CLUB DE LECTURA ATENEO BARROCO 2026

Na súa sexta edición, o Festival Ateneo Barroco achegaba unha nova actividade, o seu Club de Lectura. Festival de música con vocación de transversalidade dende diversas formas de manifestación das artes (cinematográfica, plástica, literaria, etc.) e de abordaxe do vasto e riquísimo mundo da música antiga e barroca dende unha nova perspectiva de achegamento cada ano, o festival creaba unha actividade directamente relacionada coa literatura. Na súa busca constante por ofrecer puntos de vista e de reflexión, de afondamento e descubrimento das músicas antigas e barrocas, a das letras era unha materia pendente do festival. Animados pola resposta e acollida nas convocatorias de 2024 e 2025, polo interese espertado e polo enriquecedor da experiencia de compartir lectura e música, propoñemos a terceira edición deste Club de Lectura do Ateneo Barroco, que ten entre os seus obxectivos, ao tempo que amplifica a multidisciplinaridade do festival e fomenta a lectura, a creación dun espazo de intercambio de ideas e diálogo entre o público do mesmo.

Para gozar dese momento de introspección, inspiración, goce esencial e auténtico que nos ofrece a lectura e no marco dunha edición 2026 que titulamos “Instrumental” e na que en cada concerto un ou dous instrumentos adquiren unha presenza especial, no Club de Lectura serán o clave e a voz os instrumentos que reclaman protagonismo a través de dúas novelas de diferentes estilos e xéneros; dúas narracións que comparten unha inspiración musical e o rigor na documentación e investigación, xunto a boas doses de creatividade, nas mans dos seus autores, Hélène Gestern e Jesús Ruiz Mantilla.

O clavecín, instrumento capital no Barroco musical, e Domenico Scarlatti, un dos compositores máis innovadores da música para teclado da historia, son o punto de partida da trama imaxinada pola francesa Hélène Gestern na súa última novela. O título 555 fai referencia ao número de sonatas para clave coñecidas e catalogadas de Domenico Scarlatti, a súa obra mestra de madurez e un tesouro musical de legado imborrable na historia da música. En 555 (Errata Naturae, 2023) Hélène Gestern harmoniza música e misterio arredor dun manuscrito que podería ser unha nova sonata perdida de Scarlatti, nunha narración conducida dende o punto de vista de cinco (máis un) personaxes de ficción: a clavecinista Manig Terzian, o ebanista Grégoire Coblence, o lutier Giancarlo Albizon, o coleccionista Joris de Jonghe e o musicólogo Rodolphe Luzin-Farge.

 

 

 

A voz como instrumento tivo probablemente o seu momento máis particular, estraño e afastado á nosa forma de pensar actual na época dos castrati, dos castrados ou capóns. O castrato máis famoso do seu tempo (tamén o máis coñecido actualmente) foi Farinelli, quen viviu en Madrid vinculado á corte española durante dúas décadas, tras ser chamado por Isabel de Farnesio para curar co seu canto a depresión de Felipe V. En Yo, Farinelli, el capón (Galaxia Gutenberg, 2017) o escritor e xornalista cántabro Jesús Ruiz Mantilla dá voz a Carlo Broschi “Farinelli” nunha informada, imaxinativa e orixinal narración en forma de memorias e en primeira persoa, na que o célebre castrado comparte co lector a súa vida, os seus amores e a súa carreira. Farinelli redacta estas “memorias” no seu retiro en Bologna en 1780, aos 75 anos de idade, a través da documentada man de Jesús Ruiz Mantilla. Ademais de repasar a carreira de Farinelli, fascinando e conquistando toda Europa, a novela propón unha enriquecedora recreación da Europa do Barroco, achegando as reviravoltas dos teatros e das cortes, da música e da ópera do século XVIII… Riccardo Broschi (o seu irmán), Porpora (o seu mestre), Haendel, Metastasio, Casanova, Mozart, Gluck, Felipe V, Isabel de Farnesio, Scarlatti, Bárbara de Braganza, Luis XV e Carlos VI son algúns dos personaxes históricos que aparecen na novela segundo o particular punto de vista de Farinelli.

As sesións do Club de lectura serán moderadas por Carlos Valdés (filólogo, editor, ilustrador, tradutor e codirector e fundador da editorial Irmás Cartoné) na mesma sede do Ateneo, na Praza de Salvador Parga (Yo, Farinelli, el capón, xoves 8 de outubro), e por Olaia Tubío e María Villamarín (xornalistas e libreiras de Numax) o xoves 15 de outubro en Numax (555), nunha sesión que confirma a interesante colaboración que manteñen Numax Cinema e Libraría e o Festival Ateneo Barroco, dende a edición de 2024 do festival.

 

Club de lectura do festival Ateneo Barroco 2026

 

JESÚS RUIZ MANTILLA
YO, FARINELLI, EL CAPÓN
Galaxia Gutenberg 2017
sesión moderada por CARLOS VALDÉS

Ateneo de Santiago (Praza de Salvador Parga, 4 – 2º)
Santiago de Compostela
xoves 8 outubro 2026
18.00

 

HÉLÈNE GESTERN
555
Errata Naturae 2023
sesión moderada por OLAIA TUBIO / MARÍA VILLAMARÍN

Numax Libraria (rúa Concepción Arenal, 9)
Santiago de Compostela
xoves 15 outubro 2026
18.00

 

A entrada para as sesións do Club de Lectura do Ateneo Barroco 2026 son gratuítas, previa inscrición. As prazas son limitadas e os participantes poden apuntarse no correo electrónico ateneo@ateneodesantiago.gal. A inscrición é independente para cada unha das dúas sesións, podendo os interesados inscribirse nas dúas sesións até completar as prazas dispoñibles.

Os interesados comprométense a conseguir os libros pola súa conta, tendo a posibilidade de adquirilos cun 5% de desconto na libraría Numax (rúa Concepción Arenal, 9).

prazas limitadas
inscrición (independente para cada unha das sesión do Club de lectura): ateneo@ateneodesantiago.gal

libros dispoñibles co 5% de desconto
en Numax Libraría (rúa Concepción Arenal, 9)

Teléfono de contacto: 622 274 110 (de luns a venres, 10-13 h.), a partir do 1 de setembro