# concerto 4 # zanfona / viola de roda #

CHOREA SECUNDUM GALLIAM
a música de María Leszczyńska, raíña da tristura, intérprete de zanfona

ARC & VOLTA
XURXO ROMANÍ  zanfona
ANNA CASADEMUNT  violas de gamba

Philibert Delavigne / Joseph Bodin de Boismortier / Marin Marais /  Michel Corrette / Charles Baton / Jean-Baptiste Anet / Antonio Vivaldi – Nicolas Chédeville

Salón Teatro
Santiago de Compostela
martes 13 outubro 2026
20.00

Concibido a partir do repertorio francés do século XVIII para viola de roda e viola de gamba e interpretado con criterios históricos, o programa Chorea Secundum Galiam («danza segundo Francia») de Arc & Volta reconstrúe, entre a historia e a imaxinación, o universo musical de María Leszczyńska (1703-1768), esposa de Luís XV e raíña de Francia, unha muller que atopou na música un espazo íntimo de liberdade e consolo no corazón da corte de Versalles. “A música de María Leszczyńska, raíña da tristura, intérprete de zanfona” é o ilustrativo subtítulo dun concerto con obras de músicos e compositores vencellados ao contorno da raíña, como Philibert Delavigne, Joseph Bodin de Boismortier, Marin Marais, Michel Corrette, Charles Baton ou Nicolas Chédeville.

O compostelán Xurxo Romaní, músico centrado na música tradicional e a música histórica, presenta no Festival Ateneo Barroco o seu proxecto Arc & Volta xunto á violagambista Anna Casademunt. A zanfona, instrumento pouco habitual nunha raíña pero estreitamente ligado á práctica musical de María Leszczyńska, e a viola da gamba son os instrumentos propostos polo dúo Arc & Volta para achegarnos a estas pequenas pezas dedicadas ás flores, as musettes e as sonatas que recrean unha dimensión máis doméstica e persoal da música na corte francesa, lonxe do esplendor oficial de Versalles.

 

Mussette “La Colinette” (Jean-Baptiste Anet, 1676-1767)

Les marguerites (Phillibert Delavigne, c.1700-1750)

L’oeilliet (Phillibert Delavigne)

Suite de danses catalanes en sol menor:
Gavotta / Bourree / Baleto / Menuet
(Anónimos  s. XVIII, recolleitas por Josep Dolcet)

—

Les giroflees (Phillibert Delavigne, c.1700-1750)

La rose (Phillibert Delavigne)

L’iris (Phillibert Delavigne)

Vielle (Josep Bodin de Boismortier, 1689–1755)

—

Il pastor fido, Sonata 1: Allegro, tempo di gavotta
(Nicholas Chedeville, 1705-1782 / atribuido a Antonio Vivaldi)

Sonata II “La d’Agut”: Gracieusement / Légerement / Gavotte
(Phillibert Delavigne, c.1700-1750)

La Furstemberg (Michel Corrette, 1707-1795)  [zanfona só]

Le Jasmin (Phillibert Delavigne)

—

Muzette (Marin Marais, 1656-1728)

Sonata IV: Gracieusement (Charles Baton, 1700-1758)

Prelude en sol maior (Manuscrit de Cracovie)
(Jean Lacquemant “Dubuisson”, c.1623-c.1680)  [viola de gamba só]

Sonata La Baussan: Gracieusement (Phillibert Delavigne)

 

XURXO ROMANÍ  zanfona

Músico centrado na música tradicional e a música histórica nado en Santiago de Compostela, os seus principais instrumentos son a zanfona ou viola de roda e a cítola. Completou a súa formación teórica e interpretativa en cursos de viola de roda con Gilles Chabenat, Valentin Clastrier, Marc Egea, Pascal Lefevre, Nigel Eaton, Tobie Milller, Matthias Loibner e Marcello Bono. Así mesmo, ten asistido a diversos cursos de música antiga, afondando en notación medieval, instrumentos de corda pulsada, análise musicolóxica e canto gregoriano. A súa carreira musical desenvólvese inicialmente nos grupos Organistrum e Ondina Xana e, actualmente, no Ensemble Contratemps e o dúo Arc & Volta. Gravou varios traballos discográficos e, entre eles, un disco enteiramente dedicado ao repertorio histórico da cítola titulado The Medieval Citole. Como historiador da música e a medicina, publicou artigos sobre as enfermidades descritas nas cantigas de Afonso X e na obra de Hildegard von Bingen. Como compositor, publicou a banda sonora orixinal do documental Simulating religious violence, dirixido por Jenn Lindsay.

ANNA CASADEMUNT  violas de gamba

Estuda viola de gamba con Clara Hernández e Sergi Casademunt e fórmase nos Conservatorios de Girona e Perpiñán con Christian Sala. Máis tarde estuda na Escola Superior de Música de Cataluña (ESMUC) con Guido Ballestracci e Emmanuel Balssa e licénciase en interpretación da música antiga. En 2013 obtén o Máster en Interpretación da Música Antiga na Escola Superior de Música de Cataluña e na Universidade Autónoma de Barcelona, e en 2014 o Máster en Formación de Profesorado de Secundaria. Formouse en música medieval con Mauricio Molina e Pau Marcos. Actualmente forma parte do conxunto de violas In Nomine e Guillamí Consort (Sergi Casademunt), La Ferlandina, Amarante, The Voice of the Viol e Novum Organum. Colabora con agrupacións especializadas na interpretación con criterios históricos como Bach Collegium Barcelona, Cor Jove Nacional de Catalunya, Bach Zum Mitsingen e, baixo a dirección de Jordi Savall, Hespèrion XXI e La Capella Reial de Catalunya. Participou con distintas formacións en numerosos festivais de música en España, México, Uruguai, Francia, Inglaterra, Canadá, etc. En 2020 creou o seu propio proxecto de ensino musical denominado Gamba Música no que imparte clases, obradoiros de música en familia e de sensibilización musical, etc.

__

Chorea secundum Galliam (a danza segundo Francia) reconstrúe, entre a historia e a imaxinación, o universo musical de María Leszczyńska (1703–1768), esposa de Luís XV e raíña de Francia, unha muller que atopou na música un espazo íntimo de liberdade e consolo no corazón da corte de Versalles. A zanfona, instrumento pouco habitual nunha raíña pero estreitamente ligado á súa práctica musical, acompaña este percorrido por un repertorio no que aparecen músicos e compositores vencellados ao seu contorno, como Philibert Delavigne, Joseph Bodin de Boismortier, Marin Marais, Michel Corrette ou Charles Baton, xunto con obras atribuídas a Antonio Vivaldi a través da adaptación de Nicolas Chédeville. As pequenas pezas dedicadas ás flores, as musettes, as sonatas e as páxinas para zanfona e viola da gamba permiten achegarse á dimensión máis doméstica e persoal da música na corte francesa, lonxe do esplendor oficial de Versalles. Era aquela unha Arcadia feliz de pastores, pastoras e xentes de aldea que os cortesáns construían con arela, na procura dun regreso ás raíces da sinxeleza e da natureza que botaban en falta no seu mundo de sofisticación e intriga. O programa continúa despois o camiño desta linguaxe musical máis alá da corte, atravesando os Pirineos, onde os sons franceses podían transformarse ao entrar en contacto con novas tradicións. Entre a elegancia cortesá, a intimidade da música de cámara e a memoria dun mundo desaparecido, este concerto propón escoitar non só a música dunha época, senón tamén o rastro dunha muller que fixo da música un refuxio fronte á soidade.