festival en todos os seus niveis, facendo promoción activa da participación de mulleres, creadoras, intérpretes, artistas e investigadoras, dun xeito responsable, visible e protagonista.
Cada ano o festival Ateneo Barroco propón, dende unha nova perspectiva, o achegamento ao vasto e riquísimo mundo da música antiga e barroca na súa busca por ofrecer puntos de vista e de reflexión, de abordaxe e descubrimento, que no 2022 facemos dende o punto de vista da creación, da composición, aproximando, descubrindo ou redescubrindo, a compositoras e compositores importantes, seguramente menos coñecidos que outros grandes protagonistas e creadores da historia da música que gozan dunha moita maior difusión, pero sobre os que non faltan argumentos e razóns para reivindicar a súa obra; comezando por dúas mulleres que no século XVII deixaron como legado unha obra espléndida que as sitúa por valor propio entre o máis salientable dos creadores do barroco, reclamando un merecido lugar entre os compositores máis célebres e non só polo mero feito de ser mulleres compositoras. “Xenios Singulares: compositoras e compositores, os impulsos da creación” reúne moi diversos ambientes, contornas e circunstancias, recursos, esixencias e oportunidades, público e destinatarios… factores, sen dúbida, determinantes á hora de analizar e poñer en valor a obra de calquera artista, compositora ou compositor, creadora ou creador. Monxas, soldados, organistas e cantores, compositores de corte e de capelas relixiosas, máis ou menos viaxeiros ou sedentarios, autores con vidas, personalidades e biografías máis ou menos informadas, artistas coñecidos e recoñecidos en maior ou menor medida no seu tempo, máis ou menos difundidos até a actualidade… Todos os protagonistas do Ateneo Barroco 2022 son nomes que merecen un posto salientable na historia da música e unha activa difusión da súa obra: Isabella Leonarda, Josquin Desprez, Tobias Hume e Sebastián Durón son os autores arredor dos que xira a programación deste festival Ateneo Barroco 2022, na que non menos relevancia ten a experiencia, a calidade, o xenio e a traxectoria dos recuperadores, retransmisores e reinterpretadores das súas obras, músicos e artistas da categoría das cantantes Roberta Invernizzi, María Cristina Kiehr e Núria Rial, dos conxuntos Accademia del Piacere, Armonia Concertada, Qvinta Essençia e Capela Compostelana e dos músicos e directores destes proxectos musicais Fahmi Alqhai, Ariel Abramovich, Manuel Vilas e Francisco Luengo.
Sen dúbida, un deses “xenios singulares” que conforman a programación da cuarta edición do festival, a relixiosa italiana Isabella Leonarda, constitúe un dos piares dos contidos deste Ateneo Barroco 2022. Nada no seo dunha familia nobre, Isabella Leonarda (1620-1704) viviu toda a súa vida no convento de Santa Orsola da súa cidade natal, Novara, cenobio no que ingresou con 16 anos, no que se formou musicalmente e no que produciu unha obra enteiramente sacra entre a que cómpre salientar as súas sonatas da chiesa e os seus motetes que, cando se cumpren 400 anos do seu nacemento, recuperan a soprano milanesa Roberta Invernizzi (considerada unha das grandes voces da ópera barroca e da música antiga, participa por segunda vez no festival) e o cuarteto vocal barcelonés especializado en polifonía renacentista Qvinta Essençia, coa concepción e dirección musical do compostelán Manuel Vilas, reivindicando a figura de Isabella Leonarda como unha compositora imprescindible do Seicento italiano e da historia da música.
Recoñecido como un dos compositores máis célebres do Renacemento europeo, a súa técnica e recursos de expresión levaron a Josquin Desprez (ca. 1450 – 1521) a ser considerado o maior compositor da súa época polos seus contemporáneos. Aínda que a súa biografía non achega moitos datos da súa personalidade nin da súa vida, este compositor renacentista franco-flamenco proxectou unha magnífica influencia coa súa obra sacra e laica, misas, motetes e chansons; cancións que, co gallo do quinto centenario do seu falecemento, reúnen e reinterpretan con rigor, información e imaxinación os tres músicos de orixe arxentina que forman Armonía Concertada, músicos comprometidos, sensibles e especializados como o vihuelista Ariel Abramovich e o tenor Jonatan Alvarado xunto á extraordinaria soprano, referencia absoluta nos períodos renacentista e barroco temperán, María Cristina Kiehr.
Sebastián Durón (1660-1716) é probablemente o compositor español máis importante do seu tempo e o responsable, segundo a “acusación” do Padre Feijóo, da italianización da música española. Fahmi Alqhai e Accademia del Piacere (recoñecidos como unha referencia á vangarda na música antiga en España e en Europa, celebran dúas décadas de frutífera carreira) e Núria Rial (a máis internacional das sopranos españolas dedicada ás músicas históricas) unen os seus talentos musicais para dar nova vida a unha selecta colección de arias das obras escénicas de Sebastián Durón dedicadas ao inesgotable e sempre emocionante tema do amor.
Unha longa traxectoria de máis de trinta anos de traballo na música antiga atesoura o conxunto Capela Compostelana coa dirección de Francisco Luengo, violagambista galego que nos achega á curiosa figura de Tobias Hume (ca. 1569 – 1645). Músico e militar, probablemente mercenario, que participou en campañas cos exércitos ruso e sueco, foi un dos intérpretes e compositores máis importantes xurdidos nas illas británicas no século XVII arredor da viola da gamba, instrumento cuxo valor como solista reivindicaba con entusiasmo fronte ao laúde. Tobias Hume deixou unha obra chea de poesía e bo humor, mesmo ampliando os recursos técnicos interpretativos do instrumento e poñendo ás súas coleccións de pezas para viola títulos como Poeticall Musicke ou Musical Humors, que dalgún xeito describían e suxerían programaticamente o carácter, o espírito poético e cheo de afectos da súa singular música.
No Festival Ateneo Barroco 2022 mantense unha sobresaínte variedade na ampla oferta de estilos e xéneros que abrangue unha programación que inclúe música sacra, ópera, música de cámara e para teclado, etc., na que a voz volve a ser protagonista e coa que viaxaremos musicalmente polo occidente de Europa dende finais do século XV até mediados do século XVIII: Italia, España, Flandes e as Illas Británicas. Como cada ano, as interrelacións, conexións e proximidade de todos os programas dos catro concertos do festival Ateneo Barroco poderían incluso facer difícil a escolla dunha das múltiples temáticas e perspectivas entre as que se podería abordar a explicación do programa no seu conxunto. Esta multiplicidade de posibles perspectivas está enriquecida e aproveitada ao máximo no deseño das actividades complementarias do festival, un apartado formativo e divulgativo concibido para contribuír a enriquecer a experiencia e o coñecemento do público do festival e que inclúe actividades complementarias como conferencias, charlas e encontros cos artistas e os seus instrumentos e un ciclo de cinema, documental e música.