# concerto 2 # voz # arpa barroca #

A NOVA MÚSICA
o nacemento da ópera

ARS ATLÁNTICA
RAQUEL MENDES  soprano
MANUEL VILAS  arpa italiana de tres rexistros / dirección

Jacopo Peri / Giulio Caccini / Claudio Monteverdi / Sigismondo D’India / Benedetto Ferrari / Francesco Cavalli / Tarquinio Merula

Teatro Principal
Santiago de Compostela
mércores 7 outubro 2026
20.00

Musicalmente falando, a inicios do século XVII prodúcese en varias cidades italianas unha serie de acontecementos que servirán de perfecto escenario para o nacemento dunha das máis grandes manifestacións artísticas da historia: a ópera. Segundo algúns, nace como espectáculo para as altas esferas sociais nas cidades de Florencia e Mantua; segundo outros, como espectáculo público desenvolto previo pago dunha entrada (Venecia). Neste programa encargo do festival e que se presenta en primicia no Ateneo Barroco 2026, Ars Atlántica inclúe obras de todos estes ambientes musicais, nunha rápida viaxe polo fascinante universo das primeiras manifestacións operísticas guiada por creacións dos grandes autores deste contexto: Claudio Monteverdi, Giulio Caccini, Jacopo Peri, Benedetto Ferrari, Francesco Cavalli, Tarquinio Merula ou Sigismondo D’ India.

Un dos firmes obxectivos do Festival Ateneo Barroco, que vén mostrando dende a súa primeira edición, é a súa vocación de plataforma de mostra, de intercambio e de diálogo dos artistas e intérpretes galegos, recoñecidos especialistas que teñen centrado os seus esforzos formativos e a súa traxectoria profesional e investigadora na música antiga, con prestixiosos músicos e artistas nacionais e internacionais; fórmula que dende a creación do festival vén dando excelentes froitos e deixando unha imborrable pegada a colaboración / residencia de Ars Atlántica, conxunto que lidera o incansable investigador, sensible artista e magnífico arpista compostelán Manuel Vilas, un solista de primeiro nivel, especialista en acompañamento de grandes voces, colaborador habitual cos máis prestixiosos conxuntos de música antiga, docente e investigador que traballa dende hai máis de dúas décadas no máis ambicioso e frutífero proxecto de recuperación e gravación relacionado cos tons e toadas do Barroco ibérico. Neste novo programa enfocado no particular e decisivo momento do nacemento e dos primeiros pasos da ópera, Ars Atlántica e Manuel Vilas contan coa colaboración da soprano portuguesa Raquel Mendes, unha das voces con máis personalidade, talento, riqueza expresiva e proxección do seu país e do panorama europeo nas músicas antigas e do Barroco. Como instrumento acompañante neste novo proxecto de Ars Atlántica salienta a arpa barroca italiana a tre registri, un tipo de arpa que consta de tres filas de cordas paralelas e con moita presenza na Italia desta época.

 

Jacopo Peri (1561-1633) / Ottavio Rinuccini (1562-1621)
Dafne (Florencia ca.1598)
“Chi da’ lacci d’amor”, só de Venere
“Bella ninfa”, coro final (música de Jacopo Corsi, 1561-1602)

Benedetto Ferrari (c.1603-1681)
Io son amante d’un crin aurato (Venecia, 1633)

Giulio Caccini (1551-1618)
Le Nuove Musiche (Florencia, 1601-1614)
Amarilli mia bella
Non ha’l ciel co tanti lumi

Anónimo romano (século XVII)
Tocata – Chacona

Claudio Monteverdi (1567-1643) / Ottavio Rinuccini (1562-1621)
L’ Arianna (Mantova, 1608)
“Lasciatemi morire” (lamento d’Arianna)

Sigismondo D’India (c.1582-1629)
Un di soletto (Milán, 1609)

Anónimo romano (século XVII)
Tenore di Napoli – Barriera

Claudio Monteverdi (1567-1643)
Si dolce è il tormento (1624)

Francesco Cavalli (1602-1676)
Gli amori di Apollo e Dafne (Venecia, 1640)
“Quel bel fior”, aria de Filena

Tarquinio Merula (1595-1665)
Canzonetta Spirituale sopra alla nanna (Venecia, 1639)

 

ARS ATLÁNTICA
Creado en 2007 polo arpista Manuel Vilas, o ensemble Ars Atlántica dedícase á investigación e interpretación de repertorio dos séculos XII ao XVIII de ámbito latino (portugués, español, italiano e hispanoamericano), centrándose sobre todo en obras barrocas para voz soa e continuo e instrumentos melódicos e continuo. Ten actuado no Real Coliseo de Carlos III (El Escorial), Museo do Teatro de Almagro, Festival Bijloke (Gante), Festival Música-Músika (Bilbao), Festival de Órgano de Cascante (Navarra), Festival de Arte Sacro de Madrid, Festival de Música Española de Cádiz, Festival de Música Antiga de Xixón, Festival de Arte Sacro (Quito), Festival Via Stellae e Festival Ateneo Barroco (Santiago de Compostela), Festival dos Pirineos, Quincena Musical Donostiarra, Festival de Vélez-Blanco, Festival Internacional de Santander, Semana de Música Antiga de Álava, Semana de Música do Corpus (Lugo), etc. O primeiro disco de Ars Atlántica consistiu na primeira gravación mundial das cantatas venecianas procedentes do palacio Contarini en Piazzola Sul Brenta (Padova), interpretadas xunto á mezzosoprano Marta Infante, rexistro sonoro que recibiu excelentes críticas, así como o galardón Prelude Award Music (Holanda) como un dos mellores discos de música antiga de 2010.

Ars Atlántica e o seu director Manuel Vilas levan adiante o proxecto de gravación dos 100 tons humanos procedentes do chamado Manuscrito Guerra (século XVII), que contén pezas vocais do barroco español para unha voz e continuo. O proxecto consta da gravación da totalidade das pezas deste manuscrito en seis discos compactos para a discográfica inglesa Naxos e recibiu excelentes críticas e varios premios: disco excepcional da revista Ritmo (2011), disco do mes da Musicweb internacional (2012), disco do mes revista Ritmo (2022) e premio de GEMA (Asociación de Grupos Españois de Música Antiga) á mellor investigación e ao mellor proxecto discográfico. Entre os proxectos de Ars Atlántica salientan o espectáculo A palabra oculta, xunto á actriz Mónica de Nut, dedicado a músicas e textos de monxas de clausura do barroco español e americano; Rinaldo at home, a célebre ópera de Haendel na súa versión reducida de 1711; Vivir la vida airada, recreación dun sarao español do século XVII; Baladas do Gran Canal, dedicado a cancións de gondoleiros do século XVIII; e monográficos dedicados a Juan del Encina, Barbara Strozzi, etc. Un dos seus proxectos máis peculiares é o titulado Monte/Verdi, xunto á soprano Roberta Invernizzi, centrado en arias de ópera en versións reducidas dende Claudio Monteverdi até Giuseppe Verdi. Ars Atlántica realizou varios proxectos dedicados aos tons humanos polifónicos xunto ao conxunto vocal Vandalia; un deles, dedicado ao Cancionero de la Sablonara recibiu a bolsa Leonardo da Fundación BBVA. Outro dos seus proxectos ten como obxectivo dar unha nova visión de certos aspectos da música do Perú, sempre traballando dende as fontes orixinais e dando un importante papel á música tradicional, cuxo primeiro resultado é o disco Castilla del Oro centrado na música dos conquistadores de Perú; un segundo disco, co título de Yaya Kuntur (Padre Cóndor) está centrado no himno en latín e en quechua dos séculos XVI ao XIX.

MANUEL VILAS  arpa italiana de tres rexistros / dirección
Inicia os seus estudos musicais na súa cidade natal, Santiago de Compostela. Estuda arpas antigas dos séculos XII ao XVIII, en Madrid con Nuria Llopis e en Milán con Mara Galassi. Ten colaborado con numerosos conxuntos como Les Musiciens du Louvre, Al Ayre Español, Musica Ficta, Capela de Ministrers, Música Temprana, Ensemble Elyma, Coro da Comunidade de Madrid, Le Tendre Amour, La Hispanoflamenca, Forma Antiqva, La Galanía, Musica Temprana, Private Musick, La Grande Chapelle, Vandalia, O Bando do Surunyo, Ars Longa de La Habana, La Trulla de Vozes, Qvinta Essençia, Orquesta Barroca de Sevilla, Harmonia del Parnás, Coro Nacional de España, etc., nos máis importantes festivais de España, Alemaña, Cuba, Estados Unidos, Ecuador, República Checa, Paraguai, Austria, Portugal, Uruguai, Suíza, Francia, Bolivia, Bélxica, Arxentina, Noruega, Italia, Chile, Colombia, Hungría, Holanda, etc. Ofrece concertos como solista con programas centrados na música barroca española, americana e italiana, e imparte habitualmente conferencias e cursos en diferentes países. Ten colaborado, como acompañante e solista, en máis dun cento discos con diferentes conxuntos e discográficas. Ten participado en producións operísticas en París, Viena, Madrid, Potsdam, Xenebra, México, Berlín, Múnic, Bilbao, Oviedo, Vigo, San Sebastián, Almagro, etc., e foi o primeiro arpista en ofrecer un curso de arpa barroca española en Estados Unidos e en Cuba. Dende hai anos está centrado nun ambicioso proxecto de recuperación de tons humanos, un tipo de canción profana do século XVII español, que xa deu como froito varios discos compactos xunto a cantantes como Raquel Andueza, Marta Infante ou Félix Rienth publicados en diversas discográficas (Naxos, Enchiriadis, Arsis e La Má de Guido). É director artístico do proxecto de gravación dos 100 tons do Manuscrito Guerra (século XVII), manuscrito que investiga dende hai máis de vinte anos e cuxa gravación integral publicou na discográfica Naxos en seis discos compactos. Foi convidado para ofrecer clases maxistrais sobre arpas antigas no Festival de Flanders (Gante) e no Conservatorio da Haia. Tamén foi asesor no proxecto patrocinado pola Generalitat Valenciana de recuperación dos instrumentos dos frescos da Catedral de Valencia.

En 2007 funda o grupo Ars Atlántica, que se presenta no Festival Via Stellae (Santiago de Compostela) coa estrea en tempos modernos das cantatas procedentes do palacio que a familia Contarini posuía preto de Venecia. A gravación destas cantatas, xunto á mezzo Marta Infante, foi galardoada en Holanda co premio Prelude Classical Music como uns dos mellores discos de música antiga de 2010. Así mesmo, é pioneiro no estudo de certo tipo de arpas hoxe totalmente esquecidas, como a arpa xesuítica chiquitana (Bolivia, s. XVIII), a arpa dobre que circulaba pola coroa de Aragón no século XIV e, recentemente, presentou no Festival de Música e Musicoloxía iberoamericana o seu estudo sobre a  arpa no Virreinaro do Perú e a reprodución da arpa de Santiago Apóstol de Huachacalla (Oruro, Bolivia, s. XVIII). Foi convidado a representar a España no VI Festival Mundial de Arpa en Asunción (Paraguai), sendo o primeiro arpista en ofrecer un recital de arpa de dúas ordes neste país.

Unha das súas especialidades é ofrecer recitais con cantantes, tendo acompañado a Marta Infante, Guillemette Laurens, Raquel Andueza, Isabel Monar, Juan Sancho, Roberta Invernizzi, Mercedes Hernández, Maria Jonas, Magdalena Kozena, Marivi Blasco, Jose Antonio López, Isabel Álvarez, María del Mar Fernández Doval, Lidia Vinyes Curtis, Francisco Fernández-Rueda, Felix Rienth, Yetzabel Arias, Monica Piccinini, etc. Forma coa cantante Paloma Gutiérrez del Arroyo un dúo estable dedicado ás músicas monódicas do medievo e resultado deste traballo é o compacto sobre a figura do trobador Bernart de Ventadorn titulado Chantador de joi d`amor editado polo selo holandés Etcétera; un dos últimos traballos do dúo é o espectáculo 115: A Cantiga máis longa, onde interpretan a Cantiga de Santa María número 115acompañada de proxeccións das miniaturas orixinais.

Foi profesor de arpa medieval e renacentista nos cursos de música medieval de Morella (Castellón) e actualmente é profesor de arpa medieval no CIMM (Centro Internacional de Música Mediaval de La Valldigna). Recentemente presentou na American Society of New York o seu traballo sobre o himno cuzqueño dos séculos XVI ao XIX. No seu afán investigador respecto ao mundo dos tons humanos, recentemente presentou o proxecto O retorno das Musas, dedicado ás actrices-músicas teatrais do século XVII, xunto á célebre cantante e instrumentista do mundo da música tradicional Vanesa Muela, dando así novas perspectivas ao xénero. Posúe o seu propio canal de youtube onde se pode ver e escoitar parte do seu proxecto audiovisual que amosa diversas arpas antigas en diferentes localizacións de Santiago de Compostela (ArpaManuelVilas).

RAQUEL MENDES  soprano
Natural de Braga, Raquel Mendes é unha soprano cuxa versatilidade reúne unha ampla variedade de repertorios e xéneros musicais, desenvolvendo unha frutífera carreira como solista, como membro de ensemble e en música de cámara. Comezou os seus estudos musicais de violín no Conservatorio de Música Calouste Gulbenkian de Braga, centro onde completou os estudos de canto baixo a dirección de Inês Sofia, tendo estudado anteriormente coas mestras Maria José Carvalho e Ana Rute Rei. En 2019 obtén coa máxima cualificación a Licenciatura de Canto, baixo a dirección de António Salgado, na Escola Superior de Música e Artes do Espetáculo (ESMAE) do Porto. No Prémio Jovens Músicos 2024 obtivo o Primeiro Premio na categoría de música barroca e o Segundo Premio na categoría de canto e tamén foi galardoada co Primeiro Premio no Concurso de Canto da Fundação Rotária Portuguesa 2023, co Primeiro Premio no Concurso Internacional de Música Cidade de Almada e co Segundo Premio no Concurso José Augusto Alegria. Raquel Mendes é membro co-fundador dos ensembles Il Filo d’Oro e L’Amoureux Empire, grupos enfocados na interpretación historicamente informada de música do século XVII. Colabora habitualmente con prestixiosos ensembles como La Grande Chapelle, Ludovice Ensemble, Ensemble Bonne Corde, Cupertinos, Bando de Surunyo, Concerto Campestre, Moços do Coro ou Ars Combinatoria. Como solista ten estreado obras de compositores portugueses como Alexandre Delgado, Pedro Lima, Francisco Fontes, Afonso de Portugal, João Santos, Tiago Candal, Agnelo Marinho ou Gonçalo Mota. Cantou como solista o Réquiem de Mozart, Dixit Dominus de Haendel, Vespro della Beata Vergine de Monteverdi, Gloria de Vivaldi, Cantata BWV 38 e Misa BWV 233 de Bach, Oratorio de Nadal de Saint-Saëns, Réquiem de Fauré, etc., actuando en salas como a Capela Real de Madrid, Auditorio de Zaragoza, Auditorio Nacional de Madrid, Grande Auditório da Fundação Calouste Gulbenkian, Teatro São Luiz, Theatro Circo, Teatro Nacional São João, Sala Suggia, Teatro Municipal da Guarda, Teatro Municipal de Castelo Branco, Teatro Garcia Resende, Cine-Teatro Garrett, Teatro Helena Sá e Costa, etc. A súa discografía comprende diversas gravacións como solista e en ensemble para os selos Hyperion Records, Lauda Musica e Ramée. No eido da música de cámara ofrece recitais regularmente xunto aos pianistas Ana Isabel Santos e Ángel González.