# concerto 3 # colascione # percusión # fagot #
OS ALEGRES DÍAS DE NÁPOLES
música no tempo de Pedro Fernández de Castro
RESONET
MERCEDES HERNÁNDEZ soprano
DAVID SAGASTUME contratenor
CHRISTIAN LOSADA tenor
PAULO GONÇALVES frautas / zanfona
ROGERIO GONÇALVES fagot barroco / percusións
FERNANDO REYES tiorba / guitarra barroca / guitarra battente / colascione / dirección
Teatro Principal
Santiago de Compostela
venres 9 outubro 2026
20.00
Liderado por Mercedes Hernández e Fernando Reyes, o grupo compostelán Resonet presenta en primicia, tras un longo período de investigación, o seu proxecto Os alegres días de Nápoles. O programa ten como eixo as obras do libro I Lieti Giorni di Napoli dedicado por Girolamo Montesardo en 1613 a Pedro Fernández de Castro, vicerrei de Nápoles e sétimo Conde de Lemos. Un rico e colorido grupo instrumental pouco común nos nosos días (tiorba, colascione, guitarra barroca e battente, arquilaúde, fagot, frautas, violas, percusións…) acompaña as canzonetas e os madrigais de unha a tres voces de Girolamo Montesardo, ás que poñen voz a soprano Mercedes Hernández, o contratenor David Sagastume e o tenor Christian Losada.
Estas melodías acompañadas trasládannos a un universo de emocións, conceptos poéticos e sentimentos que eran esenciais e necesarios na vida do tamén duque de Sarria. Sen a música e os seus efectos non poderíamos comprender nin a arte, nin a vida social, nin as accións políticas dos personaxes daqueles tempos. Os tres puntos de partida para estes Alegres días de Nápoles son, ademais do pequeno libro I Lieti Giorni di Napoli de Girolamo Montesardo, que Resonet interpreta integralmente, o manuscrito incompleto Vilanelle et arie alla napolitana do mestre da Capela Real de Nápoles Giovanni Maria Trabaci e outras obras da época de Pedro Fernández de Castro relacionadas directamente ou con temáticas próximas ao vicerrei. Tamén nos atopamos con textos de Lope de Vega e Cervantes e un soneto do vicerrei e conde Pedro Fernández de Castro en Os alegres días de Nápoles de Resonet, un conxunto compostelán con 35 anos de carreira, historia e experiencia na música antiga cunha frutífera e especial atención á recuperación das músicas relacionadas co Camiño de Santiago e Galicia.
1. Tenor di Napoli
Bella cosa è la Pace
Tenor di Napoli
(Anónimo, Chigi Códex QIV28, s. XVII)
I Lieti Giorni di Napoli
(Girolamo Montesardo, 1612):
O fortunati giorni. Prologo di Mercurio
La peregrina
O felice quel giorno
2. Villanelle do tempo antigo.
Napoli gentile
Ballo di Fiorenza
(Anónimo, Chigi Códex QIV28, s. XVII)
Villanella, villanella mia (Anónimo.
Canzon Napolitane a tre voci. Venecia, 1566)
Marta gentile (Giacomo di Gorzanis. Secondo Libro
delle Napolitane a tre voci. Venecia, 1571)
Io mi vivea (Stefano Lando.
Canzon Napolitane a tre voci. Venecia, 1566)
Io di ch’e sturno / Passamezzo antico
(Ioan Domenico del Giovane de Nola.
Canzone Villanesche, 1541 /
Diego Ortiz. Tratado de Glosas. Roma, 1553)
3. Os condes de Lemos en Nápoles.
Galicia en Nápoles
Gaitas (Lucas Ruíz de Ribayaz.
Luz y Norte Musical, 1677; arr. Fernando Reyes)
Xaramago verde / Folías gallegas
(Tradicional galega – Canzoniere di Adriana Basile.
Inicio s. XVII. Biblioteca Nacional de Nápoles /
Santiago de Murcia. Saldívar Códex, 1732)
La Morenigna (Giovanni Maria Trabaci.
Secondo libro di ricercate, 1615)
4. O Conde de Lemos, escritor, e académico.
A Academia dos Ociosos
Ve el Sol en verde paz, Soneto
(Stefanio Jeronimo, música;
Pedro Fernando de Castro, texto)
Encontrándose dos arrolluelos
(Anónimo / Giovanni Maria Trabaci.
Vilanelle e arie alla napolitana, 1606.
Texto: Lope de Vega)
5. As dobres bodas reais. Nápoles, Madrid, París.
As grandes festas en Nápoles
La Cavallería de Nápoles (Gaspar Sanz.
Instrucción de Música de la Guitarra, 1675)
Quando borda el campo (Etienne Moulinié.
3º Livre d’Airs de cour. Paris, 1629)
Tarantellas/ Repicaban las campanillas
(Santiago de Murcia. Cifras Selectas, 1722 e
Resumen de Acompañar, 1714 / Etienne Moulinié.
3º Livre d’Airs de cour. Paris, 1629)
Quando mai tanti rai,
in lode del Ilmo. e Ecmo. Signore Duca d’Alba
(Giovanni Maria Trabaci.
Vilanelle e arie alla napolitana, 1606)
6. As delicias de Posillipo
A Serea Partenope
La Esfachata de Nápoles (Gaspar Sanz.
Instrucción de Música de la Guitarra, 1675)
La Sirena (Crescentio Salzilli. Libro 2º
delle canzonette a tre voci. Napoli, 1616)
Preludio e Colascione
(Giovanni Girolamo Kapsberger.
Libro 4º di Chitarrone. Roma,1640)
Avrilla mia / Sfessania (G. G. Kapsberger.
Libro 2º di villanelle e arie, 1623 /
Libro 4º di Chitarrone)
I Lieti Giorni di Napoli
(Girolamo Montesardo, 1612):
Scherzo d’Amore
Scherzo di Ninfe
La Faceta
7. Epílogo. O mecenas exemplar.
O gran conde de Lemos
Chacona de La Ilustre Fregona
(Música: Juan Arañés,
2º Libro de Tonos y Villancicos, 1624.
Texto: Miguel de Cervantes.
Novelas Ejemplares, 1613)
I LIETI GIORNI DI NAPOLI
O programa I lieti giorni di Napoli (Os alegres días de Nápoles) está articulado arredor das músicas do Nápoles do vicerrei e VIIº conde de Lemos Pedro Fernández de Castro e da súa esposa dona Catalina Sandoval. Esta mostra de variadas músicas e sons achéganos a ese elemento que era considerado esencial na vida cultural, social e política: a Música. No concerto fanse breves referencias a textos de Gian Battista Basile e doutras fontes que consideramos importantes para comprender e desfrutar esas músicas. A academia dos Oziosi (os Ociosos) contaba entre os seus participantes co vicerrei Lemos, co literato Gianbattista Basile e o nobre Giambattista Manso. Precisamente ao encontro de Manso con Pedro podería estar dedicada a obra Encontrándose dos arrolluelos, contida no manuscrito atribuido a Trabaci, mestre da capela Real de Nápoles nos tempos referidos. Entre as obras escollidas podemos destacar o canto en galego recollido no chamado cancioneiro de Andrea Basile, a máis famosa cantante de toda Italia nesa época e irmá de Giambattista. Escoitarán a primeira interpretación pública en tempos modernos dese canto, Xaramago verde. Recollido en texto para ser cantado pola virtuosa napolitana, tamén chamou a atención tempo máis tarde de frei Martín Sarmiento e foi recollida da tradición oral no Cancioneiro Popular Galego de E. Torner e J.Mª Bal y Gay. Ignorado ata hoxe, o que fora cantado pola máis famosa cantante da Italia do primeiro barroco non podía faltar neste programa. Outra peza de influencia galega é a gallarda La Morenigna, evidentemente relacionada cunha personaxe feminina galega. Unha imaxe dunha virxe, unha cortesá ou unha nena… non o sabemos con certeza. Outra das novidades é a interpretación dunha obra con texto do mesmo conde de Lemos, moi recoñecido como literato e mecenas, conservada con música nun manuscrito elaborado por G. M. Trabaci. Estas novidades das que como espectador, vostede, é primeiro partícipe, así como as obras de todo o programa, articuladas nunha dramaturxia dinámica e claramente xustificada, fan deste concerto un momento que proxecta a grandeza desas persoas que consideraban a Música e a cultura coma as máis importantes tarefas e ocupacións do ser humano. Vive Feliz.
Fernando Reyes / Mercedes Hernández
RESONET
Nace no ano 1989 en Santiago de Compostela co fin de dar á luz obras de tempos pasados. Despois de máis de trinta e cinco anos de actividade profesional, Resonet contribuíu e continúa a contribuír ao coñecemento e desfrute das músicas relacionadas con Compostela, con Galicia e tamén co Século de Ouro e as culturas Medieval, Renacentista e Barroca occidentais. Os medios para realizar o noso traballo son o estudo exhaustivo das fontes e da música, a dedicación profesional á interpretación e as súas técnicas e a consecuente liberdade creativa. As series de gravacións As Músicas de Santiago e As Músicas de Galicia mostran un patrimonio que ata a súa realización era totalmente descoñecido. Co seu traballo Resonet non só contribúe á recreación, ao coñecemento, ao descubrimento e ao desfrute do patrimonio musical, senón tamén a contemplar unha panorámica global do patrimonio cultural e histórico na que as diferentes artes e expresións están íntima e inevitablemente relacionadas. Nelas é esencial, como o era nas diferentes épocas, a Música. As Cantigas dos trobadores galegos, as Músicas de Santiago e dos peregrinos, os cantares de Rosalía, as panxoliñas e arias barrocas, as danzas devocionais dentro dos templos, as villanescas e arias do Nápoles dos vicerreis Pedro e Catalina ou as músicas da Viaxe de Exeria, entre outras, son parte dese rico tesouro que compartimos coas persoas que nos acompañan na nosa viaxe. Agradecemos así a todas as persoas que nos apoian. Sen elas sería imposible avanzar nesta apaixonante peregrinación.
FERNANDO REYES
Inicia os seus estudos como neno cantor na Escolanía da Catedral de Santiago de Compostela. Especialízase nos instrumentos antigos de corda pulsada no Conservatorio de Toulouse e na Staatliche Hochschule für Musik de Trossingen (Alemaña) con Rolf Lislevand. Como instrumentista, realiza unha intensa actividade de concertos e gravacións como solista e acompañante por toda Europa. Ademais, compuxo e dirixiu a música de diversas obras teatrais, publicou diversos artigos sobre música antiga e varias guías musicais e libros-CD. Ten impartido numerosos seminarios e conferencias en diferentes universidades e centros de ensino europeos. Realiza unha grande investigación sobre a orixe da chacona, que se plasma en 2022 no proxecto Chacona, a canción de Santiago, con numerosos concertos, unha gravación discográfica e unha grande exposición no Museo das Peregrinacións e de Santiago, da que é comisario. Grava, como solista, Viaxe a Compostela, con músicas sobre diarios de peregrinos, e con Mercedes Hernández grava Tonos de Amor, dedicado ás cancións para voz e guitarra do autor barroco José Marín.
MERCEDES HERNÁNDEZ soprano
Nace en Santiago de Compostela, onde canta dende nena en diversos coros. Estuda canto, especializándose en música antiga, no Conservatorio de Toulouse (Francia), na Musikhochschule de Trossingen (Alemaña) e na Schola Cantorum Basiliensis (Basilea, Suíza) con profesores como Guillemette Laurens, Richard Levitt, Montserrat Figueras, Nicolau de Figueiredo e René Jacobs. Colabora en concertos e gravacións con importantes grupos como La Capella Reial de Catalunya (Jordi Savall), Le Parlement de Musique (Martin Gester), Ensemble Elyma (Gabriel Garrido), The Harp Consort (Andrew Lawrence King), La Fenice (Jean Tubery), etc., tendo actuado en moitos dos principais auditorios e festivais de Europa e América. Funda o grupo de música antiga Resonet co laudista Fernando Reyes en Santiago de Compostela, realizando numerosas gravacións centradas nas músicas antigas do Camiño de Santiago e de Galicia. Tamén con Fernando Reyes grava Tonos de Amor, dedicado ás cancións para voz e guitarra de José Marín.
